Por Manuel Rodríguez Alonso
O primeiro poema en galego publicado por
Rosalía de Castro foi o que hoxe se coñece popularmente como “Adiós,
ríos; adiós, fontes” e que figura na edición dos Cantares gallegos
de Compañel (1863) como o número 13. Realmente na edición de 1863 e nas
seguintes o poema figura sen título. Este título débese sen dúbida ao
propio Murguia, que en Los precursores (1866) di que Rosalía escribiu este poema en 1861 para publicalo en El Museo Universal, como así sería: Nos
rodeaba la desolada estepa… Solo allá, al fondo, el viejo Guadarrama,
en cuya cima blanqueaba la nieve… Contemplando este cuadro, y recordando
en presencia de semejantes esterilidades la exuberancia de los campos
gallegos, sintió nuestra escritora la necesidad de escribir y publicar
un libro en que se reflejasen con toda su poesía y pureza, los paisajes y
la vida entera de la gente de nuestro país…Y aquella misma noche, presa
el alma de las profundas tristezas de quien, sin tocar en sus
veinticuatro años, se creía ya con un pie en el sepulcro; sospechando
que ya no volvería a ver de nuevo el cielo de la triste Compostela, bajo
el cual le aguardaban, trazó con mano rápida y con la brevedad de la
improvisación, aquellos versos tan tristes y tan hermosos que llevan por
glosa la canción popular más en consonancia con el estado de su
espíritu, Adiós ríos, adiós fontes, versos que vieron entonces la luz en
El Museo Universal (Los precursores, 1866, páxs. 185-186).
A partir deste momento o célebre poema pasou a ser coñecido como
“Adiós, ríos; adiós, fontes”, mais a autora nunca o titulou así. O
título procede do texto de Murguía. Nas edicións de 1863 e 1872 figura
sen título. O seu título sempre que se publicou solto antes da edición
en libro de 1863 é a de “Adios que eu voume”. Este poema publicouse por
primeira vez solto en El Museo Universal o 24 de setembro de
1861. O título do poema é “¡Adios, qu´eu voume!” Conserva este título
nas edicións soltas que se fan deste poema de Rosalía en 1862, tanto na
revista Galicia. Revista universal de este reino (no número 16, de quince de agosto de 1862) como en El Álbum de la caridad
(1862). Mais este título desaparecerá das edicións en libro, tanto da
de 1863 coma da de 1872. Como xa dixemos, todos os investigadores
pasarán a titulalo cos primeiros versos do cantar popular que glosa o
poema, como fixo Murguía en Los Precursores (“Adiós ríos, adiós fontes”).
Na edición de 1861 de El Museo Universal, así como nas da revista Galicia ou na de el Álbum de la caridad de 1862, consérvase o título (“Adiós que eu voume”).
Mais hai unha estrofa que aparece na edición de El Museo Universal e que desaparece na de Galicia e tamén na do Álbum de la caridad. Desaparecerá tamén das edicións en libro xa desde a primeira edición de 1863. Tras a estrofa que remata co verso o que naceu desdichado ía na edición de El Museo Universal estoutra, que desaparece, como xa indicamos nas edicións posteriores: Por
xiadas, por calores / Desde qu´amañece ó día / Dou á terra os meus
sudores /Mais canto a terra cría/ Todo… todo e dos señores.
O historiador Xosé Antonio Durán atribúe a desaparición do que chama estrofa maldita de Cantares
a Murguía. O historiador rianxeiro atribúe esta supresión a que nela
Rosalía defendería concepcións sobre a propiedade da terra propias do
socialismo utópico, que non lle parecerían acaídas a Murguía.
O que engaden as edicións en libro do poema a partir da primeira de
1863 é o cantar popular, que falta nas tres edicións soltas, tanto na de
1861 como nas de 1862: Adios, rios, adios fontes, / Adios regatos pequenos, / Adios vista dos meus ollos / Non sei cando nos veremos.
Xa que logo, polo tema e mais polo cantar popular anónimo do que o
poema rosaliano acaba por ser glosa na edición en libro, este primeiro
poema de Rosalía cabe incluílo dentro da nova dirección que toma a
lírica cara á metade do século XIX, que se afasta da altisonancia da
lírica romántica de Espronceda, Rivas ou Zorrilla, que, como ben sinala
Navas Ruiiz, Valera xa declaraba cousa do pasado en 1854. Fronte a este
romanticismo solemne e altisonante proponse como fai Ruiz Aguilera no
prólogo de Ecos nacionales (1849) unha poesía de locución
decorosa, nin vulgar nin altisonante, que amose sentimentos sinxelos e
que constitúa unha revelación simbólica e sinxela da verdade, así como
que constitúa un exemplo moral para a nación. Trueba no prólogo da
edición dos seus Cantares de 1851 incide na mesma idea,
enfantizando que o sentimento é a esencia do poético e que está
refuxiado no pobo e mais na lírica popular. Do mesmo ou parecido xeito
exprésanse Manuel Cañete no prólogo de La Primavera (1850) de Selgas, Luis Eguílaz no de Baladas
(1853) de Vicente Barrantes. En xeral, estes prologuistas gaban o
intimismo, sinxeleza, espritualismo, vaguidade, que lembra a poesía
nórdica.
En definitiva é o ambiente en que se desenfatiza a anterior poesía
romántica e se salienta o sentimento, considerando que o pobo é o seu
gran depositario. Cómpre agora expresar sentimentos íntimos en intucións
breves e fugaces, como fixera o propio Campoamor nas Doloras (1854).
A isto cómpre unir a influencia do romanticismo alemán, especialmente
o de Heine. Fundamental foi a tradución dos quince poemas de Intermezzo que fixo precisamente en El Museo Universal
Eulogio Florentino Sanz en 1857, co título de “Poesía alemana.
Canciones de Enrique Heine”. Tamén se deron a coñecer por estes anos
Goethe, Schiller, Uhland e Antonio Arnao traduciu varios lieder
de Schubert e Schumann. Este influxo alemán únese ao movemento
autóctono visto enriba de aprecio polo popular e a primacia do
sentimento. Ao xeito de Herder, o pobo é depositario da tradición e do
sentimento, mais tamén suxeito de reivindicacións sociais inexcusables
para aumentar a súa calidade de vida.
Os poemas que xorden agora nesta liña de imitación do popular,
especialmente da lírica popular anónima expresada en coplas destinadas
ao canto. Entendemos neste sentido copla do xeito en que a define o Dicionario da RAG 20012: Composición poética, polo xeral de catro versos, para ser cantada. Mais algúns denominan impropiamente a esta composición de catro versos cantar. Na época en que Rosalía redacta Adios qu´ eu voume entendíase, como ben expresa o propio Trueba en Libro de los cantares, a palabra cantar
como o conxunto formado pola copla popular anónima e máis o poema que a
glosaba, que adoitaba ter carácter narrativo ou lírico-narrativo. Así o
cantar sería unha composición de carácter
lírico-narrativo, moi influída pola sensibilidade da lírica popular
anónima e tamén polos modelos dos países nórdicos, especialmente de
Alemaña. O cantar neste sentido sería o equivalente ao inglés ballad (balada) ou o alemán lied. Como ben sinala Navas Ruíz (Poesía española. El siglo XIX. Visor 2010): Baladas serían, asimismo, otras creaciones poéticas, como los Ecos nacionales (1849) de Ruiz Aguilera e incluso los Cantares gallegos (1863)
de Rosalía de Castro. Responden, en efecto, a la definición de balada
(en inglés ballad, en alemán lied): composición poética, generalmente
breve, de carácter lírico-narrativo, originaria de los países nórdicos (páx. 42).
O primeiro en escribir este tipo de baladas sería Ruiz Aguilera (1849) cos Ecos nacionales e despois Trueba co seu Libro de los cantares (1851). A liña continuaría coas Baladas (1853) de Barrantes.
Esta lírica está profundamente ligada a El Museo Universal.
Xa que logo o primeiro poema en galego de Rosalía é un cantar, entendido
como sinónimo de balada ou lied, ou como o conxunto da copla popular
anónima e a súa glosa. Mais na edición de El Museo Universal
non aparece para nada a copla popular anónima, que se engadirá na
edición en libro en 1863. Nestas baladas habíaas de tema histórico ou
que trataban temas contemporáneos, pero tamén simbólicas e amorosas e
mesmo as que prestaban atención a problemas sociais como a pobreza do
labrador, a desgraza do pobre que tiña que ir á guerra ou á dor da
emigración.
Xa que logo, “Adios qu´eu voume” é un cantar, lied ou balada de tema
lírico-narrativo (expresa o sentimento de dor de quen ten que abandonar a
terra onde naceu), mais tamén ten un contido social claro. O
protagonista do poema non se vai de Galicia por espírito aventureiro nin
por un desengano amoroso. Vaise nas edicións do poema onde se suprime a
estrofa maldita porque son probe. A causa da pobreza é algo tan inconcreto, nesa mesma estrofa, como o nacer desdichado: a miña terra n-é miña / que hastra lle dan de prestado / a beira por que camiña / ó que naceu desdichado.
Mais se lle engadimos tras desdichado a estrofa de El Museo Universal a causa da de que sexa desdichado é moi clara: a propiedade da terra, que non é de quen a traballa: Por
xiadas, por calores / Desde qu´amañece ó día / Dou á terra os meus
sudores /Mais canto a terra cría/ Todo… todo e dos señores.
Rosalía, na liña do socialismo utópico, ve que a causa da emigración e do sentimento tan exquisito para algúns da morriña é que Todo… todo é dos señores. Ese señores é dunha acertada e grande ambigüidade, válido para o seu tempo, mais tamén para hoxe. Os señores
poden ser os que cobran os foros, as novas oligarquías que traerán o
Estado liberal de Isabel II e mais a Restauración, mais hoxe en día
poden ser os neoliberais, que cos recortes fan que emigren moitos mozos e
mozas galegos.
Por outra banda, a paisaxe é fermosa, pero para vivir na patria de noso cómpre andar Por xiadas, por calores / Desde qu´amañece ó día. E iso non parece que se poida cambiar. Por iso, o mozo emigrante, con toda a dor que se queira, xa non pode máis e exclama: ¡Adiós, qu´eu voume!
A emigración é dor, evidentemente, mais tamén é unha saída para fuxir
da tiranía e da explotación económica, que se amosan como invencibles en
Galicia. Hai nostalxia da paisaxe, dos costumes ou mesmo da muller a
quen se ama, mais tamén alporizamento porque os señores fan moi difícil a vida nese suposto paraíso, que para quen é realmente un paraíso é para os señores.
Xa que logo,a estrofa maldita suprimida é fundamental para
dotar de sentido este poema rosaliano. A causa da emigración é o sistema
de propiedade da época do reinado de Isabel II e o seu sistema
sociopolítico, que se consolidará na Restauración.
Nunha publicación como El Museo Universal podía pasar máis
desapercibida, pois líase como unha figura retórica sen máis. Mais D.
Antonio María de la Iglesia, o editor de Galicia. Revista universal de este reino e de el Álbum de la caridad
suprime esta estrofa. D. Antonio era un defensor da monarquía
isabelina, como se pode ver nos poemas que dedica á raíña, por exemplo.
Non resulta pois estraño que tanto en Galicia como no Álbum de la caridad suprimise esa estrofa. O mesmo acontece cando se publica en libro en 1863.
Mais a estrofa suprimida estaba de acordo coas ideas do socialismo
utópico, mesmo das de Ramón de la Sagrano período chamado socialista
deste pensador entre 1844 e 1859 ou co as que profesaba un xuvenil
Eduardo Chao, gran figura do círculo progresista na década dos cincuenta
e dos sesenta formado por os irmáns Chao (cuxa gran figura era
Eduardo), Compañel, os Avendaño e os propios Murguía-Rosalía. Na súa
biografía de Eduardo Chao, Curros preséntanos un Chao mozo engaiolado
polas ideas do socialismo utópico, que manifesta nunha obra de 1842 (Los republicanos y su época)
onde, segundo Curros, ata chega a defender os falansterios. Neste
ambiente progresista e onde xorde o primeiro poema en galego de Rosalía.
Publícase en El Museo Universal, o grande órgano da nova poesía que Núñez de Arce chamaba suspirillos germánicos,
mais que non era só iso, como ben demostra Ruiz Aguilera, grande amigo
da parella Rosalía-Murguía, cando sinala que esa nova poesía ten así
mesmo unha función social para sinalar as lacras que viñan sufrindo as
clases populares, como vimos enriba. Lembremos que El Museo Universal publicábano desde 1857 os editores Gaspar e Roig, moi unidos a Eduardo Chao, que editarán a Historia general de España (continuación da de Mariana) ou o Gran Diccionario Enciclopédico de la Lengua Española do político e polígrafo ribadaviense.
Para rematarmos, segundo os teóricos da poesía, unha das grandes
características da verdadeira poesía é a ambigüidade da súa linguaxe, a
plurisignificación. Rosalía apón os males da emigración aos señores que dominan todo en Galicia: Todo… todo é dos señores. Ese derradeiro verso da estrofa suprimida é dunha tremenda plurisignificación. Todo é a terra, as industrias, os cargos públicos… e os señores poden ser os donos da terra, sexan fidalgos ou non, mais tamén son señores
os caciques da Restauración que ofrecen cargos ou os actuais políticos
corruptos que só lles dan prebendas e contratos aos do seu partido ou
familia. Abonda con ler os xornais cada mañá. Crítica social si, mais
tamén gran calidade poética e plurisignificación. Cada lector na súa
época pode actualizar este texto e dotalo dun significado acorde cos
tempos. Velaí a característica do poeta clásico.
Por outra banda, un escritor actual nunha obra de hoxe mesmo moi gabada reactualiza ese berro de protesta que é o“Adiós, qu´eu voume”
rosaliano, do que se sente incapaz xa para loitar contra a inxustiza e
abandona buscando lugares máis favorables. Todo o espírito rosaliano
desa despedida aparece nesta pasaxe da última obra de Manuel Rivas, As
voces baixas: Na emigración, fálase sempre da morriña do que marcha e
non de quen fica en terra. En quen marchaba había tristura, mais tamén
esperanza. A tristura desabastecida era a de quen non marchaba… E moitas
veces para fuxir do medio hostil e atafegante do caciquismo, como
delataba aquela copla que rescatou Xurxo Souto e que se cantaba cando
desatracaban os grandes transatlánticos rumbo a América: “Aí quedades,
aí quedades con curas, frades e militares!” (páx. 124)
Xa que logo, non só a estrofa suprimida, senón tamén o título
orixinal “Adios, qu´eu voume” danlle a este poema un sentido que
desaparece en gran parte ao suprimir a devandita estrofa, mais tamén ao
cambiar o título de protesta que supón ese un tanto arroutado ante a
inxustiza que é o “Adiós, qu´eu voume”, polo máis politicamente correcto
e morriñento de “Adios ríos, adiós fontes”, que lle inventou Murguía en
Los precursores e que toda a crítica galega segue sen ningún tipo de discusión.
Por último, poderiamos comentar algún cambio máis que advertimos
entre as versións soltas do poema e a que se ofrece no libro de 1863.
Referirémonos só á que resulta máis rechamante e que nos fala da
preocupación de Rosalía por atopar un galego descastelanizado (outro
tópico é o do galego dialectal e cheo de castelanismos, o de escribo
como falo…). Nas versións soltas do poema, de 1861 e 1862, aparece este
verso: Desd´ a orilliña do mar. É claro o castelanismo orilliña. Pois ben, na edición de 1863, en libro, este verso pasa a ser: Desd´á veiriña do mar.
Non viría mal que nos nosos institutos se comentase o poema, se
escoitase na versión de Amancio Prada e se reflexionase sobre os cambios
e mais sobre se segue a ser actual ou non este primeiro texto rosaliano
en galego que, por certo, só se puido publicar íntegro na emigración
madrileña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario