Buscar neste blog

luns, 23 de xuño de 2014

Despedida

Cada curso que remata sempre se me presentan as mesmas e eternas dúbidas: Faríao ben? Sería xusta? Aprenderían comigo? Axudeinos o suficiente? Tiven sempre tempo para escoitalos e escoitalas? Fun quen de ensinar uns valores que na sociedade se perden? Como me lembrarán? Como podo mellorar? Que debo cambiar? Son quen de facelo?...
Non o podo evitar, é algo consustancial. O medo a non telo feito ben, a que non aprenderades, a ser demasiado esixente sen tervos dado o preciso, o medo a non estar aí como debería, o pánico a non ser unha verdadeira profesional.
E este curso foi moi especial convosco. Así, cando menos, sentino eu. Aínda que barulleiros e protestóns polas dúas bandas (dereita e esquerda, máis loiros ca morenos...), o feito de facermos tantas actividades e de charlar asemade un día e outro conseguiu que o meu corazón fose conquistado. 
Así que esta será unha despedida ben especial. Eses nervios víronse aumentados e transformados nunhas bolbotetas que percorren o meu corpo nesa eterna dúbida que me martelea. Marchar supón máis tristura da que eu pensaba pola vosa culpa. Pero só vos queda aí un aniño! Así que a tristura podería ter sido ben terrible se eu ficase. 
Coido que o camiño quedou trazado e a maxia da paisaxe tédela ante vós, se non queredes mirar cara a outro lado. Ese proxecto de vida ídelo facer sós, aínda que sempre me teredes, cando necesitedes un consello e cando precisedes un agarimo, esta segunda mamá preocupada permanecerá ben preto. Porque son unha orgullosa segunda mamá e alédame a vosa xuventude, a vosa forza, a vosa lingua, o voso futuro. Non deixedes de loitar por el. Non permitades que volo trunquen. Non agachedes a cabeza. Non perdades o tesouro máis fermoso que tedes: a nosa lingua. Non esquezades nunca quen sodes nin de onde vides. 
E lede. Lede. Estudade. Formádevos. Só con cultura este país terá futuro. Só a formación das persoas poderá salvarnos da nosa autodestrución. 
Confío en vós.
Quérovos.
E déixovos uns poemiñas para que vos sigades poetizando. Agardo que vos gusten.

 
Unha aperta, sempre: Antía, Cristina, Alejandro, Leticia, Román, Alberto, Rocío, Isidro, Diego, Carlos, Diego, Sonia, Denise, David, Michel, Carmen.

fin

Ningún comentario:

Publicar un comentario