Buscar neste blog

xoves, 14 de outubro de 2021

Pasos para realizar un Comentario Crítico

 Imos ir pouco a pouco comezando a realizar os nosos primeiros comentarios críticos. Como non é doado, daremos pequenos pasos. 

Os primeiros serán realizar TEMAS e RESUMOS.

 

TEMA : idea central da que parte un texto (asunto) + intención do autor (criticar, loar, ironizar...)

CARACTERÍSTICAS DUN BO TEMA:

a)     Brevidade: non máis de 10 palabras = unha fila (tampouco 1ou 2 palabras ).

b)    Densidade: canta máis información sobre o texto conteña, mellor.

c)     Responde á pregunta: De que trata o texto? (Axústate ao que di o texto).

d)    Indica a intención do autor: crítica, gabanza (só se é clara).

e)     Redacción: SUBSTANTIVO (se é posible abstracto) + COMPLEMENTOS (adxectivos ou sintagmas preposicionais).

f)      Sen verbos.

(Podes lembrar a teoría das tres “C”: claridade, concisión e concreción)

Exemplos:  

- Crítica ao consumismo na sociedade actual.

- Loanza do modelo de ensino finlandés.

- O valor social dos cartos.

- Os dereitos dos indíxenas brasileiros.

 

Se pensamos, por exemplo, que o tema dun texto é “o home que berra” cambiámolo para poñer : “o berro do home”, tirando así o verbo. Ou “o tenista francés venceu comodamente ao seu contrincante español” para tirar o verbo diremos que o tema é : “A cómoda vitoria do tenista francés sobre o español”

NON CONFUNDILO CO TÍTULO  !

Tema: breve, denso e axústase ao que di o texto (non te pases de orixinal)

Título: máis breve, non ten por que axustarse ao contido e pode ir cargado de intencionalidade estética, usar xogos de palabras, ser enxeñoso, atrevido...

Por exemplo, un texto que teña por tema a crítica ao consumismo na sociedade actual, podería ter o seguinte título orixinal baseado nun xogo de palabras: “Con sumo coidado”

 

O RESUMO.

Resumir é producir un texto breve a partir dun máis extenso seleccionando as ideas principais.

Pasos para facer un resumo:

1º. Lectura comprensiva (Faite unha Idea Xeral do texto e busca nun dicionario as palabras ou expresións que non coñezas)

2º. Nunha segunda lectura subliña o que che parece fundamental do texto e tenta descubrir, parágrafo a parágrafo ou estrofa  a estrofa,  as ideas importantes e secundarias do texto  (Se fas un esquema das ideas axudarache a facer o resumo).

3º. Redacta o novo texto coas túas palabras (non copies do orixinal) cohesionando nun único parágrafo as ideas importantes que seleccionaches antes.

4º.  Faino sempre en 3ª persoa.

5º.  Como regra xeral non uses  fórmulas introdutorias do tipo “ O autor di...” aínda que para resumir sobre todo textos poéticos ás veces é  necesario empezar con “ O eu poético...”

 

CLAVES DUN BO RESUMO:

a)      Brevidade: non máis do 25% do texto orixinal.

b)      Concisión: pon só o esencial, vai ao grao e nada de anécdotas, exemplos, enumeracións, incisos...

c)      Obxectividade: non deas a túa opinión nin fagas valoracións persoais (déixaas para o comentario). Tampouco aportes ningunha idea que non estea no texto orixinal.

d)      Claridade: o novo texto ten que ser coherente e estar ben cohesionado. Debe ser comprensible.

e)      Está redactado coas túas palabras, non copies do orixinal.

f)        Respecta a orde das ideas: aínda que non hai por que facelo, é recomendable manter a organización, é dicir, a mesma orde ca no orixinal na exposición das ideas.

g)   Está en 3ª persoa e nun único parágrafo.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario