Buscar neste blog

martes, 12 de outubro de 2021

O Rexurdimento



 Logo do silencio dos Séculos Escuros, o XIX é o século do Rexurdimento, un movemento de recuperación da lingua, da literatura e da cultura galegas.

Este movemento está estreitamente vinculado coa aparición e desenvolvemento da ideoloxía galeguista, que reivindica o recoñecemento de Galiza como pobo diferenciado e defende e trata de dignificar os trazos caracterizadores da identidade galega (lingua, cultura, etc).


1. CONTEXTO HISTÓRICO. GALIZA NO SÉCULO XIX

1.1. Situación socioeconómica e demográfica

Galiza era no século XIX unha sociedade principalmente rural. Os principais sectores económicos eran a agricultura e a pesca, mentres que a industria presentaba un papel moi pouco relevante, destacando as conserveiras (maioritariamente catalás). As vías de comunicación estaban desfasadas e o ferrocarril tardaría en chegar.

Sen terras de seu (seguía vixente o sistema foral) e afogados polos foros e outros impostos, os labregos galegos vense na obriga de procurar unha saída para subsistiren: a emigración. Ao longo do século XIX produciuse un desprazamento de 900.000 persoas cara a países como Arxentina, Uruguai, Cuba ou Brasil. Aínda que houbo algúns que fixeron fortuna nas Américas, a maioría volvían avellentados e tan pobres como marcharan. A emigración provocou o aumento da taxa de mulleres solteiras, o avellentamento da poboación e a escaseza de forza de traballo en Galiza.

1.2. Situación política

  • 1808: Invasión das tropas napoleónicas
  • 1812: Constitución de Cádiz
  • 1814: Fernando VII regresa ao trono. Restablece a monarquía absoluta.
  • 1833: Morre Fernando VII. Loita pola sucesión do trono → Inicio das Guerras Carlistas. // Reinado de Isabel II → Caída do Antigo Réxime - Construción do Estado Liberal
  • 1868 - 74: Sexenio Revolucionario
  • 1873: I República española
  • 1875: Restauración borbónica. Turnismo

1.3. O galeguismo: provincialismo e rexionalismo

A medida que se vai agravando a situación de marxinalidade de Galiza no Estado, aumenta tamén en certos sectores da sociedade a preocupación polo presente e polo futuro do pobo galego. Xorde así o movemento galeguista que, na súa evolución, pasa por diferentes fases: a) o provincialismo, b) o rexionalismo e c) o nacionalismo

a. O PROVINCIALISMO. Ata 1833 mantívose o Reino de Galiza como unidade territorial dentro da Coroa Española. Nese ano (que foi, lembremos, o ano no que morreu Fernando VII → Caída do Antigo Réximo / Construción do novo Estado Liberal) establécese unha nova división territorial do Estado que fai que Galiza deixe de existir como unidade política ao ser dividida en catro provincias. Isto provoca o nacemento do provincialismo, que reivindica primordialmente a unidade desas catro provincias nunha soa entidade. O principal líder do provincialismo foi Antolín Faraldo.

Para defenderen a unidade e o carácter diferencial de Galiza, os provincialistas apóianse en trazos coma o idioma, a historia e a cultura comúns.

b. O REXIONALISMO. Na década de 1880 aparece un movemento de carácter rexionalista, que considera Galiza unha rexión diferenciada dentro do Estado español e defende o dereito a certa autonomía política e administrativa. Os rexionalistas sustentan o diferencialismo do pobo galego na historia (principalmente, no pasado celta) e na pervivencia dunha lingua e cultura propias. O idioma foi un aspecto clave do rexionalismo, promovendo e difundindo o uso do galego.

Dentro do movemento rexionalista diferenciábase unha liña ou sector máis liberal e outro máis conservador. Os principais líderes do rexionalismo foron:

    • Manuel Murguía - Líder da corrente liberal
    • Alfredo Brañas - Líder da corrente conservadora

c. O NACIONALISMO. A partir do século XX, coas Irmandades da Fala e co Partido Galeguista entramos nunha nova etapa do galeguismo: o nacionalismo.

2. A LINGUA GALEGA NO SÉCULO XIX

2.1. Axentes de castelanización

Durante o século XIX, vai avanzando o proceso de castelanización da sociedade galega (iniciado nos Séculos Escuros). Isto está motivado por novos factores sociais que se van convertendo en novos axentes castelanizadores: a escola, a administración, a prensa escrita, a burguesía, a emigración...

  • a. A escola: ao longo do século XIX esténdense as escolas de educación primaria e amplíase o número de persoas que acceden ao ensino. A escola establece a marxinación de calquera idioma que non sexan o castelán. A educación regrada convértese deste xeito nun dos principais focos de expansión do castelán en Galicia.
  • b. A administración: ao longo do século XIX refórzase o aparello administrativo do novo Estado. Créanse, por exemplo, as deputacións provinciais, os concellos… Todas as entidades administrativas marxinan totalmente a lingua galega. A lingua única da administración é o castelán.
  • c. A prensa: a amplísima maioría dos medios de comunicación escritos que xorden neste século están en castelán.
  • d. A burguesía: ao longo do século XIX instálanse en Galiza moitos burgueses (comerciantes, armadores, empresarios…) de orixe foránea (cataláns, maragatos, etc). A lingua empregada por esta clase social vai ser o castelán.
  • e. A emigración: por último, aínda que en menor medida, na castelanización influíu tamén a emigración de galegos a países de fala hispana.


