¿Por que?
-¡Escoita! Os algoasiles
andan correndo a aldea;
mais, ¿como pagar, como, se un non pode
inda paga-la renda?
Embargarannos todo, que non teñen
esas xentes concencia, nin ten alma.
¡Quedaremos por portas,
meus fillos das entrañas!
¡Mala morte vos mate
antes de que aquí entredes!...
Dos probes, ó sentirvos,
os corazós, ¡cal baten tristemente!
-María, se non fora
porque hai un Dios que premia e que castiga,
eu matara eses homes
como mata un raposo a unha galiña.
-¡Silencio! ¡Non brasfemes
que este é un valle de lágrimas!...
¿Mais por que a algúns lles toca sufrir tanto
i outros a vida antre contentos pasan?
Ningún comentario:
Publicar un comentario