Por Manuel Rodríguez Alonso
O segundo artigo en que se comenta Cantares gallegos tras a súa edición é o que lle dedica José María Posada en Faro de Vigo de 26-VIII-1863, só once días despois do de López dela Vega, que analizamos nunha achega anterior.
José María Posada, xunto co seu curmán José Carvajal y Pereira, fundara Faro de Vigo en
1852 e apareceu o seu primeiro número o 3 de novembro de 1853. Posada
nacera en Vigo en 1817. Tras abandonar os estudos de Teoloxía, estudou
Dereito en Santiago. Pertence, xa que logo á xeración anterior á de
Rosalía e Murguía. Nos anos universitarios de Santiago foi membro da Academia Científico Literaria
xuntamente cos Añón, Romero Ortiz, Domínguez Izquierdo, Rúa Figueroa ou
os irmáns Faraldo. Xa nos anos mozos e universitarios colabora en El Idólatra de Galicia e El Recreo Compostelano.
Posiblemente, quen mellor penetrou na figura e pensamento de Posada
foi Rafael Chacón nun breve estudo que lle dedica no número 100 de Grial
a propósito dunha carta que Rosalía lle remitiu a Posada o 23 de xuño
de 1868, que reproduce neste estudo Rafael Chacón.
Posada, á parte de xornalista, foi poeta en galego e castelán ou autor de obras en prosa castelán como Un paseo de Vigo a Bayona
(1866). Faleceu segundo algúns en Pontevedra en 1886, aínda que Chacón
sitúa esta data en 1882. Martínez Salazar, en 1888, e na Biblioteca Gallega, publicou, xa morto Posada, Poesías selectas, que reunía poesía en galego e castelán do escritor e xornalista vigués.
Posada publicara en 1865 un libriño de poesías en castelán, que lle
remitiu a Rosalía. A devandita carta de Rosalía, en que lle agradece o
envío do libro, é de 23 de xuño de 1868.
Como ben sinala Chacón, Posada sentíase vinculado a Rosalía porque a súa poesía era expresiva do que o propio Posada chamaba o mal du siècle,
é dicir, o sentimento de desengano e pesimismo, na liña romántica de
Madame de Stäel, Chateaubriand e Lamartine, que Posada, como ben sinala
Chacón, atribuía a unha reacción cristiá-romántica fronte ao
materialismo que trouxera o século XVIII. Engade Chacón que no libro de
1888 aparece un poema titulado “A Rosalía de Castro”, da que Posada se sente poeticamente irmán (Grial 100, páx. 288).
Posada aparece tamén representado no Álbum de la caridad polo seu poema “Flores de mayo”, en castelán, e de ton relixioso convencional.
Como xa vimos e ben sinala Chacón, Posada en relixión ou política era un católico conservador. Sabido é que Faro de Vigo, fronte á progresista La Oliva dos Chao-Compañel-Murguía, naceu para defender os intereses dinásticos e, como ben sinala Chacón, no devandito artigo foi órgano dun dos caciques provinciais, Elduayen.
Ben é certo que Posada rematou os seus días en Pontevedra desenganado
da actividade política e convertido nun misántropo, por estes desenganos
políticos.
Xa que logo, Posada cara a 1865 cando publica este libro e malia
pertencer a unha xeración anterior á de Rosalía, considera a esta unha
mestra na poesía e, por iso, lle envía o libro, como ben sinala Chacón.
Mais Posada era un exemplo do que algúns denominan romanticismo
conservador e católico, como xa vimos e ben sinalou Chacón no devandito
artigo. E iso vai condicionar a súa interpretación dos Cantares gallegos.
Xa no primeiro parágrafo, por mais que Cantares sexa un libro en galego, Posada quere deixar claro que o poemario debe entenderse dentro dunha España unitaria: Cuando
damos a nuestro corazón un pasto tan saludable… como los Cantares
gallegos… no podemos menos que bendecir nuestro nativo país, que en
honor y gloria de España produce inteligencias tan distinguidas y almas
tan sensibles…
Posada valora o poemario de Rosalía porque no solo hace una
pintura fiel de la bella Galicia, sino que describe con maestria las
buenas costumbres de sus habitantes y expresa con el tacto más exquisito
los nobles y delicados sentimientos del corazón gallego.
