Buscar neste blog

xoves, 17 de febreiro de 2022

Un comentario de Rosalía

 

Este vaise i aquel vaise….

Este vaise i aquel vaise,
e todos, todos se van,
Galicia, sin homes quedas
que te poidan traballar.
Tés, en cambio, orfos e orfas
e campos de soledad,
e nais que non teñen fillos
e fillos que non tén pais.
E tés corazóns que sufren
longas ausencias mortás,
viudas de vivos e mortos
que ninguén consolará.





1.1.  Análise do fondo ou do contido

1.1.1        Tema central

O tema central é a emigración.


1.1.2. Tema(s)  secundario(s)

Abandono e desolación de Galicia e dos seus habitantes.


1.1.2        Argumento

Trata da situación dos que quedan en Galicia e non dos que marchan. O motivo do abandono, que non se explicita, só pode ser a emigración. Realmente, poderiamos dicir que non existen temas secundarios porque estes son unha concretación que integra e complementa o tema central. Así, a desoladora situación de Galicia maniféstase a través do abandono da terra, dos fillos, das nais, das mulleres e mesmo do conxunto dos que quedan. O tema do abandono da terra aparece mediante a falta de homes que a traballen e mesmo que a habiten. O tema do abandono dos fillos que quedan sen pais é paralelo ao das nais, que quedan sen fillos; de maneira semellante aparece o das mulleres, que quedan sen homes. Ambiguamente, de non consideralos referidos en exclsiva ás “viúvas”, os “corazóns que sofren longas ausencias mortás” poderían encarnar ao conxunto dos que quedan no desamparo material e na angustia afectiva.
Con isto, o texto non fai máis que unha reivindicación social. Por que a xente emigra de Galicia? Por que se dá esta situación nunha terra que pode dar de comer aos seus fillos? Así que o autor ou autora do texto o que pretende é facer unha denuncia social do que ocorre ao seu arredor, e o que subxace debaixo da tristura do poema é unha fonda conmoción e solidariedade cos que sofren esa situación.
O texto pretende expresar un contido urxente e intenso dun xeito sinxelo e comprensible, que non sacrifique ningunha cuestión de fondo por razóns de forma. Nos dous versos iniciais, descríbese o motivo de todas as situacións que seguen: o éxodo migratorio. A partir de aquí, enumera as súas consecuencias acumulando os desastres que tal feito determina nos que quedan. Nos dous versos seguintes refírese ao traballo abandonado. Na segunda cuarteta, aos suxeitos físicos do abandono. Na terceira, á dor psíquica que produce: sufrimento, desolación, desconsolo.
 

1.2.  Análise da forma ou da expresión.


O poema non está dividido en estrofas, xa que despois dos puntos non hai ningún tipo de espaciado. Só ao comezo do mesmo, o primeiro verso deixa un espazo.

Os versos son octosílabos, cun ritmo moi popular. A rima é asoante nos pares, deixando os impares libres, o que lle dá tamén ese carácter popular do que falabamos. Esta rima asoante concede máis liberdade ao pensamento e convértese nun xeito de chegar mellor aos posibles lectores da época. Aínda que non estea dividida en estrofas, parecen tres cuartetas, é dicir, cantares populares, moi comúns nesta época..

O poema componse basicamente de verbos e substantivos. Os catros primeiros versos, relativos á marcha e ao abandono do traballo, terminan xustamente cunha forma verbal. Os catro seguintes, referidos aos que quedan, terminan todos en substantivo. Os catro últimos alternan o seu final entre dous verbos, un substantivo e un adxectivo. Ademais, os catro primeiros comezan as dúas oracións que compoñen con pronome e con nome. A oración que forma os catros seguintes e a que compón os catro últimos comezan con verbos, pola contra. O adxectivo escasea en todo o poema, agás no verso 10, para recalcar de maneira apreciativa a interminable e angustiosa desolación do abandono, empregando a anteposición e a posposición adxectiva ao mesmo tempo.


En canto ás figuras literarias, hai un hipérbato en “sen homes quedas”; elisión no verso 11 de “e tes”, explícito dous versos antes. Os máis comúns débense á recorrencia e adición, coma se se quixese recalcar machaconamente a reiterada e interminable marcha dos homes de Galicia, por iso está cheo de anáforas e mesmo a polisíndeto dos versos 6 ao 9. Hai tamén un paralelismo anafórico entre os versos 7 e 8; reitéranse abundantemente os mesmo verbos e nomes en distintas flexións; igual ocorre coa enumeración que pretende recalcar o número dos que marchan (“este, aquel, todos”). Metáfora no penúltimo verso en “campos de soledad”. Hipérbole en “sin homes quedas”. Prosopopeia en “ausencias mortás”. Gradación que parte do particular (“este”) á totalidade (“todos”) e á xeralidade abstracta (“Galicia”).


Presenta castelanismos, como o feito de teren tiles os pronomes demostrativos, “soledad”, “sufren”, “viudas”. Dialectalismo en “mortás”, “i”. Vulgarismo en “ten”.


O emisor está ausente, fóra do texto, omnisciente. Emprégase a segunda persoa do singular. O receptor é Galicia, pois é unha apelación constante ao noso país. Non existe ningún personaxe concreto ademais deste xenérico Galicia, protagonista e receptor personificado do texto.
O tempo maniféstase na súa orde lineal e continua. Pártese dun presente para rematar cun futuro. O tempo amósase rápido nos dous primeiros versos que reflicten a marcha colectiva, resultando lento nos seguintes, que describen os efectos producidos pola marcha.
O espazo externo é real e localizable xeograficamente: Galicia no seu medio rural e nos seus ámbitos de traballo. A acción non chega a saír de Galicia posto que non se segue a peripecia dos emigrantes senón a desolación dos abandonados; é pois un espazo estático ou inmóbil.

mércores, 12 de xaneiro de 2022

Os séculos escuros

 Recibe o nome de Séculos Escuros o período histórico que vai dos séculos XVI ao XVIII. Caracterízase polo estado de marxinación social do idioma galego e pola ausencia case total de literatura culta escrita na nosa lingua. Ambos os fenómenos insírense nun proceso de marcada marxinación política e do progresivo empobrecemento económico do noutrora próspero e poderoso Reino de Galiza.

 

O galego-portugués, común a Galiza e Portugal, tivo séculos de existencia plena como lingua nativa dunha comunidade lingüística do noroeste da Península Ibérica. Mais as derrotas que os nobres galegos sufriran a finais do século XIV e principios do XV provocaron a asimiliación da nobreza galega e a dominación castelá, levando ao desaparecimento público, oficial, literario e relixioso do galego como lingua de cultura até o século XVIII, para uns, e mesmo até o  XIX, para outros. Son os chamados Séculos Escuros. O portugués, pola contra, desenvolveuse libremente polo feito de Portugal ter sido o único territorio peninsular que ficou fóra do dominio político do Reino de Castela e do dominio lingüístico do castelán.

Desde a morte en  1354 do fillo de D. Dinís, D. Pedro Conde de Barcelos, derradeira figura da escola trobadoresca galego-portuguesa, a nosa lírica medieval inicia un período de decadencia até a súa extinción no século XV. A chamada Escola Galego-Castelá, recollida no Cancioneiro de Baena e desenvolvida durante o século XV e comezos do XVI, así como a Escola castelán-portuguesa, recollida no Cancioneiro  Geral  de García de Resende, en pleno século XVI, constitúen os epígonos, as mostras finais do noso lirismo trobadoresco. O galego-portugués vai deixando o seu posto ao castelán, no primeiro caso, e ao portugués, no segundo caso. Poetas como o Arcediago de Toro ou Macías o Namorado significan o final dunha escola e dunha xeira histórica.

No tocante á prosa podemos aínda alongar as datas. Algúns estudosos consideran que o cronista Fernao Lopes (séc. XV) é o derradeiro escritor medieval en galego-portugués. A partir dese momento os sistemas literarios galego e portugués ficarán separados e desenvolverán procesos autónomos. No ámbito da historiografía literaria galega adoitase dar como inicio desta etapa erma e escura a data na que o mariscal Pardo de Cela foi decapitado, en Mondoñedo, no ano 1483. É unha data simbólica pois nada ten que ver con ningunha realidade literaria obxectiva, pero marca o comezo da desaparición do galego dos protocolos administrativos, do mundo notarial e de calquera tipo de textos formais en favor da lingua de Castela. É comprobable que até ese momento a redacción documental exercíase en galego, porén desde finais do séc. XV é dificilísimo atopar este tipo de textos escritos na nosa lingua.
 
Aquel esplendor e aquela influencia cultural, política e económica do antigo Reino de Galiza que supuxeron que no século XIII e no XIV  se edificase en galego-portugués a principal (e case única) escola trobadoresca peninsular, en realidade, ten a súa base fundamental no feito de os monarcas e a nobreza do reino noroccidental de Galiza (e León) seren galegos (até Afonso VI, IX de León), defenderen os seus ‘intereses’ galegos, protexeren á nobreza galega (como a poderosa familia dos condes de Traba) ou terense criado ou educado en Galiza (até Fernando III e Afonso X ou as importantes liñaxes dos Castro e dos Lara) xunto coa progresiva importancia de Santiago de Compostela como centro de poder e cultura, moi para alén do estrito ámbito relixioso.  
 
Pero desde o séc. XIV Galiza apostou sempre ao revés nas encrucilladas históricas. Cómpre lembrar que os nobres galegos pronunciáronse, primeiro, a favor de Pedro de Borgaña, fronte ao gañador Henrique de Trastamara; segundo, a favor de Xoana a Beltranexa fronte á vencedora Isabel. Se a isto engadimos as revoltas Irmandiñas  contra os abusos dos señores, duramente aplastadas por estes coa axuda dos casteláns, e a doma e castración do Reino de Galiza levada a cabo polos Reis Católicos xa temos os condicionantes históricos da sistemática desgaleguización á que durante os Séculos Escuros se someteu ao pobo galego, conseguíndoo plenamente nas clases dominantes, pero cun efecto contrario de resistencia e conservadorismo nas clases populares, que mantiveron a lingua vivísima até hoxe mesmo.
 
O certo é que o século XV, co final de Idade Media e o comezo da Idade Moderna, supón o final de toda unha época esplendorosa e o inicio dun longo período de postración para o noso idioma, reducido a penas ao uso rural, pois son escasísimas as mostras literarias en galego deste período.
Perdida a memoria do pasado esplendor literario , sen noticias da importancia política pretérita de Galiza, acosado por unha fama negativa e antigalega, o pobo galego seguiu a falar a súa lingua, aínda que con progresivo auto-odio, centrándose en aspectos folclóricos e festivos, o que proporcionou unha rica literatura oral (cancionciñas paralelísticas, vilancicos de Nadal, composicións de circunstancias...) e algunhas mostras de poesía culta.
 
Podemos dicir que a historia da literatura en lingua galega desenvolveuse durante os séculos medievais con toda normalidade e mesmo de xeito brillante, a pesar de ter Galiza fanadas desde moi cedo (séc. XII) as posibilidades de constituírse en reino independente. Se perdeu esa normalidade, se se convertiu nunha literatura non normalizada, foi por carecer das condicións normais das nacións que teñen un Estado que vela pola súa lingua protexéndoa e fomentándoa, e estas circunstancias condicionan toda a produción literaria e artística do pobo galego durante os séculos XVI, XVII e XVIII, mesmo até a chegada do Rexurdimento no XIX. Se ben o séc. XVIII trae a luz para comezar a saír do túnel, pois os Ilustrados comezarán a elevar as súas voces reclamando dignidade para o pobo e prestixio para a lingua, como podemos comprobar nas seguintes palabras de Frei Martín Sarmiento:
...Y es bárbara crueldad y necesidad excusada que unos forasteros enseñen a los niños gallegos mediante la lengua castellana que no saben (...), y castigándoles si se les escapa alguna voz o frase gallega de las que han mamado. Todo maestro de Gramática que no fuera gallego y erudito en su lengua patria, se debe excluír de ser maestro de niños gallegos, sea un Cicerón o un Quintiliano. 
  

