O código do amor cortés supón unha
auténtica revolución nos costumes amorosos e na linguaxe da poesía erótica a
fins do século XI. Significa a idealización absoluta do amor como fundamento da
plenitude humana libre de convencións sociais e morais, xa que o modelo de
relación que glosa a canço é polo regular adúltero. Por outra parte, desenvolve
un completo formulario para a vivencia e expresión do amor refinado.
O código do amor cortés combina
múltiples motivos ideolóxicos procedentes das principais correntes da cultura
medieval:
1.- Feudalismo:
Deste adopta o esquema básico que deben seguir as relacións home-muller. O home
convértese en VASALO e a muller en SENHOR. A relación entre ambos toma a forma
dun pacto de vasalaxe amorosa rexido por principios semellantes á vasalaxe
feudal (servizo e lealdade por parte do namorado, aceptación, atencións e
defensa por parte da dama). Alén disto, o amor cortés era un sinal de
distinción social propio da aristocracia e vedado a quen non fose de condición
nobre.
2.- Cristianismo:
incorpora unha imaxe feminina próxima á da Virxe como suma de todas as
virtudes. O amor cortés realiza unha divinización da muller e convértea en
obxecto de adoración e fervor case relixioso.
3.- Platonismo:
Deste recolle a concepción do amor como unha ascese purificadora, un camiño de
elevación moral que debe levar ao namorado a ser merecente dos favores da dama
idealizada a través dunha dura aprendizaxe. Nesta ascese os provenzais
distinguían ata catro graos:
.- O namorado convertíase en fenhedor ou suspirante cando, incluso
antes de coñecer á dama desexaba conseguir o seu favor.
.- Pasaba a ser precador ou suplicante cando despois de coñecela lle pedía con
insistencia que o aceptase como namorado.
.- Alcanzaba o grao de entendedor cando a dama o aceptaba, esta
aceptación implicaba o inicio da vasalaxe amorosa selada pola entrega dunha doa
como sinal por parte da dama.
.- O último grao na escala amorosa
era o de drudo, palabra coa que se
designaba ao amante cando conseguía os plenos favores da dama.
A
ascese remata no “joi” (ledicia), a plena felicidade conseguida tras percorrer
todo o camiño de perfeccionamento interior e achegarse á muller idealizada.
A
dama a quen o trobador dirixía os seus poemas era unha muller xeralmente
casada, e de condición social superior. Este feito xunto á discreción á que o
cabaleiro estaba obrigado pola regras de cortesía fan que o trobador oculte a
identidade da súa
dama baixo un
pseudónimo ou sinal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario