Buscar neste blog

martes, 9 de novembro de 2021

Comentario dunha cantiga de amigo

Como exemplo de comentario, déixovos unha análise desta cantiga:

Sedia-m'eu na ermida de San Simion,
e cercaron-mi as ondas, que grandes son.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!
Estando na ermida ant'o altar,
cercaron-mi as ondas grandes do mar.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!
E cercaron-mi as ondas, que grandes son;
non ei i barqueiro nen remador.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!
E cercaron-mi as ondas do alto mar;
non ei i barqueiro, nen sei remar.
...Eu atendend'o meu amigo!

...Eu atendend'o meu amigo!
Non ei i barqueiro nen remador:
morrerei, fremosa, no mar maior.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!
Non ei i barqueiro, nen sei remar:
morrerei, fremosa, no alto mar.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!

Meendinho
(S. XIII)





Estamos ante unha cantiga de amigo porque está posta en boca dunha muller e porque aparece a palabra “amigo” (por primeira vez no refrán). Ademais, e aínda que non sempre se cumpra, aparece o típico paralelismo –que analizaremos despois-, e o refrán, o que a convirte nunha cantiga de refrán, típica tamén das cantigas de amigo.

            A moza conta como acudiu á illa de San Simón para encontrarse co amigo ante a súa ermida (lugar frecuente para a cita dos namorados); agardando feliz por el, non se percata de que a marea sobe, sumida como está nos seus propios pensamentos-sentimentos, e cando volve á realidade comproba que non pode saír de alí porque non hai ninguén que a axude, e ela por si soa non é quen de valerse. Nas dúas últimas cobras afirma, pois, que morrerá “fremosa”  no medio do mar; caben varias perspectivas para a interpretación desta aseveración:
- A moza peca de narcisista, pois considérase a si mesma dotada de grande beleza.
- A moza sábese demasiado nova para morrer.
- A última opción, e para nós a máis acertada, é que do que de verdade se lamenta a moza é de morrer virxe, de acudir a unha cita ilusionada,  nun lugar no que non hai ninguén, e que o mozo non chegue para amala.

Por suposto, a afirmación da súa propia morte é hiperbólica (figura retórica típica das cantigas medievais), pois todos sabemos que a morte é ficticia: a illa non vai desaparecer porque suba a marea. Así pois, esta hipérbole redúndanos na tese de que a cantiga o que quere expresar realmente é a soidade, o desamparo da moza abandoada pola persoa que ela máis ama: o amigo. E este desacougo reflíctese de maneira única no refrán, un refrán duplicado desesperadamente, unha tráxica chamda de impotencia, unha aflixida agonía que remata constante e vitalmente nunha pregunta retórica que supoñemons nin ela mesma quere contestar: “¿E verrá?”.  Nin o mar, nin as ondas, nin os ouvintes da cantiga, poderán respostar a esta chamada anguriada dunha moza namorada, unha dúbida corrosiva sobre os verdadeiros sentimentos do amado.

EN CANTO Á FORMA vemos que é unha cantiga de refrán (os dous últimos versos de cada cobra, neste caso, idénticos), que presenta paralelismo cada dúas cobras (o primeiro verso da primeira cobra co primeiro verso da segunda, o segundo verso da primeira cobra co segundo verso da segunda, e así sucesivamente), e leixaprén, convertendo o segundo verso de cada par de cobras en primeiro verso do par seguinte. O paralelismo presente fai cambiar o hemistiquio final por un sinónimo, ou utiliza a alteración na orde das palabras. Así pois, dunha cantiga de 24 versos, só 5 nos aportan realmente información.

O esquema rimático é o seguinte:

            A               B                 A                B                  A                B
            A               B                 A                B                  A                B
           
Como é habitual, o refrán non rima co resto da cantiga.

            A rima é macho ou aguda ao longo da cantiga, en cobras alternas.

            Os versos son de arte maior, aínda que nesta cantiga non se dá o isosilabismo, salvado pola musicalidade e a cadencia rítmica.

            Pola súa forma interna, diremos que estamos ante unha cantiga monologada, aínda que hai unha pequena presencia de elementos narrativos, como a alternancia verbal, que vai dende o pasado ata o futuro, establecendo así unha progresión na acción.


            EN CANTO AO SUBXÉNERO da cantiga, poderiámola incluír dentro das Barcarolas, xa que se desenvolve nunha paisaxe mariñeira (¡e tanto!), aínda que tamén aceptemos a clasificación de cantiga de Romaría, xa que o lugar elixido para o encontro dos namorados é unha ermida.

            NON aparecen personaxes, só a moza protagonista, suxeito lírico da cantiga, caracterizada fisicamente tan só polo adxectivo “fremosa” xa analizado anteriormente, e que manifesta o sentimento de coita tan propio das nosas cantigas.
 