  

 Situación política

Adoita sinalarse como inicio dos Séculos Escuros a vitoria de Isabel a Católica na loita dinástica contra dona Xoana (mal chamada “A Beltranexa”).

A sucesión do rei Henrique IV (morto en 1474) foi disputada entre:

  • Dona Xoana - Filla de Henrique IV e de Xoana de Portugal. Sobre ela pesaba a dúbida de se era filla lexítima do monarca (que era chamado Henrique IV o impotente) ou froito dunha relación da súa nai co nobre Beltrán de la Cueva (de aí que a Dona Xoana a alcumasen A Beltranexa). Estaba casada co seu tío, o rei Afonso V de Portugal.
  • Dona Isabel (a futura Isabel I de Castela, Isabel a Católica) - Medio irmá do rei Henrique IV. Casada con Fernando II de Aragón.

A maior parte da nobreza galega apoia o bando perdedor, é dicir, a Dona Xoana, rebelándose contra Isabel I e contra a súa política centralista. A guera conclúe en 1479, cando se asina o Tratado de Alcáçovas, no que se recoñecen a Isabel e Fernando como reis de Castela.

Xa no poder, os Reis Católicos toman medidas contra a nobreza rebelde de Galiza someténdoa, quitándolles o seu poder e, en moitos casos, substituíndoa por nobres de fóra. Isto foi algo constante ao longo dos Séculos Escuros: as clases dirixentes de Galiza eran maioritariamente de orixe castelá. Obviamente, isto ten consecuencias para a situación sociolingüística: agora as clases altas non falan galego, senón castelán.

 Situación económica e demográfica

O principal motor da economía continúa a ser a agricultura. O campesiñado constitúe máis do 75% da poboación. Galiza tiña un sistema rendista ou foral: os campesiños traballaban as terras dos señores e pagábanlles o foro (un imposto que supoñía entre o 25% e o 50% do que colleitaban). Deste xeito, os señores (alto clero, nobreza, fidalguía) vivían comodamente a conta das rendas que lles pagaban os labregos fronte ao campesiñado, que sobrevivía na pobreza, vítimas do analfabetismo e sen poder acceder á propiedade da terra.

Por outra parte, a poboación medra enormemente ao longo destes séculos. Como dato, entre 1500 e 1750, a poboación galega pasou de 350.000 a 1.300.000 habitantes.

O crecemento demográfico e a miseria do campesiñado explican o nacemento dun dos fenómenos máis importantes da nosa historia: a emigración. Desde o século XVI prodúcense emigracións de galegos cara a Andalucía, Portugal e Castela, para o desempeño dos peores oficios. A partir do XVIII, os galegos comezan a emigrar a Arxentina.

 

 Situación sociolingüística

Como consecuencia da situación sociopolítica que describimos, durante os Séculos Escuros rompeuse a homoxeneidade lingüística que existira na sociedade galega durante a época medieval. O castelán vai impoñéndose paulatinamente en Galiza e orixínase unha situación diglósica caracterizada do seguinte xeito:

  • En canto ao número de falantes, o galego é lingua maioritaria xa que continúa a ser a lingua habitual da inmensa maioría da poboación (arredor do 90 / 95%). O castelán é lingua minoritaria xa que só é a lingua das capas máis altas da sociedade (nobreza, alto clero…), que representann unha porcentaxe moi baixa da poboación.
  • En canto ao prestixio social das linguas, o galego é lingua minorizada ou dominada, xa que deixa de empregarse nos textos escritos e apártase tamén de calquera ámbito social elevado. É unha lingua minusvalorada socialmente. O castelán é lingua de prestixio ou dominante, xa que é a lingua dos textos escritos e a lingua empregada polas clases dominantes e nos ámbitos elevados (Administración, Igrexa, Educación…)


 

 

A marxinación do galego dos ámbitos sociais elevados e da escrita ten consecuencias directas para a nosa lingua coma:

  • Ausencia dunha norma culta / estándar
  • Afastamento do portugués
  • Ruralización do léxico
  • Castelanización da onomástica
  • Introdución de castelanismos léxicos
  • Aparición de prexuízos lingüísticos

 

Imaxe de Galiza, das/os galegas/os e do galego durante os Séculos Escuros

Como consecuencia da marxinación política e da pobreza en que vivía a maior parte da poboación galega, ao longo desta época nace unha imaxe do galego como un pobo mísero, atrasado, inculto e carente de calquera virtude, así como unha visión de Galiza como unha terra inhóspita e fea. Esta consideración despectiva de Galiza e do pobo galego reflítese no refraneiro e na literatura española renacentista e barroca.

