Buscar neste blog

luns, 26 de novembro de 2012

Comentario dunha cantiga de amor

Déixovos un comentario de mostra. A cantiga que imos analizar é a seguinte:

Se eu podesse desamar
a quem me sempre desamou
e podess'algum mal buscar
a quem me sempre mal buscou!
Assi me vingaria eu,
       se eu pudesse coita dar
       a quem me sempre coita deu.

Mais sol nom poss'eu enganar
meu coraçom que m'enganou,
per quanto mi fez desejar
a quem me nunca desejou.
E por esto nom dórmio eu,
       porque nom poss'eu coita dar
       a quem me sempre coita deu.

Mais rog'a Deus que desampar
a quem m'assi desamparou,
ou que podess'eu destorvar
a quem me sempre destorvou.
E logo dormiria eu,
       se eu podesse coita dar
       a quem me sempre coita deu.

Vel que ousass'en preguntar
a quem me nunca preguntou,
por que me fez em si cuidar,
pois ela nunca em mi cuidou;
e por esto lazeiro eu:
       porque nom posso coita dar
       a quem me sempre coita deu. 


Estamos ante unha cantiga de amor porque fala un home,
o trobador, e fala dos seus sentimentos amorosos por unha dona, que aparecerá baixo o pronome “ela” (contrariamente ao esperado non temos en toda a cantiga a palabra “senhor” tan característica); o que si temos en cambio nesta cantiga, e que nos axudará a identificala no seu xénero, será a palabra “coita”, que se repetirá abondamente no refrán. Por outra parte, podemos xa estimar que precisamente a ausencia da palabra “senhor” (a que cabía esperar) responde a un desexo do trobador de distanciamento da dona. Porén, aínda así, o tema tratado na cantiga lévanos a afirmar que se trata dunha cantiga de amor: o sentimento amoroso expresado polo poeta, o distanciamento da dona, o sentimento de pena e dor producido por este amor, son claves significativas para poder manter a afirmación de que se trata dunha cantiga de amor.

Trátase dunha cantiga monologada na que o trobador fai unha confesión íntima dos seus sentimentos e da súa coita de amor. A través dunha serie de expresións antitéticas vai contrastando os seus propios sentimentos coa actitude e comportamento da dama. Mentres o poeta confesa o seu amor pola dona, sabemos, a través das súas propias palabras, que a dona xamais mantivo a actitude que el esperaba nin cedeu nunca ás súas pretensións; esta situación leva ao poeta a desexar unha certa vinganza polo desprezo da muller. Presenta por tanto un dobre xogo caracterizado formalmente coa presenza do mozdobre. Semanticamente e ideoloxicamente a cantiga está imbuída da antítese: un nó esencial está na diferenza de comportamentos entre o home e a muller.

O tema central da cantiga é pois o desexo do poeta, desolado polo desprezo e o desinterese da dona, de que ela chegue a sentir a mesma desesperación e frustración que el sente, a mesma coita amorosa que el sofre.

Xa na primeira cobra anúnciasenos o leitmotiv da cantiga, que vai ter un desenvolvemento nas cobras seguintes: o desexo de esquecer, de desamar, e mesmo de vingarse da súa dona que nunca amosou interese por el. O trobador desexa que a mesma coita de amor, o mesmo sufrimento que el sente, que o experimente a súa amada.

Na segunda cobra hai unha clara constatación, non só da coita de amor, senón da imposibilidade de superala, porque o seu corazón segue desexando á dona.

Na terceira cobra, o poeta recorre a Deus como único medio de saída desa situación.

Na cuarta cobra repite de novo o motivo inicial e contrasta o sentimento de interese, amor / desinterese, desamor  e incide no seu sufrimento.

Así pois, toda a primeira cobra recolle o desexo íntimo do poeta de esquecemento e vinganza (ou dunha certa vinganza, xa que o namorado xamais nos di que desapareceu a súa paixón) que se amplifica ao longo da cantiga. É, neste senso, unha das cantigas máis curiosas do cancioneiro, xa que a maioría das cantigas expresan simplemente a dor polo amor non correspondido, pero o desexo de vinganza é un tema pouco recorrente na nosa lírica medieval, o que fai desta cantiga, un exemplar “único” de cantiga de amor.



Dos SUBTEMAS fundamentais que aparecen nas cantigas de amor aparecen nesta cantiga tres deles:
-          O amor do poeta: o amor que o poeta expresa nas cantigas de amor é concibido como amor-servicio, amor-vasalaxe, o que conduce, a maioría dos casos, ao sufrimento do poeta polo distanciamento da dona e á imposibilidade dunha relación directa do poeta coa dona da que está namorado. Nesta cantiga a confesión do amor do trobador exprésase xa na primeira cobra dunha maneira indirecta: o poeta está namorado e gustaríalle que a situación cambiase. O mesmo sentimento amoroso é declarado polo poeta nos versos da segunda cobra.
-          Coita de amor: o sufrimento que lle supón o amor non correspondido está claramente expresado no refrán e nos últimos versos das cobras. A coita de amor é tan grande que non só lle impide durmir, senón que o conduce a concibir un sentimento de vinganza, a desexar que a dona sufra o mesmo que sofre el.
-          A reserva da dama: a actitude de distanciamento e de desinterese da dona exprésaa o mesmo poeta en contraste cos seus sentimentos. O trobador nun dobre xogo de versos antitéticos recolle os sentimentos de amor –do poeta- / desamor –da dona-. Estas antíteses, acentuadas pola presenza dos adverbios “sempre, nunca” postos en relación coa actitude da dona fronte a el, serven para poñer de manifesto moi claramente que o comportamento da dama non é só de reserva ou de prohibición, senón dun total distanciamento e desinterese polo amor que o poeta lle ofrece.

O cuarto subtema, a loanza da dama, non aparece expresada en ningún momento ao longo da cantiga.


Dende un punto de vista formal, volver a reiterar a significativa presenza dos mozdobres ao final de todos os versos, a existencia da “palabra-rima” eu no quinto verso de todas as cobras, os capdenais no inicio do 2º v. Da 1ª, 3ª e 4ª cobra, así como no 1º v. da 2ª e 3ª cobra.
Os versos miden 8 sílabas, co seguinte esquema rimático (rima macho):
a-b-a-b-c-A-C
ao longo de toda a composición, polo que son cobras unisonantes.
É unha cantiga de refrán, cun refrán un tanto especial xa que se alterna nas cobras, sendo igual o da 1ª e o da 3ª por un lado, e o da 2ª e a 4ª por outro.

10 comentarios:

  1. Grazas axudoume moito para o meu exame!!

    ResponderEliminar
  2. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  3. como catedratico de la universida de santigo de compostela me pare un comentario de texto muy escaso

    ResponderEliminar
  4. PARÉCEME BASTANTE COMPLETO E AXUDA BASTANTE A ENTENDELO. GRAZAS

    ResponderEliminar
  5. Xacinta aprobame porfavor

    ResponderEliminar
  6. buah muchas gracias me acaba de salvar el curso vamossss!!

    ResponderEliminar
  7. Moitisimas grazas, axudoume moito no meu examen onde o comentario vale 8 puntos!!

    ResponderEliminar