Buscar neste blog

sábado, 16 de outubro de 2021

Variedades lingüísticas

 No mundo existen na actualidade máis de 6000 linguas que son faladas por comunidades que viven en 195 países recoñecidos internacionalmente. En consecuencia, contra unha visión que propugna o monolingüismo como normalidade lingüística, resulta obrigado concluír que o contacto de linguas e variedades non é unha anormalidade, senón que é un feito inevitable e unha constante na historia das comunidades humanas. Neste sentido, a situación do galego e a das outras linguas peninsulares non resulta singular nin extraordinaria. Sen irmos máis lonxe, no ámbito ibérico dáse contacto entre as variedades orixinarias (galego, castelán, asturiano, portugués, vasco, aranés, catalán, aragonés etc.) e entre estas e outras faladas por inmigrantes, os seus descendentes e residentes estranxeiros (romanés, árabe, alemán, wu, quechua etc.).

 Debes ser consciente de que:

  • hai diversas formas de falar unha mesma lingua;
  • cómpre adaptarmos a forma de falar aos interlocutores e ao lugar onde falamos.

 

Para iso debes previamente:

  • coñecer que todas as linguas teñen variedades dentro da súa unidade.
  • coñecer cales son esas variedades
  • coñecer cales son os rexistros dunha lingua, a que se deben e cales son as súas características.

 

Todas as linguas teñen distintas formas de falarse. Cada persoa utiliza palabras, expresións e formas de pronunciar diversas.

Ás distintas maneiras de falar unha mesma lingua chamámoslles variedades ou variantes lingüísticas e débense a diversos factores ou causas:

  • a época histórica: por exemplo, na actualidade non se fala o galego igual que na Idade Media ou hai 200 anos.
  • o lugar: non se fala o mesmo, poñamos por caso, en Ourense (onde se di por exemplo irmao ou luz) ca en Vigo (onde esas mesmas palabras se pronuncian irmán e lus)
  • os estudos e a profesión da persoa que fala
  • a utilización concreta que se fai da lingua, é dicir, con quen falamos e para que o facemos: non falamos exactamente o mesmo cando nos diriximos aos colegas no patio de recreo ca cando o facemos na clase diante dunha profesora ou cando lle pedimos algo aos pais.

Esas distintas maneiras de falar non son incorrectas; ao contrario, non sería normal que todos falásemos igual en todas as circunstancias.

En resumo, as variedades dunha lingua son as seguintes:

 diacrónicas ou históricas as que dependen do período da historia
 diatópicas ou dialectos
as que teñen que ver co lugar xeográfico onde se fala a lingua
 diastráticas ou niveis
as que se deben á formación e profesión da persoa que fala
 diafásicas ou rexistros
as que se orixinan pola utilización concreta que facemos da lingua.

 

 

xoves, 14 de outubro de 2021

Textos para facer resumos

 Realiza RESUMO dos seguintes textos:

 

«MENDIGOS»

Algúns concellos españois aplican unha medida para acabar coa mendicidade, que consiste en impoñer unha multa de varios centos de euros a quen a practica. A sanción pode chegar aos 500€

Eu creo que é unha decisión moi axeitada, porque os mendigos non respectan o suficiente os demais cidadáns. Abáfannos.

Na praza onde vivo aniñan uns cantos tipos desta clase. E os madrileños sinxelos vémonos molestados por eles con demasiada frecuencia. Van porcos e ás veces menten, porque din que é para comer e gastan os cartos en “tetrabriks” de viño malo, cuxos envases non sempre colocan nas papeleiras cando están baleiras.

Pero esa xusta e caritativa medida establece algúns inconvenientes. Ao parecer, os mendicantes non teñen un domicilio fixo ao que facer chegar a notificación da multa. Non hai un xeito seguro de obrigalos a facer fronte ao castigo. E eles, con astucia, non adoitan levar en efectivo os cartos suficientes para afrontar a súa responsabilidade. Acumulan multas sen pagar como moitos condutores pillados a 200 por hora nunha autoestrada.