Xa que logo poesía paisaxística e que é valorada, porque fronte aos
novos costumes urbanos, presenta unha sociedade idílica, coma do Antigo
Réxime, chea de labregos felices e de bos sentimentos. A seguir, o
crítico presenta Galicia como o tópico locus amoenus. A poesía popular galega, para Posada, únese á relixión nas festas que se celebran nos seus numerosos santuarios: ¿Y
sus religiosos santuarios en que una piedad sin ejemplo agrupa tantas
comarcas entre músicas y cantares tiernos y edificantes, que surgen de
corazones en que rebosa esa vida y energía inagotables, que solo da el
sentimiento religioso?
Deste xeito, Posada entra xa na manipulación da poesía de Rosalía, subliñando o paisaxismo e o popular, entendidos como locus amoenus
habitado por campesiños católicos e sinxelos. Unha especie de Arcadia
conservadora, moi do gusto de Posada e dos conservadores do seu tempo, e
lonxe do socialismo utópico, o krausismo e outras ideoloxías
progresistas, que como veremos noutras entregas, pesaban decisivamente
en Cantares gallegos.
A seguir defende Posada o galego, mais non por arela normalizadora,
como algúns poden pensar, senón polo que podemos chamar, seguindo aos
clásicos, decoro ou harmonía entre o tipo de lingua utilizado e
máis o tema tratado. A unha sociedade primitiva e rural, mesmo
arcádica, correspóndelle un dialecto campesiño e sen normalizar e tamén
sen presenza na chamada literatura culta: Ha cantado Galicia con la
misma voz melodiosa de Galicia, para formar de sus variados cantares un
todo armonioso; un todo verdaderamente gallego.
Este camiño será seguido, como veremos tamén no seu día, pola Pardo Bazán ao analizar a poesía do Rexurdimento.
Pon Posada como exemplo de poema logrado o de ¡Airiños, airiños aires”. Este poema xa se publicara no Álbum de la caridad
co título de “Terra a miña”, que na edición de 1863 en libro desaparece
e será coñecido definitivamente polo primeiro verso do cantar que
glosa.
Posada reproduce o poema enteiro e sinala que no poema parece que el alma se deshace en amor por todo lo que más adora…
É dicir, Posada agocha o forte contido social do poema, pois está posto
na boca dunha emigrante que se laia de estar lonxe da súa terra,
cultura e persoas que ama. Carballo Calero di que este poema, xunto cos
XV, XVIII XXVIII da edición de 1872 e a resposta a Aguilera, son as que chamaremos poesías sociás ou patrióticas (Historia da literatura galega contemporánea, páx. 169). É dicir, que Carballo pon este poema, en canto a protesta social, á par de “Castellanos de Castilla”, a XXVIII.
Xa que logo, a crítica de Posada é a segunda, tras a de López de la
Vega, xa vista na entrega anterior, que se publica nun medio galego
despois da edición de Cantares. Na prensa galega contemporánea de Cantares xa non haberá máis artigos dedicados ao poemario que abre o Rexurdimento.
Os comentarios que aparecerán en 1863 e 1864 (os de E. Escalera,
Francisco de Paula Canalejas e Ruiz Aguilera) sairán na prensa
madrileña.
Posada, ademais, inaugura a crítica conservadora sobre Rosalía,
subliñadora do popular, paisaxístico e ata cunha esaxeración da
relixiosidade, agochando todos os aspectos conflitivos da obra
de Rosalía, comezando polo da protesta social. Reproduce un dos poemas
sobre a emigración, que todos os rosalianos consideran tipicamente
social e baseado na emigración para desvirtualo como un poema [no que] el alma se deshace en amor por todo lo que más adora… Se usa o galego é sobre todo porque a unha poesía popular rural e inxenua lle convén, de acordo coa tradición retórica do decoro, un dialecto
tamén rural e propio de campesiños. Ademais que ninguén se engane:
aínda que aparezan o galego e Galicia, esa diferenza só se pode entender
asumindo a unidade de España e serve para gabar precisamente a patria
española común, diversa mais unha soa, na liña do que será
posteriormente o regionalismo ben entendido. Por aí transitaría a interpretación da condesa de Pardo Bazán ou dos grandes defensores do regionalismo bien entendido como o célebre, arquilido e superinfluente Jaime Solá… e a súa tan exitosa revista Vida gallega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario