Buscar neste blog

venres, 27 de xuño de 2014

Ler para medrar ou Medrar lendo

Aínda que me despedín de todas e todos vós, non me resisto a seguir insistindo na importancia da lectura na vosa formación. Tedes unha lista de lecturas que vos proporcionei a comezos de curso: mirádea porque está bastante completa e púxenvos en negriña aqueles máis imprescindibles para unha formación integral. Pero hai libros da Historia da Literatura que ás veces esquecemos e que son esenciais . Algúns destes libros son:

.- Por suposto, se non a lestes xa, non agardedes máis: Alicia no País das Marabillas de Lewis Carroll estavos agardando. Tédela en galego grazas á editorial Xerais.

.- Seguramente coñecedes Matilda, A fábrica de chocolate, As bruxas ou calquera outro libro de Roald Dahl. Non deixedes de ler os seus relatos curtos, unha auténtica marabilla as súas Historias extraordinarias.

.- Falando de relatos curtos, ide correndo a ler a Edgar Allan Poe. O mellor do mellor.

.- As viaxes de Gulliver de Jonathan Swift.

.- Albert Camus: La peste.

.- Borges: Relatos

.- Pedro Páramo de  Juan Rulfo.

.- Gabriel García Márquez: calquera libro del paga a pena, aínda que Cien años de soledad é quizais á máis famosa.

.- Jules Venre: cando eu era moza, o meu preferido era Miguel Strogoff. Vén de saír en galego na editorial Xerais a estupena A illa misteriosa.

.- Herman Hesse: Siddartha   ou   Baixo as rodas   na editorial Galaxia

.- Charles Dickens: Oliver Twist. Galaxia

.- AnaFrank: Diario. Kalandraka

.- Hemingway: O vello e o mar. Galaxia  

.- Antoine de Saint-Exupery: O principiño. Galaxia

.- William Shakespeare: Noite de reis. A tempestade  /  Otelo. Macbeth.  Galaxia 

.- Robert Louis Stevenson: A illa do tesouro. Xerais 

.- Bram Stoker: Drácula. Xerais 

.- Ray Bradbury: Fahrenheit 451. Xerais

.- Jacqueline Kelly: A evolución de Calpurnia Tate. Kalandraka

.- Julio Cortázar: Rayuela.


luns, 23 de xuño de 2014

Despedida

Cada curso que remata sempre se me presentan as mesmas e eternas dúbidas: Faríao ben? Sería xusta? Aprenderían comigo? Axudeinos o suficiente? Tiven sempre tempo para escoitalos e escoitalas? Fun quen de ensinar uns valores que na sociedade se perden? Como me lembrarán? Como podo mellorar? Que debo cambiar? Son quen de facelo?...
Non o podo evitar, é algo consustancial. O medo a non telo feito ben, a que non aprenderades, a ser demasiado esixente sen tervos dado o preciso, o medo a non estar aí como debería, o pánico a non ser unha verdadeira profesional.
E este curso foi moi especial convosco. Así, cando menos, sentino eu. Aínda que barulleiros e protestóns polas dúas bandas (dereita e esquerda, máis loiros ca morenos...), o feito de facermos tantas actividades e de charlar asemade un día e outro conseguiu que o meu corazón fose conquistado. 
Así que esta será unha despedida ben especial. Eses nervios víronse aumentados e transformados nunhas bolbotetas que percorren o meu corpo nesa eterna dúbida que me martelea. Marchar supón máis tristura da que eu pensaba pola vosa culpa. Pero só vos queda aí un aniño! Así que a tristura podería ter sido ben terrible se eu ficase. 
Coido que o camiño quedou trazado e a maxia da paisaxe tédela ante vós, se non queredes mirar cara a outro lado. Ese proxecto de vida ídelo facer sós, aínda que sempre me teredes, cando necesitedes un consello e cando precisedes un agarimo, esta segunda mamá preocupada permanecerá ben preto. Porque son unha orgullosa segunda mamá e alédame a vosa xuventude, a vosa forza, a vosa lingua, o voso futuro. Non deixedes de loitar por el. Non permitades que volo trunquen. Non agachedes a cabeza. Non perdades o tesouro máis fermoso que tedes: a nosa lingua. Non esquezades nunca quen sodes nin de onde vides. 
E lede. Lede. Estudade. Formádevos. Só con cultura este país terá futuro. Só a formación das persoas poderá salvarnos da nosa autodestrución. 
Confío en vós.
Quérovos.
E déixovos uns poemiñas para que vos sigades poetizando. Agardo que vos gusten.

 
Unha aperta, sempre: Antía, Cristina, Alejandro, Leticia, Román, Alberto, Rocío, Isidro, Diego, Carlos, Diego, Sonia, Denise, David, Michel, Carmen.

fin