A cantiga de amigo

martes, 2 de novembro de 2021

A lírica medieval

 
 
A lírica galego-portuguesa desenvolveuse na Idade Media, nomeadamente entre os séculos XII e XIV, en galego-portugués, a lingua da que derivarían posteriormente o portugués e o galego modernos. Aínda que a maior parte dos poetas dos que temos referencia proviñan de Galicia e do norte de Portugal, foi cultivada tamén por multitude de poetas doutros lugares da Península Ibérica (como Afonso X o Sabio, autor das Cantigas de Santa María, tamén en galego-portugués), chegando a ser unha lingua fundamental na lírica culta de Castela nos séculos XIII e XIV.

Orixes

Dous dos xéneros principais, as cantigas de amor e as cantigas de escarnio, teñen a súa orixe na literatura dos trobadores provenzais. Mentres que noutros lugares, como en Cataluña ou na Lombardía, os trobadores locais utilizaron o occitano como lingua de expresión poética, no noroeste da Península os poetas inclináronse por empregar a súa lingua vernácula, o galego-portugués. Con todo, adaptaron a temática, a métrica e as convencións propias da poesía trobadoresca, con lixeiras variacións.

O influxo provenzal chegou fundamentalmente por tres vías:

  • Por Barcelona, lugar de tránsito obrigado de todas as achegas culturais occitanas.

  • Polas ligazóns matrimoniais entre as monarquías peninsulares e as princesas occitanas.

  • Polo Camiño de Santiago: Guillerme de Poitiers e o seu fillo, Guillerme X de Aquitania, peregrinaron a Santiago de Compostela na primeira metade do século XII. O bispo compostelán Xelmírez, impulsor do Camiño, mandou varios cregos a se formaren en Francia e Italia.

Os cancioneiros

Existen tres cancioneiros principais que recollen as composicións da lírica galego-portuguesa. O máis antigo é o cancioneiro de Ajuda (c.1280). Os outros dous son copias moito máis tardías: o cancioneiro Colocci-Brancuti (tamén coñecido como cancioneiro da Biblioteca Nacional) e o cancioneiro da Biblioteca Vaticana.

O monumento máis importante da lírica relixiosa en galego-portugués son as Cantigas de Santa María, de Afonso X o Sabio. Esta obra, composta de 427 cantigas, chegou ata nós en catro códices diferentes: dous consérvanse na biblioteca de El Escorial, outro na Biblioteca Nacional de Madrid, e o último na Biblioteca Nacional de Florencia. Os tres primeiros conservan tamén a música das cantigas, que foron interpretadas e gravadas en numerosas ocasións.

As cantigas

Os poemas líricos galego-portugueses reciben o nome xenérico de cantigas, aínda que existen varios subxéneros ben diferenciados:

 

  • Cantigas de amor: o trobador diríxese á súa dama, á que lle reprocha o seu rexeitamento e o seu desdén, en termos tomados do mundo feudal.

  • Cantigas de amigo: é un xénero exclusivo da lírica galego-portuguesa, sen precedente na literatura provenzal. Fala sempre dunha muller, en situacións que se repiten con frecuencia (romarías, etc) e o tema é sempre o amor. Ten unha grande importancia a natureza. A súa estrutura métrica baséase no paralelismo, é dicir, na semellanza e repeticións que hai entre diversas partes do poema.

  • Cantigas de escarnio e de maldicir: refírense de forma burlesca os acontecementos máis ou menos escandalosos da época, polo que constitúen unha interesante crónica social.

Aspectos formais

A forma das cantigas galego-portuguesas é resultado dunha síntese entre a tradición provenzal e a autóctona. O recurso xenérico característico da lírica galego-portuguesa é o paralelismo, que se manifesta de moi diferentes maneiras. Por exemplo, o leixaprén é un recurso estilístico característico das cantigas de amigo galego-portuguesas (aínda que apareza tamén, esporadicamente, nas cantigas de amor). Consiste na repetición dos segundos versos dun par de estrofas como primeiros versos do par seguinte.

Tipos de artistas involucrados

De xeito diferente á cultura trobadoresca provenzal (principalmente aristocrática), a lírica galego-portuguesa asimilou moitos elementos de carácter popular, polo que entre os seus artistas se poden atopar desde criados a reis.

De acordo coa terminoloxía da época, pódense distinguir os seguintes tipos de poetas e artistas:

  • Trobador: compuña textos e música; era de clase nobre.

  • Xograr: de clase baixa; polo xeral era só intérprete de cantigas creadas polos trobadores.

  • Segrel: un trobador profesional que aceptaba diñeiro pola interpretación das súas composicións. Case sempre eran infanzóns pobres ou xente da nobreza baixa.

  • Menestrel: instrumentista que executaba, xunto a outros, o acompañamento musical das cantigas.

  • Soldadeira: bailarinas que tamén tocaban algún instrumento (o seu nome vén de que levaban unha vida lixeira acompañando os soldados; foi famosa, por exemplo, María a Balteira).

Consérvanse composicións duns 170 autores, aínda que de moitos deles só se coñece o nome. Entre eles, están:

  • Airas Nunes (século XIII).

  • Bernal de Bonaval (século XIII).

  • Mendinho (séculos XIII-XIV).

  • Martín Codax (séculos XIII-XIV).

  • Don Denís.

 
Un feixe de respostas simples a preguntas simples sobre a lírica galego-portuguesa elaborado polo Departamento de Lingua Galega do IES As Lagoas.  

sábado, 16 de outubro de 2021

Variedades lingüísticas

 No mundo existen na actualidade máis de 6000 linguas que son faladas por comunidades que viven en 195 países recoñecidos internacionalmente. En consecuencia, contra unha visión que propugna o monolingüismo como normalidade lingüística, resulta obrigado concluír que o contacto de linguas e variedades non é unha anormalidade, senón que é un feito inevitable e unha constante na historia das comunidades humanas. Neste sentido, a situación do galego e a das outras linguas peninsulares non resulta singular nin extraordinaria. Sen irmos máis lonxe, no ámbito ibérico dáse contacto entre as variedades orixinarias (galego, castelán, asturiano, portugués, vasco, aranés, catalán, aragonés etc.) e entre estas e outras faladas por inmigrantes, os seus descendentes e residentes estranxeiros (romanés, árabe, alemán, wu, quechua etc.).

 Debes ser consciente de que:

  • hai diversas formas de falar unha mesma lingua;
  • cómpre adaptarmos a forma de falar aos interlocutores e ao lugar onde falamos.

 

Para iso debes previamente:

  • coñecer que todas as linguas teñen variedades dentro da súa unidade.
  • coñecer cales son esas variedades
  • coñecer cales son os rexistros dunha lingua, a que se deben e cales son as súas características.

 

Todas as linguas teñen distintas formas de falarse. Cada persoa utiliza palabras, expresións e formas de pronunciar diversas.

Ás distintas maneiras de falar unha mesma lingua chamámoslles variedades ou variantes lingüísticas e débense a diversos factores ou causas:

  • a época histórica: por exemplo, na actualidade non se fala o galego igual que na Idade Media ou hai 200 anos.
  • o lugar: non se fala o mesmo, poñamos por caso, en Ourense (onde se di por exemplo irmao ou luz) ca en Vigo (onde esas mesmas palabras se pronuncian irmán e lus)
  • os estudos e a profesión da persoa que fala
  • a utilización concreta que se fai da lingua, é dicir, con quen falamos e para que o facemos: non falamos exactamente o mesmo cando nos diriximos aos colegas no patio de recreo ca cando o facemos na clase diante dunha profesora ou cando lle pedimos algo aos pais.

Esas distintas maneiras de falar non son incorrectas; ao contrario, non sería normal que todos falásemos igual en todas as circunstancias.

En resumo, as variedades dunha lingua son as seguintes:

 diacrónicas ou históricas as que dependen do período da historia
 diatópicas ou dialectos
as que teñen que ver co lugar xeográfico onde se fala a lingua
 diastráticas ou niveis
as que se deben á formación e profesión da persoa que fala
 diafásicas ou rexistros
as que se orixinan pola utilización concreta que facemos da lingua.

 

 

xoves, 14 de outubro de 2021

Textos para facer resumos

 Realiza RESUMO dos seguintes textos:

 

«MENDIGOS»

Algúns concellos españois aplican unha medida para acabar coa mendicidade, que consiste en impoñer unha multa de varios centos de euros a quen a practica. A sanción pode chegar aos 500€

Eu creo que é unha decisión moi axeitada, porque os mendigos non respectan o suficiente os demais cidadáns. Abáfannos.

Na praza onde vivo aniñan uns cantos tipos desta clase. E os madrileños sinxelos vémonos molestados por eles con demasiada frecuencia. Van porcos e ás veces menten, porque din que é para comer e gastan os cartos en “tetrabriks” de viño malo, cuxos envases non sempre colocan nas papeleiras cando están baleiras.

Pero esa xusta e caritativa medida establece algúns inconvenientes. Ao parecer, os mendicantes non teñen un domicilio fixo ao que facer chegar a notificación da multa. Non hai un xeito seguro de obrigalos a facer fronte ao castigo. E eles, con astucia, non adoitan levar en efectivo os cartos suficientes para afrontar a súa responsabilidade. Acumulan multas sen pagar como moitos condutores pillados a 200 por hora nunha autoestrada.