Esta imaxe de Galiza e do pobo galego amplíase tamén á lingua, nacendo fortes prexuízos lingüísticos que mesmo perduran até os nosos días: o galego como lingua bruta, fea, de pailáns, inútil... Todas estas ideas negativas teñen orixe nesta etapa.

Por último, esta imaxe que se proxecta sobre Galiza, sobre os seus habitantes e sobre a súa lingua remata afectando á propia poboación galega, que asume esa imaxe e eses prexuízos. Así, nace nesta altura un complexo de inferioridade e un sentimento de autodesprezo ou autoodio por ser e falar galego.

Comezamos os séculos escuros



Ao final deste capítulo fala do Mariscal Pardo de Cela:



E ao comezo deste, tamén:

domingo, 21 de novembro de 2021

Comentario dunha cantiga de amor

 Déixovos un comentario de mostra. A cantiga que imos analizar é a seguinte:

Se eu podesse desamar
a quem me sempre desamou
e podess'algum mal buscar
a quem me sempre mal buscou!
Assi me vingaria eu,
       se eu pudesse coita dar
       a quem me sempre coita deu.

Mais sol nom poss'eu enganar
meu coraçom que m'enganou,
per quanto mi fez desejar
a quem me nunca desejou.
E por esto nom dórmio eu,
       porque nom poss'eu coita dar
       a quem me sempre coita deu.

Mais rog'a Deus que desampar
a quem m'assi desamparou,
ou que podess'eu destorvar
a quem me sempre destorvou.
E logo dormiria eu,
       se eu podesse coita dar
       a quem me sempre coita deu.

Vel que ousass'en preguntar
a quem me nunca preguntou,
por que me fez em si cuidar,
pois ela nunca em mi cuidou;
e por esto lazeiro eu:
       porque nom posso coita dar
       a quem me sempre coita deu.











 



























Estamos ante unha cantiga de amor porque a voz poéitca é a dun home que fala dos seus sentimentos amorosos por unha dona, que aparecerá baixo o pronome “ela” (contrariamente ao esperado non temos en toda a cantiga a palabra “senhor” tan característica); o que si temos en cambio nesta cantiga, e que nos axudará a identificala no seu xénero, será a palabra “coita”, que se repetirá abondamente no refrán. Por outra parte, podemos xa estimar que precisamente a ausencia da palabra “senhor” (a que cabía esperar) responde a un desexo do trobador de distanciamento da dona. Porén, aínda así, o tema tratado na cantiga lévanos a afirmar que se trata dunha cantiga de amor: o sentimento amoroso expresado polo poeta, o distanciamento da dona, o sentimento de pena e dor producido por este amor, son claves significativas para poder manter a afirmación de que se trata dunha cantiga de amor.

Trátase dunha cantiga monologada na que o trobador fai unha confesión íntima dos seus sentimentos e da súa coita de amor. A través dunha serie de expresións antitéticas vai contrastando os seus propios sentimentos coa actitude e comportamento da dama. Mentres o poeta confesa o seu amor pola dona, sabemos, a través das súas propias palabras, que a dona xamais mantivo a actitude que el esperaba nin cedeu nunca ás súas pretensións; esta situación leva ao poeta a desexar unha certa vinganza polo desprezo da muller. Presenta por tanto un dobre xogo caracterizado formalmente coa presenza do mozdobre. Semanticamente e ideoloxicamente a cantiga está imbuída da antítese: un nó esencial está na diferenza de comportamentos entre o home e a muller.

O tema central da cantiga é pois o desexo do poeta, desolado polo desprezo e o desinterese da dona, de que ela chegue a sentir a mesma desesperación e frustración que el sente, a mesma coita amorosa que el sofre.

Xa na primeira cobra anúnciasenos o leitmotiv da cantiga, que vai ter un desenvolvemento nas cobras seguintes: o desexo de esquecer, de desamar, e mesmo de vingarse da súa dona que nunca amosou interese por el. O trobador desexa que a mesma coita de amor, o mesmo sufrimento que el sente, que o experimente a súa amada.

Na segunda cobra hai unha clara constatación, non só da coita de amor, senón da imposibilidade de superala, porque o seu corazón segue desexando á dona.

Na terceira cobra, o poeta recorre a Deus como único medio de saída desa situación.

Na cuarta cobra repite de novo o motivo inicial e contrasta o sentimento de interese, amor / desinterese, desamor  e incide no seu sufrimento.

Así pois, toda a primeira cobra recolle o desexo íntimo do poeta de esquecemento e vinganza (ou dunha certa vinganza, xa que o namorado xamais nos di que desapareceu a súa paixón) que se amplifica ao longo da cantiga. É, neste senso, unha das cantigas máis curiosas do cancioneiro, xa que a maioría das cantigas expresan simplemente a dor polo amor non correspondido, pero o desexo de vinganza é un tema pouco recorrente na nosa lírica medieval, o que fai desta cantiga, un exemplar “único” de cantiga de amor.



Dos SUBTEMAS fundamentais que aparecen nas cantigas de amor aparecen nesta cantiga tres deles:
-          O amor do poeta: o amor que o poeta expresa nas cantigas de amor é concibido como amor-servicio, amor-vasalaxe, o que conduce, a maioría dos casos, ao sufrimento do poeta polo distanciamento da dona e á imposibilidade dunha relación directa do poeta coa dona da que está namorado. Nesta cantiga a confesión do amor do trobador exprésase xa na primeira cobra dunha maneira indirecta: o poeta está namorado e gustaríalle que a situación cambiase. O mesmo sentimento amoroso é declarado polo poeta nos versos da segunda cobra.
-          Coita de amor: o sufrimento que lle supón o amor non correspondido está claramente expresado no refrán e nos últimos versos das cobras. A coita de amor é tan grande que non só lle impide durmir, senón que o conduce a concibir un sentimento de vinganza, a desexar que a dona sufra o mesmo que sofre el.
-          A reserva da dama: a actitude de distanciamento e de desinterese da dona exprésaa o mesmo poeta en contraste cos seus sentimentos. O trobador nun dobre xogo de versos antitéticos recolle os sentimentos de amor –do poeta- / desamor –da dona-. Estas antíteses, acentuadas pola presenza dos adverbios “sempre, nunca” postos en relación coa actitude da dona fronte a el, serven para poñer de manifesto moi claramente que o comportamento da dama non é só de reserva ou de prohibición, senón dun total distanciamento e desinterese polo amor que o poeta lle ofrece.

O cuarto subtema, a loanza da dama, non aparece expresada en ningún momento ao longo da cantiga.


Dende un punto de vista formal, volver a reiterar a significativa presenza dos mozdobres ao final de todos os versos, a existencia da “palabra-rima” eu no quinto verso de todas as cobras, os capdenais no inicio do 2º v. Da 1ª, 3ª e 4ª cobra, así como no 1º v. da 2ª e 3ª cobra.
Os versos miden 8 sílabas, co seguinte esquema rimático (rima macho):
a-b-a-b-c-A-C
ao longo de toda a composición, polo que son cobras unisonantes.
É unha cantiga de refrán, cun refrán un tanto especial xa que se alterna nas cobras, sendo igual o da 1ª e o da 3ª por un lado, e o da 2ª e a 4ª por outro.

mércores, 10 de novembro de 2021

Esquema do comentario das cantigas

 

1.- Xustificación do tipo de cantigas:

                         - elementos presente  /   elementos ausentes

                         - subxénero

 

2.- Tema. Resumo. Argumento

 

3.- Personaxes. 

 

4.- Simboloxía.

 

5.- Recursos formais: 

5.a. Métrica:

            Cómputo silábico

            Rima (esquema e dicir tipo: asoante ou consoante)

            Tipo de cobras

            Refrán: peculiaridades

5.b. Recursos formais propios de cada tipo de cantigas.