2.2. Valoracións e ámbitos de uso do galego

A lingua galega vive no século XIX fenómenos contrapostos, uns de carácter negativo e outros certamente positivos:

A. Perda de falantes vs. Lingua maioritaria. Ao longo do século XIX, o galego vai perdendo falantes a un ritmo cada vez máis pronunciado, en favor do castelán. (véxase o punto 2.1. Axentes de castelanización). Con todo, continúa a ser a lingua maioritaria da poboación galega. En liñas xerais, as capas altas da sociedade e as clases medias das cidades falan en castelán, pero o resto da poboación falan en galego.

B. Lingua minorizada ou dominada vs. Lingua literaria e de cultura. Nesta etapa, o galego está moi lonxe de ser unha lingua normalizada, segue excluída de moitos ámbitos coma a Administración, a Educación, etc. Con todo, hai importantes avances: despois de tres séculos afastado da escrita, o galego recupera a categoría de lingua literaria e de cultura, da man de escritores da dimensión e calidade de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal…

C. Prexuízos lingüísticos vs. Defensa do idioma galego. Ao longo do século XIX, mantéñense ou incluso se incrementan as actitudes despectivas cara ao galego e os prexuízos sobre as súas capacidades (lingua inútil...) e características (lingua bruta...). O galego estaba asociado ao atraso, á incultura, etc…


3. OBXECTIVOS DO REXURDIMENTO

a. Mudar as consideracións negativas con respecto á lingua galega

Para tratar de frear os prexuízos lingüísticos e as actitudes negativas cara á lingua galega, os intelectuais do Rexurdimento botan man de múltiples argumentos:

  1. Argumentos de prestixio:
    • O galego é unha lingua de orixe latina (non un dialecto)
    • O galego presenta un pasado glorioso, dan a coñecer o esplendor medieval, a figura de Afonso X…
  2. Argumentos de utilidade:
    • O galego é a lingua maioritaria de Galiza.
    • O galego é lingua irmá do portugués.
  3. Argumentos de identidade:
    • O galego é o máximo sinal de identidade colectiva galega.
    • O galego é un herdo familiar, vínculo de unión cos nosos devanceiros…

b. Ampliar os ámbitos de uso da lingua galega

Ao longo desta etapa vanse dando algúns pasos para normalizar a lingua galega:

  • O galego recupera o seu espazo como lingua da literatura. Convócanse certames literarios (coma os Xogos Florais da Coruña) fúndanse as primeiras imprentas dedicadas a publicar en galego (coma a “Biblioteca Gallega” de Martínez Salazar) e, o máis importante, publícanse as primeiras obras literarias na nosa lingua.
  • Tamén se procura introducir o galego na prensa periódica. Edítanse algúns xornais e revistas redactados en galego coma O Tío Marcos da Portela, A Monteira… En xeral, estas publicacións estaban vinculadas ao Rexionalismo e facían unha defensa dos intereses de Galiza, denunciaban os problemas que afectaban ao pobo galego, daban a coñecer a obra dos escritores desta época…
  • Finalmente, os intelectuais do Rexurdimento tamén demandaron (aínda que sen éxito) que o galego se recoñecese como lingua oficial e se introducise na Educación e na Administración.

c. Estudar e depurar a lingua galega

Unha preocupación común dos escritores do Rexurdimento é o modelo de lingua que usar (que variedade do galego usar? A variedade dialectal propia? Outras variedades?...)

Así, ao longo desta etapa comézase a elaborar un modelo de galego culto (lingua estándar), que recolla trazos das diferentes variedades dialectais e que fique depurado de castelanismos. Así mesmo, durante o Rexurdimento van aparecendo as primeiras gramáticas (coma a de Saco e Arce) e dicionarios (coma o de Marcial Valladares) da lingua galega.


d. Reivindicar o pasado histórico de Galiza

Finalmente, outro obxectivo dos intelectuais do Rexurdimento foi reivindicar o pasado histórico de Galiza e a súa identidade como pobo diferenciado, cunha lingua e unha cultura propias, un territorio ben definido, unha conciencia colectiva… Nesta liña, cómpre destacar as primeiras historias de Galicia que Manuel Murguía e Benito Vicetto escribiron nesta etapa, nas que se defendía a orixe celta do pobo galego.

4. ETAPAS DO REXURDIMENTO

É común distinguir no Rexurdimento dúas etapas fundamentais: o Período Precursor e o Rexurdimento Pleno. A data que separa ambos os períodos é o 1863, ano no que Rosalía de Castro publicou Cantares gallegos.

a. Período precursor (ata 1863): engloba a obra de autores que participaron ou simpatizaron, en maior ou menor medida, co movemento provincialista e que usaron o galego antes de que fose publicado Cantares gallegos: Antonio Benito Fandiño, Nicomedes Pastor Díaz, Francisco Añón, Xoán Manuel Pintos…

b. Rexurdimento pleno (a partir de 1863): este período está marcado pola presenza dos tres grandes escritores do século XIX galego: Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Con eles ponse en pé un sistema literario galego autónomo e chegan a acadarse altas cotas de calidade literaria.

https://sites.google.com/view/cadernodegalego1bach/2%C2%BA-trimestre/4-o-rexurdimento?authuser=0

Ningún comentario:

Publicar un comentario