Por iso, seguramente, algúns consistorios (necesitaba escribir esa palabra algunha vez!) están dando marcha atrás. O concello de Barcelona entre outros. Se os alcaldes que intentaron erradicar así a mendicidade leran algo de historia saberían que o propio marqués de Tamarón, que foi gobernador franquista de Madrid en 1941, tivo que deixar de multar os coxos e maltratados superviventes do Exército republicano, que pedían de comer pola rúa, por esa razón, porque non pagaban.

Pero hai que pensar nalgunha alternativa. É intolerable que haxa tanta xente exhibindo a miseria con semellante deshonestidade.

Cochos, borrachos e malos pagadores.

 

«A ortografía é o termómetro”

 

Quen ten un problema de ortografía non sofre soamente ese problema. Os erros coa puntuación ou as letras van sempre asociados a unha deficiente expresión sintáctica e a un vocabulario pobre. A ortografía é o mercurio que serve para sinalar a febre. Poderanse abolir os h e os acentos gráficos, como propuxo García Márquez, pero non por romper o termómetro baixará a temperatura.

As persoas acostumadas a ler bos libros e bos xornais non adoitan cometer faltas cando escriben, porque a súa memoria inconsciente foi almacenando as palabras exactas e deducindo as relacións gramaticais que manteñen entre si. E cando as necesiten para expresar unha idea, abrocharán case sen esforzo.

Fronte a iso, as faltas involuntarias afloran en quen non quixo ou non puido recibir un ensino de calidade e non enriqueceu logo o seu pensamento coas coidadas lecturas que conducen sempre a coidadas reflexións.

Hoxe en día saímos á praza pública máis coa palabra escrita que coa expresión oral. Redactamos mensaxes de WhatsApp, de correo, escribimos en Twitter… E paseamos por esa rúa de multitudes vestidos soamente coa nosa ortografía  e a nosa sintaxe. Así amosámonos aos demais, que se formarán unha opinión ao respecto do mesmo xeito que se establece unha impresión xeral ante quen leva sempre manchas no traxe.

En definitiva, a ortografía é sobre todo un indicio. Suponse que quen escriben con corrección leu e incorporou ao seu pensamento unha estrutura gramatical que lle permite ordenar as ideas e analizar con máis competencia tanto o que oe como o que pensa. A boa ortografía axuda asemade a relacionar uns vocábulos con outros (e tamén a distinguir uns conceptos de outros).

Pola contra, cabe supor que quen comete faltas de ortografía non dispón desas ferramentas; que tal vez goce así de menos capacidade para a argumentación e a sedución, e que probablemente sexa, por todo iso, unha persoa máis manipulable.

 

Álex Grijelmo, El País

 

 

Don Mariano camiña polo lado dereito do corredor do segundo andar de San Caetano na procura da seguinte reunión. Chega tarde e sábeo, por iso apura. Precédeno  dous grosos asesores con cadanseu maletín na mao esquerda. Por detrás, dúas esveltas mulleres de andar contido e cartafol ao peito. De  súpeto, don Mariano detense e todos se deteñen. Colle o móbil que vibra no peto do pantalón, mira a pantalla e aperta os labios ante a amoladura.

 ––Dime –di.

Don Mariano, trinta segundos despois de descolgar e os mesmos a escoitar a pertinaz voz que sae polo seu móbil, atravesa o corredor e achégase a unha ventá. Vólvese para comprobar que ninguén axexa o que considera unha conversa privada. A seguir exclama, coa mao coa que sostén o aparello tapándolle a boca:

––Mira, Vanesa, eu non che teño a culpa de que alucines coa túa nai e co que pasa! E se non lle queres falar, alá ti. Ela seguramente fixo o que tiña que facer, e eu estou ocupadísimo traballando. Pero ocupadísimo, entendes? Así que… Mira, vouche solucionar o teu problema de vez. Agora mesmo sobes ao teu cuarto e remexes no camión de roupa que tes polos catro armarios. Colles o que che praza e pólo,  que aí está todo rebaixado, pero moito máis rebaixado que en Londres, París ou eses lugares raros aos que sempre pretendes ir de compras. Incluso, se queres, podes poñer catro pares de botas, sete cazadoras e oito gorros nas orellas, todo xunto, a ver se así colles unha enchente e… Ou se non, mellor aínda, filla, sen dar o lerio como estás dando, volves para o instituto, que é onde debía estar metidiña toda a mañá unha mocosa de dezasete anos coma ti. E por favor, a ver se deixas de "flipar" tanto!

Don Mariano non agarda pola resposta. Amolado, pecha o móbil e méteo no peto. Entón emprende de  novo a marcha, e todo o seu séquito, como se tivese ensaiada unha coreografía, fai o mesmo.

 

 

Xavier Quiroga, Zapatillas rotas, 2014