Onte a Fundación Rosalía de Castro estreou o seu novo portal na arañeira dixital. Xusto a tempo para difundir os actos do Día de Rosalía,
o vindeiro 24 de febreiro. Parabéns pola iniciativa e o esforzo feito
para achegarnos máis á figura da poeta. Agardamos que se vaian
completando os espazos deste web con información máis completa sobre a
súa obra e traxectoria vital. De certo que será toda unha referencia.
En colaboración coa AELG proponse aos
centros do ensino a inclusión no venres 22 actividades escolares na
súa programación, como lecturas e gravacións audiovisuais por parte do
alumnado de poemas de Cantares gallegos, que se divulgarán desde o portal da AELG para darlles visibilidade social.
O 23 de febreiro a homenaxe chegará desde Caracas e desde distintas cidades e vilas galegas coa lectura de poesías de Rosalía.
O 24 será o día central dos actos e celebrarase o 150 aniversario da
publicación de Cantares Gallegos. Desde a Fundación faise un chamamento
aos gaiteiros para sair ás rúas para dar unha Alborada para Rosalía. Tamén se realizará unha lectura pública no Panteón de Galegos Ilustres
ás 12:00. En definitiva, haberá toda unha restra de actos para lembrar e
dignificar a figura da escritora que recuperou a nosa lingua para os
usos cultos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario