ÁNIMA DORIDA E ESTRANXEIRA NA SÚA PATRIA.
En 1988, Francisco Rodríguez defende a súa tese de doutoramento, Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro, que, en palabras do presidente do tribunal, Carvalho Calero, supón un antes e un despois na concepción da obra de Rosalía de Castro
pois vai derrubando un por un os falsos tópicos montados en torno á
autora desde o momento da súa morte, desde fóra e desde dentro do país.
Antes
de morrer Rosalía fora branco de aldraxes, mais despois de morrer foi
conscientemente marxinada polos estudosos da literatura española, a
pesar de ter sido a escritora en castelán máis importante da súa época
por terse anticipado, na súa prosa castelá, aos escritores modernistas
e, na súa poética (como os “poetas malditos” franceses) aos pensadores existencialistas do sec. XX. E isto a pesar de d. Emilia Pardo Bazán,
cuxa obra carece hoxe da modernidade e vitalidade que segue a ter a
obra rosaliana, capaz de seguir conmovendo a lectores/as de calquera
latitude. Como indica o profesor Anxo Tarrío, houbo voces que non
quixeron sumarse ao coro oficial. Así, Azorín dicía de Rosalía que fora a precursora da revolución métrica e ideolóxica levada a cabo por Rubén Darío. E Juan Ramón Jiménez recoñecía a influencia que a autora galega tivera na súa obra, ao tempo que sinalaba coincidencias entre Rosalía e a poesía de Antonio Machado. Mesmo F. García Lorca inspirouse nela á hora de escribir os seus poemas galegos. Neste sentido, para un coetáneo como Carré Aldao (dono da libraría Carré, convertida na Cova Céltica) Rosalía é a "culminación do Rexurdimento", Pondal e Curros figuran como "continuadores de Rosalía". E para o maior estudoso da Historia da literatura galega, d. Ricardo Carvalho Calero, "até Rosalía a literatura do sec. XIX é arcaiaca".
Pero as grandes personalidades da época, estudosos e insignes
escritores/as, só tiveron a ben recoñecer o pintoresquismo e o
costumismo de Cantares Gallegos.
Así
a imaxe interesadamente terxiversada que nos chegou de Rosalía foi a
dunha muller resignada, enfermiza, chorosa, nai abnegadísima e
amantísima esposa, saudosa e folclórica. Durante moito tempo mesmo se
chegou a cuestionar a autoría dos seus poemas, asignándolle ao culto
cronista que era o seu home, M. Murguía,
a súa creación, pois Rosalía foi considerada habitualmente na
historiografía como muller de escasa formación cultural. Non se estudaba
realmente a obra de Rosalía, analizábase a súa vida. Aínda hoxe podemos
comprobalo a través dos numerosos blogues e páxinas webs (en español)
que adicadas a ela surcan a rede. Case todas comezan do mesmo xeito:
nacemento ilexítimo, figura paterna ausente que se transloce na “negra
sombra”, formación aldeá, descoberta da súa condición de ilexítima e
trauma para toda a vida…
Estranxeira na súa patria é o título dun dos poemas de Follas Novas
(1880), no que Rosalía fala da soidade ante a "interminable procesión
dos mortos" que non daban "sinal nin mostra de habela nalgún tempo
coñecido", a pesar de seren uns "seus amantes" outros "deudos" e outros
"amigos, compañeiros da infancia, serventes e veciños". Esa "indiferente
marcha dos mortos" causa nela un sentimento de desarraigo ("sen lar nin
arrimo") que a leva a autocaracterizarse como "estranxeira na súa
patria", polo desprezo co que a trata a sociedade da súa época . Ese é o
título (Rosalía, estranxeira na súa terra, marzo 2011) que
Francisco Rodríguez escolleu para profundar na súa tese de doutoramento e
argumentar con probas de peso (cartas persoais, xornais da época…) o
que daquela insinuaba. En palabras do investigador, ela mesma se
atribúe a cualidade de estranxeira na súa condición de persoa que,
paradoxalmente, representando o espíritu xenuino do pobo galego, o seu
dereito á existencia, o seu esforzo por ocupar un lugar na historia, sen
embargo para os sectores intermediarios de Galiza, a Igrexa Católica, a
pequena e mediana burguesía españolizada, os sectores máis
reaccionarios, pois era unha muller molesta, marxinada e perseguida,
especialmente durante a Restauración.
Rosalía,
lonxe de ser unha nai abnegadísima, exerce o control sobre a súa
maternidade. De feito pasarán dez anos entre a primeira filla (casara
preñada dela) e a segunda, para despois adicarse a parir fillos arreo
(até sete). A razón, asegura Francisco Rodríguez, foi a súa carreira
literaria. Rosalía quería ser escritora e vivir da literatura.
Probabelmente esa sexa a razón pola que se empeñou en viaxar a Madrid co
seu home e en publicar en castelán. Segundo Francisco Rodríguez, foi en
Madrid onde Rosalía de Castro tomou conciencia de que Galicia estaba
en situación marxinal e moi discriminada no Estado español, que estaba
en construción, e quixo contribuír á súa evolución sentando as bases
dunha Literatura en lingua galega, desenvolvendo a súa obra nunha
vertente en castelán, para vender e vivir dela, e noutra vertente
reivindicativa, para xente culta, en lingua galega.
Manuel Murguía |
Rosalía ao estilo Andy Warhol |
Eis
a modernidade de Rosalía! A razón de que hoxe a súa poesía siga viva e
feraz (producindo novos creadores que, como lectores, beberan nas súas
páxinas) é esa profundidade de fonte inesgotábel que posúe, mais tamén o
xeito de estar e de ser da súa autora. Rosalía resulta moi atractiva
para un lector/a de hoxe, pola súa actitude revolucionaria, pola súa
bohemia, porque saltaba por riba dos tabús mesmo coa súa relixiosidade
(panteísta, ao estilo tradicional galego) e contraria ao dogma, o que
lle valeu o enfrontamento co Arcebispado de Santiago, que lle negou a
homenaxe pública cando o seu corpo foi trasladado ao Panteón dos Galegos
Ilustres de San Domingos de Bonaval.
Agora, xullo de 2011, vai saír á venda a segunda edición de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria.
En palabras de Pilar García Negro, corrobora nesta obra o autor aquelas
teses coas que hai máis de vinte anos aseguraba que Rosalía era unha
escritora profesional, unha muller enérxica e profundamente culta,
iniciadora dunha literatura galega feminista, abertamente contestataria
na súa denuncia dos poderes civís, militares e eclesiásticos, así como
redactora dunha nova semántica…
_______________________________
- Francisco Rodríguez (1988). A análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro. Ed. AS-PG. ISBN: 84-404-3471-5
- Anxo Tarrío Varela (1994). Literatura galega. Aportacións a unha Historia crítica. Ed. Xerais. ISBN: 84-7507-778-1.
- Ricardo Carvalho Calero (1981). Literatura Galega Contemporánea. Ed. Galaxia. ISBN: 84-7154-390-7
- Manuel Rei Romeu (2011). Desde o labirinto a Rosalía. Reseña en Terra e Tempo
- Pilar García Negro (2011). Unha obra monumental. Artigo en Xornal.com
- Diana Mandiá (2011). Rosalía sen tebras. Artigo en Luces. El País
VER ADEMAIS...
MUJERES EN LA HISTORIA. ROSALÍA DE CASTRO, FEMINISTA EN LA SOMBRA. RTVE.es
Ningún comentario:
Publicar un comentario