Valores especiais dalgunhas formas:
No uso dos pronomes tónicos das distintas persoas pode
haber desprazamentos de significación, máis ou menos funcionais, que afectan ao
uso do plural por singular, ao dunha persoa por outra.
.- Plural de modestia: Nós por eu. Aínda que a
persoa é singular, o locutor refírese a si mesmo cunha forma de plural, dando
ao afirmado o carácter de colectivo. As normas sociais impoñen este uso sobre
todo cando o emprego da primeira persoa singular pode ser entendida como mostra
de arrogancia: “O traballo que nós (por
eu) realizamos pretende ser unha contribución ao estudo da dialectoloxía
galega”.
.- Plural de maxestade: Nós por eu. É unha forma
arcaica e cerimonial utilizada por monarcas e altos cargos da igrexa: “E por
todo isto, nós, el Rei, prometemos ampararvos”.
.- Fórmulas de afectividade – Nós complexivo: Nós
por ti. O emisor achégase afectivamente, faise participe ou solidario
co receptor: ”Que tal, señora María? Como estamos?”.
Por outra banda, o emprego de vostede por ti en
situacións en que non cabe un trato deferente é frecuente nas reconvencións e
ordes dadas con certa dose de afecto: “Dona Iria, veña vostede aquí e recolla o
seu cuarto inmediatamente”.
.- Plural sociativo: Nós por eu. O emisor
pretende compartir co interlocutor determinadas opinións, inquedanzas ou
proxectos: “Encontrámonos ben, grazas = Encóntrome ben, grazas”.
.- Ti por eu. O emisor presenta con
certo distanciamento unha acción implicando ao seu interlocutor: “Cando non entendes, calas” =
Cando non entendo, calo”.
.- El / Ela por eu. Fórmula ritual
empregada en textos xurídico-administrativos: “D. Xosé Veiga, maior de idade,
con DNI nº..., expón...”
Ningún comentario:
Publicar un comentario