Como exemplo de comentario, déixovos unha análise desta cantiga:
Sedia-m'eu na ermida de San Simion,
e cercaron-mi as ondas, que grandes son.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!
Estando na ermida ant'o altar,
cercaron-mi as ondas grandes do mar.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!
E cercaron-mi as ondas, que grandes son;
non ei i barqueiro nen remador.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!
E cercaron-mi as ondas do alto mar;
non ei i barqueiro, nen sei remar.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!
Non ei i barqueiro nen remador:
morrerei, fremosa, no mar maior.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!
Non ei i barqueiro, nen sei remar:
morrerei, fremosa, no alto mar.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!
Meendinho
(S. XIII)
Estamos
ante unha cantiga de amigo porque está posta en boca dunha muller e porque
aparece a palabra “amigo” (por primeira vez no refrán). Ademais, e aínda que
non sempre se cumpra, aparece o típico paralelismo –que analizaremos despois-,
e o refrán, o que a convirte nunha cantiga de refrán, típica tamén das cantigas
de amigo.
A moza conta como acudiu á illa de
San Simón para encontrarse co amigo ante a súa ermida (lugar frecuente para a
cita dos namorados); agardando feliz por el, non se percata de que a marea
sobe, sumida como está nos seus propios pensamentos-sentimentos, e cando volve
á realidade comproba que non pode saír de alí porque non hai ninguén que a
axude, e ela por si soa non é quen de valerse. Nas dúas últimas cobras afirma,
pois, que morrerá “fremosa” no medio do
mar; caben varias perspectivas para a interpretación desta aseveración:
- A
moza peca de narcisista, pois considérase a si mesma dotada de grande beleza.
- A
moza sábese demasiado nova para morrer.
- A
última opción, e para nós a máis acertada, é que do que de verdade se lamenta a
moza é de morrer virxe, de acudir a unha cita ilusionada, nun lugar no que non hai ninguén, e que o
mozo non chegue para amala.
Por suposto, a afirmación da súa
propia morte é hiperbólica (figura retórica típica das cantigas medievais),
pois todos sabemos que a morte é ficticia: a illa non vai desaparecer porque
suba a marea. Así pois, esta hipérbole redúndanos na tese de que a cantiga o
que quere expresar realmente é a soidade, o desamparo da moza abandoada pola
persoa que ela máis ama: o amigo. E este desacougo reflíctese de maneira única
no refrán, un refrán duplicado desesperadamente, unha tráxica chamda de
impotencia, unha aflixida agonía que remata constante e vitalmente nunha
pregunta retórica que supoñemons nin ela mesma quere contestar: “¿E
verrá?”. Nin o mar, nin as ondas, nin os
ouvintes da cantiga, poderán respostar a esta chamada anguriada dunha moza
namorada, unha dúbida corrosiva sobre os verdadeiros sentimentos do amado.
EN CANTO Á FORMA vemos que é unha
cantiga de refrán (os dous últimos versos de cada cobra, neste caso,
idénticos), que presenta paralelismo cada dúas cobras (o primeiro verso da
primeira cobra co primeiro verso da segunda, o segundo verso da primeira cobra
co segundo verso da segunda, e así sucesivamente), e leixaprén, convertendo o
segundo verso de cada par de cobras en primeiro verso do par seguinte. O paralelismo
presente fai cambiar o hemistiquio final por un sinónimo, ou utiliza a
alteración na orde das palabras. Así pois, dunha cantiga de 24 versos, só 5 nos
aportan realmente información.
O esquema rimático é o seguinte:
A B A B A B
A B A B A B
Como é habitual, o refrán non
rima co resto da cantiga.
A rima é macho ou aguda ao longo da
cantiga, en cobras alternas.
Os versos son de arte maior, aínda
que nesta cantiga non se dá o isosilabismo, salvado pola musicalidade e a
cadencia rítmica.
Pola súa forma interna, diremos que
estamos ante unha cantiga monologada, aínda que hai unha pequena presencia de
elementos narrativos, como a alternancia verbal, que vai dende o pasado ata o
futuro, establecendo así unha progresión na acción.
EN CANTO AO SUBXÉNERO da cantiga,
poderiámola incluír dentro das Barcarolas, xa que se desenvolve nunha paisaxe
mariñeira (¡e tanto!), aínda que tamén aceptemos a clasificación de cantiga de
Romaría, xa que o lugar elixido para o encontro dos namorados é unha ermida.
NON aparecen personaxes, só a moza
protagonista, suxeito lírico da cantiga, caracterizada fisicamente tan só polo
adxectivo “fremosa” xa analizado anteriormente, e que manifesta o sentimento de
coita tan propio das nosas cantigas.