Por iso, seguramente, algúns consistorios (necesitaba escribir esa palabra algunha vez!) están dando marcha atrás. O concello de Barcelona entre outros. Se os alcaldes que intentaron erradicar así a mendicidade leran algo de historia saberían que o propio marqués de Tamarón, que foi gobernador franquista de Madrid en 1941, tivo que deixar de multar os coxos e maltratados superviventes do Exército republicano, que pedían de comer pola rúa, por esa razón, porque non pagaban.

Pero hai que pensar nalgunha alternativa. É intolerable que haxa tanta xente exhibindo a miseria con semellante deshonestidade.

Cochos, borrachos e malos pagadores.

 

«A ortografía é o termómetro”

 

Quen ten un problema de ortografía non sofre soamente ese problema. Os erros coa puntuación ou as letras van sempre asociados a unha deficiente expresión sintáctica e a un vocabulario pobre. A ortografía é o mercurio que serve para sinalar a febre. Poderanse abolir os h e os acentos gráficos, como propuxo García Márquez, pero non por romper o termómetro baixará a temperatura.

As persoas acostumadas a ler bos libros e bos xornais non adoitan cometer faltas cando escriben, porque a súa memoria inconsciente foi almacenando as palabras exactas e deducindo as relacións gramaticais que manteñen entre si. E cando as necesiten para expresar unha idea, abrocharán case sen esforzo.

Fronte a iso, as faltas involuntarias afloran en quen non quixo ou non puido recibir un ensino de calidade e non enriqueceu logo o seu pensamento coas coidadas lecturas que conducen sempre a coidadas reflexións.

Hoxe en día saímos á praza pública máis coa palabra escrita que coa expresión oral. Redactamos mensaxes de WhatsApp, de correo, escribimos en Twitter… E paseamos por esa rúa de multitudes vestidos soamente coa nosa ortografía  e a nosa sintaxe. Así amosámonos aos demais, que se formarán unha opinión ao respecto do mesmo xeito que se establece unha impresión xeral ante quen leva sempre manchas no traxe.

En definitiva, a ortografía é sobre todo un indicio. Suponse que quen escriben con corrección leu e incorporou ao seu pensamento unha estrutura gramatical que lle permite ordenar as ideas e analizar con máis competencia tanto o que oe como o que pensa. A boa ortografía axuda asemade a relacionar uns vocábulos con outros (e tamén a distinguir uns conceptos de outros).

Pola contra, cabe supor que quen comete faltas de ortografía non dispón desas ferramentas; que tal vez goce así de menos capacidade para a argumentación e a sedución, e que probablemente sexa, por todo iso, unha persoa máis manipulable.

 

Álex Grijelmo, El País

 

 

Don Mariano camiña polo lado dereito do corredor do segundo andar de San Caetano na procura da seguinte reunión. Chega tarde e sábeo, por iso apura. Precédeno  dous grosos asesores con cadanseu maletín na mao esquerda. Por detrás, dúas esveltas mulleres de andar contido e cartafol ao peito. De  súpeto, don Mariano detense e todos se deteñen. Colle o móbil que vibra no peto do pantalón, mira a pantalla e aperta os labios ante a amoladura.

 ––Dime –di.

Don Mariano, trinta segundos despois de descolgar e os mesmos a escoitar a pertinaz voz que sae polo seu móbil, atravesa o corredor e achégase a unha ventá. Vólvese para comprobar que ninguén axexa o que considera unha conversa privada. A seguir exclama, coa mao coa que sostén o aparello tapándolle a boca:

