Os dativos de
solidariedade e de interese
Baixo esta denominación englóbanse dous usos
expletivos (que completan a frase sen seren necesarios para o seu sentido) dos
pronomes átonos de CI. Estes pronomes non desempeñan ningunha función
sintáctica, non realizan nin reciben a acción verbal, polo que, se se eliminan,
non se altera substancialmente o significado do enunciado.
DATIVO DE
SOLIDARIEDADE
Co seu uso o falante tenta implicar ao interlocutor
nos feitos narrados ou na opinión expresada. Introdúceo na mensaxe coma se
participase do dito polo emisor para implicalo máis e provocar nel unha
actitude proclive á posición do emisor. Aparece só en rexistros coloquiais e
denota certa afectividade.
Formas un
interlocutor varios
interlocutores
Tratamentos familiar che vos
Tratamento de cortesía lle
lles
Estache ben
esta película.
Élle(s) verdade o que din.
Non che me gusta nada ese vestido.
Quédanchelle ben eses zapatos.
A súa identificación é doada porque non existe en
castelán, co que ao traducir a frase a ese idioma, non pode aparecer, e ademais
se o extraemos da oración, esta non altera substancialmente o seu significado.
Ás veces, aínda que raramente, poden aparecer dúas
formas de solidariedade no mesmo enunciado; delas, unha ten que ser “che”: “Échevos unha boa oportunidade”.
DATIVO DE
INTERESE
Este pronome refírese a unha persoa –con frecuencia o
propio emisor- que, sen participar na acción verbal, ten un interese nela
porque lle ocasiona un beneficio ou prexuízo, é dicir, a persoa resulta
particularmente afectada pola acción verbal ou interesada nela. Presenta as
formas átonas de CI, en calquera persoa gramatical (me, che lle, nos, vos, lles):
Non quero que te me
movas de aquí.
Non me
sexas mentireiro.
Cando lles vivían
os pais estaban mellor.
Con frecuencia aparece con outros pronomes átonos:
“non gaño para roupa, ao mes ténchema
desfeita”
= con tres pronomes átonos: “che” (DS), “me” (CI), “a”
(CD)
Poden aparecer as catro formas:
-
E logo que che lle pasou nas gafas ao rapaz?
-
Rompéronchellesmas
= DS + CI +DI + CD
É mesmo frecuente a presenza de máis dun clítico onda
o verbo. Cando isto ocorre, a orde que gardan entre si os pronomes segue normas
estritas:
.- O reflexivo se,
calquera que sexa a súa función, ocupa o primeiro lugar na secuencia, algo que
non é extensible aos outros reflexivos: “Nótasechelle ben que está namorada / Que non se che esqueza.
Evitade, pois a construción tan usual, pero incorrecta:
*Que non che se esqueza”.
.- Cando hai CI e CD vai primeiro o Indirecto: “Xa mo
(me+o) dixo”
.- Se aparece un DS vai antes có CI e có CD:
“Dixéronchemo (che, me+o)
.- Se hai ademais un Dativo de Interese, a secuencia
sería: DS+CI+DI+CD.
Por último, aclarar que se os pronomes van enclíticos,
o de solidariedade sóldase aos outros (“Entregáronchemo”), pero se vai proclítico non se solda: “Non che mo entregaron”
Na oración o meu fillo estúdache moito, pode entenderse que o che sexa dativo de interese? se se comprende o enunciado como que che interesa que estude . Nesta oración vexo que hai unha fronteira difusa entre ambos dativos aínda que o considero de solidariedade porque busca atraer a atención do oínte.
ResponderEliminar