“Ni por tres, ni por seis, ni por nueve mil reales volveré a
escribir nada en nuestro dialecto, ni acaso tampoco a ocuparme de nada
que a nuestro país concierna”. Rosalía de Castro estaba moi
enfadada cando lle escribiu estas palabras ao seu home, Manuel Murguía,
nunha carta asinada en Lestrove en xullo de 1881.
E non se sentía só doída, senón tamén fondamente decepcionada, polo que
se desprende dos seus argumentos nese mesmo texto: “Se atreven a decir
que es fuerza que me rehabilite ante Galicia. ¿Rehabilitarme de qué? ¿De
haber hecho todo lo que en mí cupo por su engrandecimiento? El país si
que es el que tiene que rehabilitarse para con los escritores, a
quienes, aún cuando no sea más que por la buena fe y entusiasmo con que
por él han trabajado, les deben una estimación y respeto que no saben
darles”.
Malia o malestar así amosado non cumpriu, de todo, a súa advertencia. Publicou Dende as fartas orelas do Mondego no portugués Almanach das senhoras no 1885. Non houbo porén, é certo, máis libros en galego. Volveu ao castelán en En las orillas del Sar. Pero da lectura de poemas desta obra como ¡Volved!, Los robles, ¡Jamás lo olvidaré...! ou De asombro llena non se deduce que abandonase as súas inquietudes cara á súa terra.
Máis ben o contrario: remata ¡Jamás lo olvidaré! con estes
versos: “mas ¡oh, Señor¡ a consentir no vuelvas/ que de la helada
indiferencia el soplo/ apague la protesta en nuestros labios,/ que es el
silencio hermano de la muerte,/ y yo no quiero que mi patria muera,/
sino que como Lázaro, ¡Dios bueno!,/ resucite a la vida que ha perdido;/
y con voz alta que a la gloria llegue,/ le diga al mundo que Galicia
existe,/ tan llena de valor cual tú la has hecho,/ tan grande y tan
feliz cuanto es hermosa.”
A tan citada misiva de Rosalía nacera en resposta ao escándalo que nalgúns xornais do país provocara o seu artigo Costumbres gallegas, publicado en Los Lunes de El Imparcial de Madrid.
Nel referíase a un antigo costume dalgunhas zonas de costa galegas nas
que as familias, como mostra de hospitalidade e “extrema xenerosidade”,
realizarían o “sacrificio” de permitir que o mariñeiro forasteiro pasase
unha noite cunha muller da casa.
Alén do debate posible sobre a explicación e a mesma existencia de tal hábito do que a creadora de Follas Novas tivo
noticia, a cuestión é que foi duramente criticada por aquel texto. E a
súa reacción, recollida nesa carta privada que lle dirixe ao seu marido,
deu lugar ás máis diversas interpretacións. Se cadra, segundo apunta a escritora Marina Mayoral no seu limiar á edición de Castalia de En las orillas del Sar,
o prematuro falecemento de Rosalía, poucos anos despois, contribuíu a
darlles ás súas palabras de ira unha “transcendia enorme” que, doutro
xeito, non terían.
Escribir en lingua galega no tempo de Cantares
Na carta, Rosalía remataba pedíndolle a Murguía que lle
comunicase ao editor a súa resolución de non volver escribir en galego,
“de una vez que a él no le conviene aceptar las condiciones que le he
propuesto”. Non estaba pechándose, así, totalmente en banda.
Non coñecemos tampouco o contido destas clásulas. En calquera caso, tal
como sinala nun artigo na revista Grial a biógrafa de Rosalía
Victoria Álvarez de Ojeda, a determinación da escritora seguía a ser
mesma en 1882, e así llo fai saber Murguía a Francisco Portela Pérez
cando este solicita permiso para incluír algúns versos de Rosalía nunha
antoloxía.
“Se cadra a pregunta non é por que Rosalía comeza e escribir en
galego e despois anuncia que renuncia a esta lingua”, explica a
profesora da Universidade de Barcelona María Xesús Lama. “Porque o
realmente abraiante”, -subliña-, “é que decidise escribir en galego,
sen unha tradición literaria que lle servise de referente, sen
alfabetización en galego, sabendo que os que falaban galego non o lían e
que os poucos que lían lían en castelán. Na época de Rosalía, as elites
provincialistas comezaban a reivindicar o galego, e facíano en castelán
e en galego. A unión entre reivindicación da nación galega e uso do
galego como lingua literaria é posterior. O monolingüismo en galego era,
daquela, un ideal inimaxinable”.
O historiador Xusto Beramendi comenta, respecto disto, no seu ensaio De Provincia a nación,
que na prensa galega “o normal é que, polo menos ata 1885-1890, a
presenza do galego se limite á publicación moi esporádica dalgunha
poesía e só moi raramente a textos en prosa, case sempre tamén
literarios. Os contidos propiamente políticos, históricos ou en
xeral ensaísticos adoitan transmitirse en castelán, mesmo polos propios
galeguistas. Esta norma non atopa excepcións significativas, e aínda así
moi escasas, ata a fase rexionalista”.
Porque a lingua de cultura seguía a ser o castelán. A literatura galega
acababa de saír, practicamente, dos Séculos Escuros, e aínda non se
recuperara o cancioneiro medieval. “Nos movementos de recuperación das
linguas marxinalizadas, é o habitual que as elites comecen a súa
actividade na lingua dominante, que é a lingua na que foron educadas.
Son elites bilingües, que despois transfiren as competencias adquiridas
na lingua A á lingua B, é dicir, van pasando os usos formais desde a
lingua dominante á marxinalizada. Así ocorre no caso galego.
Parte das elites galeguistas eran castelán-falantes, outras foran
educadas en galego e eran galego-falantes. En calquera caso, o destas
elites era un bilingüismo diglósico”, explica o profesor Henrique
Monteagudo.
Tampouco é nada estraño que o primeiro cultivo literario do galego
correspondese á poesía. A investigadora Celia Armas precisa arredor
disto que “as primeiras manifestacións dunha literatura son sempre
líricas. Ademais, no contexto do campo cultural do XIX non hai outra
lingua vehicular para os usos públicos que o castelán, e isto hai que
entendelo como resultado dun proceso de colonización que procede de moi
atrás, a chamada ‘doma e castración’. Nestas circunstancias, e
axudadas polo ronsel do romantismo europeo, xermolan as primeiras
reivindicacións protonacionalistas, no seo das que hai que situar Cantares Gallegos. Rosalía escolle a lingua do pobo propositadamente e sabe que o que fai é algo novo”.
E máis aínda. “Non hai que esquecer que Rosalía é a primeira muller
escritora no Estado español que non utiliza seudónimo”, sinala o
presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira. “E non o tivo nada
fácil. Vive separada do seu marido, non ten diñeiro: Emilia Pardo Bazán
tiña o patrimonio ao seu nome, Pondal era fidalgo... Nun determinado
momento, despois de Follas Novas, volve escribir en castelán, en En las orillas del Sar. Pero mantén o mesmo paradigma de contidos que iniciara en Cantares Gallegos. En las orillas del Sar é tan galeguista como Follas Novas. As súas ideas patrióticas son as mesmas”, sostén.
A decisión de Rosalía de escribir en galego debe ser, por outra banda,
“considerada como revolucionaria; en efecto, as poesías galegas
publicadas no século XIX non son moi numerosas, e a publicación dun
volume enteiro de poemas en galego era unha novidade notable”, indica o profesor da Universidade de Montpellier Claude Poullain nun artigo recollido nas actas do Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía e o seu tempo, celebrado a mediados dos 80.