––Mira, Vanesa, eu non che teño a culpa de que alucines coa túa nai e co que pasa! E se non lle queres falar, alá ti. Ela seguramente fixo o que tiña que facer, e eu estou ocupadísimo traballando. Pero ocupadísimo, entendes? Así que… Mira, vouche solucionar o teu problema de vez. Agora mesmo sobes ao teu cuarto e remexes no camión de roupa que tes polos catro armarios. Colles o que che praza e pólo,  que aí está todo rebaixado, pero moito máis rebaixado que en Londres, París ou eses lugares raros aos que sempre pretendes ir de compras. Incluso, se queres, podes poñer catro pares de botas, sete cazadoras e oito gorros nas orellas, todo xunto, a ver se así colles unha enchente e… Ou se non, mellor aínda, filla, sen dar o lerio como estás dando, volves para o instituto, que é onde debía estar metidiña toda a mañá unha mocosa de dezasete anos coma ti. E por favor, a ver se deixas de "flipar" tanto!

Don Mariano non agarda pola resposta. Amolado, pecha o móbil e méteo no peto. Entón emprende de  novo a marcha, e todo o seu séquito, como se tivese ensaiada unha coreografía, fai o mesmo.

 

 

Xavier Quiroga, Zapatillas rotas, 2014

 

 

Indica o tema

 Comezamos co primeiro exercicio. Indica o TEMA dos seguintes textos:


1. A pesar das reticencias que amosaba hai uns meses a través do seu presidente Alexander Ceferin, o Comité Executivo da UEFA acordou este xoves introducir o videoarbitraxe  (VAR) na Liga dos Campións 2019-20, a partir de agosto, cando se disputen as eliminatorias previas. Ademais, o VAR  tamén estará operativo na Súpercopa de Europa de 2019, na fase final da Eurocopa 2020, na Liga Europea 2020-21, e na fase final da Liga das Nacións 2021.

 

2.- A sarna é unha enfermidade que afecta a pel das persoas. Esta enfermidade vén causada por un parasito moi pequeno que se mete na pel, producindo unhas burbulliñas vermellas cubertas por unha costra cor café. A sarna produce un forte proído sobre todo pola noite, facendo que a persoa se rañe. Ao facelo, fánselle pequenas feridas que se converten en grans e infeccións. Para curar a sarna é necesario frotar todo o corpo dende o pescozo ata os  nocellos cunha loción chamada “Benzoato de Bencilo”. Este tratamento debe realizarse pola noite. Para aliviar o proído, hai que poñerse aceite, calamina ou algunha outra medicina recomendada polo médico.

 

3.- A fin da humanidade non será esa fantasmagoría ideada por San Juan de Patmos. Nin anxos nin trompetas, nin monstros nin batallas no ceo e na terra. A fin da humanidade será lenta, gradual, sen ruído, sen patetismo: unha agonía progresiva. Os homes extinguiranse un a un. Aniquilaranos as cousas, a rebelión das cousas, a resistencia, a desobediencia das cousas. As cousas, despois de desaloxar os animais e as plantas e instalarse en todos os sitios e ocupar todo o espazo dispoñible, comezarán a amosarse arrogantes, despóticas, volubles, caprichosas. O seu funcionamento non se axustará ás instrucións dos manuais. Modificarán, por si soas, os seus mecanismos. Logo funcionarán cando se lles antolle. Por último, insubordinaranse, declararanse en franca rebeldía, desmandaranse, farán caso omiso das ordes do home. O home quererá que unha máquina sume e a máquina restará. O home tentará poñer en marcha un motor e o motor negarase. Operacións simples e cotiás como prender a televisión ou conducir un automóbil converteranse en manobras complicadísimas, custosas, cheas de sorpresas e de riscos. E non só as máquinas e os motores se amotinarán: tamén os simples obxectos. O home non poderá soster ningún obxecto entre as mans porque escaparase, caerá ao chan, agocharase nun recuncho onde nunca o atopen. As pechaduras trabaranse. Os caixóns aferraranse aos montantes e ninguén logrará abrilos. O exterminio da raza dos homes virá a consecuencia do triunfo das cousas. Cando o último home desapareza, as cousas frías, relucentes, duras,  metálicas, xordas, mudas, insensibles, seguirán brillando á luz do sol, á luz da lúa, por toda a eternidade.