Buscar neste blog

xoves, 14 de outubro de 2021

Indica o tema

 Comezamos co primeiro exercicio. Indica o TEMA dos seguintes textos:


1. A pesar das reticencias que amosaba hai uns meses a través do seu presidente Alexander Ceferin, o Comité Executivo da UEFA acordou este xoves introducir o videoarbitraxe  (VAR) na Liga dos Campións 2019-20, a partir de agosto, cando se disputen as eliminatorias previas. Ademais, o VAR  tamén estará operativo na Súpercopa de Europa de 2019, na fase final da Eurocopa 2020, na Liga Europea 2020-21, e na fase final da Liga das Nacións 2021.

 

2.- A sarna é unha enfermidade que afecta a pel das persoas. Esta enfermidade vén causada por un parasito moi pequeno que se mete na pel, producindo unhas burbulliñas vermellas cubertas por unha costra cor café. A sarna produce un forte proído sobre todo pola noite, facendo que a persoa se rañe. Ao facelo, fánselle pequenas feridas que se converten en grans e infeccións. Para curar a sarna é necesario frotar todo o corpo dende o pescozo ata os  nocellos cunha loción chamada “Benzoato de Bencilo”. Este tratamento debe realizarse pola noite. Para aliviar o proído, hai que poñerse aceite, calamina ou algunha outra medicina recomendada polo médico.

 

3.- A fin da humanidade non será esa fantasmagoría ideada por San Juan de Patmos. Nin anxos nin trompetas, nin monstros nin batallas no ceo e na terra. A fin da humanidade será lenta, gradual, sen ruído, sen patetismo: unha agonía progresiva. Os homes extinguiranse un a un. Aniquilaranos as cousas, a rebelión das cousas, a resistencia, a desobediencia das cousas. As cousas, despois de desaloxar os animais e as plantas e instalarse en todos os sitios e ocupar todo o espazo dispoñible, comezarán a amosarse arrogantes, despóticas, volubles, caprichosas. O seu funcionamento non se axustará ás instrucións dos manuais. Modificarán, por si soas, os seus mecanismos. Logo funcionarán cando se lles antolle. Por último, insubordinaranse, declararanse en franca rebeldía, desmandaranse, farán caso omiso das ordes do home. O home quererá que unha máquina sume e a máquina restará. O home tentará poñer en marcha un motor e o motor negarase. Operacións simples e cotiás como prender a televisión ou conducir un automóbil converteranse en manobras complicadísimas, custosas, cheas de sorpresas e de riscos. E non só as máquinas e os motores se amotinarán: tamén os simples obxectos. O home non poderá soster ningún obxecto entre as mans porque escaparase, caerá ao chan, agocharase nun recuncho onde nunca o atopen. As pechaduras trabaranse. Os caixóns aferraranse aos montantes e ninguén logrará abrilos. O exterminio da raza dos homes virá a consecuencia do triunfo das cousas. Cando o último home desapareza, as cousas frías, relucentes, duras,  metálicas, xordas, mudas, insensibles, seguirán brillando á luz do sol, á luz da lúa, por toda a eternidade.

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario