Buscar neste blog

xoves, 14 de outubro de 2021

Indica o tema

 Comezamos co primeiro exercicio. Indica o TEMA dos seguintes textos:


1. A pesar das reticencias que amosaba hai uns meses a través do seu presidente Alexander Ceferin, o Comité Executivo da UEFA acordou este xoves introducir o videoarbitraxe  (VAR) na Liga dos Campións 2019-20, a partir de agosto, cando se disputen as eliminatorias previas. Ademais, o VAR  tamén estará operativo na Súpercopa de Europa de 2019, na fase final da Eurocopa 2020, na Liga Europea 2020-21, e na fase final da Liga das Nacións 2021.

 

2.- A sarna é unha enfermidade que afecta a pel das persoas. Esta enfermidade vén causada por un parasito moi pequeno que se mete na pel, producindo unhas burbulliñas vermellas cubertas por unha costra cor café. A sarna produce un forte proído sobre todo pola noite, facendo que a persoa se rañe. Ao facelo, fánselle pequenas feridas que se converten en grans e infeccións. Para curar a sarna é necesario frotar todo o corpo dende o pescozo ata os  nocellos cunha loción chamada “Benzoato de Bencilo”. Este tratamento debe realizarse pola noite. Para aliviar o proído, hai que poñerse aceite, calamina ou algunha outra medicina recomendada polo médico.

 

3.- A fin da humanidade non será esa fantasmagoría ideada por San Juan de Patmos. Nin anxos nin trompetas, nin monstros nin batallas no ceo e na terra. A fin da humanidade será lenta, gradual, sen ruído, sen patetismo: unha agonía progresiva. Os homes extinguiranse un a un. Aniquilaranos as cousas, a rebelión das cousas, a resistencia, a desobediencia das cousas. As cousas, despois de desaloxar os animais e as plantas e instalarse en todos os sitios e ocupar todo o espazo dispoñible, comezarán a amosarse arrogantes, despóticas, volubles, caprichosas. O seu funcionamento non se axustará ás instrucións dos manuais. Modificarán, por si soas, os seus mecanismos. Logo funcionarán cando se lles antolle. Por último, insubordinaranse, declararanse en franca rebeldía, desmandaranse, farán caso omiso das ordes do home. O home quererá que unha máquina sume e a máquina restará. O home tentará poñer en marcha un motor e o motor negarase. Operacións simples e cotiás como prender a televisión ou conducir un automóbil converteranse en manobras complicadísimas, custosas, cheas de sorpresas e de riscos. E non só as máquinas e os motores se amotinarán: tamén os simples obxectos. O home non poderá soster ningún obxecto entre as mans porque escaparase, caerá ao chan, agocharase nun recuncho onde nunca o atopen. As pechaduras trabaranse. Os caixóns aferraranse aos montantes e ninguén logrará abrilos. O exterminio da raza dos homes virá a consecuencia do triunfo das cousas. Cando o último home desapareza, as cousas frías, relucentes, duras,  metálicas, xordas, mudas, insensibles, seguirán brillando á luz do sol, á luz da lúa, por toda a eternidade.

 

 

Pasos para realizar un Comentario Crítico

 Imos ir pouco a pouco comezando a realizar os nosos primeiros comentarios críticos. Como non é doado, daremos pequenos pasos. 

Os primeiros serán realizar TEMAS e RESUMOS.

 

TEMA : idea central da que parte un texto (asunto) + intención do autor (criticar, loar, ironizar...)

CARACTERÍSTICAS DUN BO TEMA:

a)     Brevidade: non máis de 10 palabras = unha fila (tampouco 1ou 2 palabras ).

b)    Densidade: canta máis información sobre o texto conteña, mellor.

c)     Responde á pregunta: De que trata o texto? (Axústate ao que di o texto).

d)    Indica a intención do autor: crítica, gabanza (só se é clara).

e)     Redacción: SUBSTANTIVO (se é posible abstracto) + COMPLEMENTOS (adxectivos ou sintagmas preposicionais).

f)      Sen verbos.

(Podes lembrar a teoría das tres “C”: claridade, concisión e concreción)

Exemplos:  

- Crítica ao consumismo na sociedade actual.

- Loanza do modelo de ensino finlandés.

- O valor social dos cartos.

- Os dereitos dos indíxenas brasileiros.

 

Se pensamos, por exemplo, que o tema dun texto é “o home que berra” cambiámolo para poñer : “o berro do home”, tirando así o verbo. Ou “o tenista francés venceu comodamente ao seu contrincante español” para tirar o verbo diremos que o tema é : “A cómoda vitoria do tenista francés sobre o español”

NON CONFUNDILO CO TÍTULO  !

Tema: breve, denso e axústase ao que di o texto (non te pases de orixinal)

Título: máis breve, non ten por que axustarse ao contido e pode ir cargado de intencionalidade estética, usar xogos de palabras, ser enxeñoso, atrevido...

Por exemplo, un texto que teña por tema a crítica ao consumismo na sociedade actual, podería ter o seguinte título orixinal baseado nun xogo de palabras: “Con sumo coidado”

 

O RESUMO.

Resumir é producir un texto breve a partir dun máis extenso seleccionando as ideas principais.

Pasos para facer un resumo:

1º. Lectura comprensiva (Faite unha Idea Xeral do texto e busca nun dicionario as palabras ou expresións que non coñezas)

2º. Nunha segunda lectura subliña o que che parece fundamental do texto e tenta descubrir, parágrafo a parágrafo ou estrofa  a estrofa,  as ideas importantes e secundarias do texto  (Se fas un esquema das ideas axudarache a facer o resumo).

3º. Redacta o novo texto coas túas palabras (non copies do orixinal) cohesionando nun único parágrafo as ideas importantes que seleccionaches antes.

4º.  Faino sempre en 3ª persoa.

5º.  Como regra xeral non uses  fórmulas introdutorias do tipo “ O autor di...” aínda que para resumir sobre todo textos poéticos ás veces é  necesario empezar con “ O eu poético...”

 

CLAVES DUN BO RESUMO:

a)      Brevidade: non máis do 25% do texto orixinal.

b)      Concisión: pon só o esencial, vai ao grao e nada de anécdotas, exemplos, enumeracións, incisos...

c)      Obxectividade: non deas a túa opinión nin fagas valoracións persoais (déixaas para o comentario). Tampouco aportes ningunha idea que non estea no texto orixinal.

d)      Claridade: o novo texto ten que ser coherente e estar ben cohesionado. Debe ser comprensible.

e)      Está redactado coas túas palabras, non copies do orixinal.

f)        Respecta a orde das ideas: aínda que non hai por que facelo, é recomendable manter a organización, é dicir, a mesma orde ca no orixinal na exposición das ideas.

g)   Está en 3ª persoa e nun único parágrafo.

 

martes, 12 de outubro de 2021

A Revolución Galega de 1846

Imos facer unha viaxe no tempo para coñecer a Revolución Galega de 1846, cando en Galiza esperta a conciencia de ser unha colonia da Corte e o exército español aplaca a rebelión popular cos fusilamentos dos Mártires de Carral.

O Rexurdimento



 Logo do silencio dos Séculos Escuros, o XIX é o século do Rexurdimento, un movemento de recuperación da lingua, da literatura e da cultura galegas.

Este movemento está estreitamente vinculado coa aparición e desenvolvemento da ideoloxía galeguista, que reivindica o recoñecemento de Galiza como pobo diferenciado e defende e trata de dignificar os trazos caracterizadores da identidade galega (lingua, cultura, etc).


1. CONTEXTO HISTÓRICO. GALIZA NO SÉCULO XIX

1.1. Situación socioeconómica e demográfica

Galiza era no século XIX unha sociedade principalmente rural. Os principais sectores económicos eran a agricultura e a pesca, mentres que a industria presentaba un papel moi pouco relevante, destacando as conserveiras (maioritariamente catalás). As vías de comunicación estaban desfasadas e o ferrocarril tardaría en chegar.

Sen terras de seu (seguía vixente o sistema foral) e afogados polos foros e outros impostos, os labregos galegos vense na obriga de procurar unha saída para subsistiren: a emigración. Ao longo do século XIX produciuse un desprazamento de 900.000 persoas cara a países como Arxentina, Uruguai, Cuba ou Brasil. Aínda que houbo algúns que fixeron fortuna nas Américas, a maioría volvían avellentados e tan pobres como marcharan. A emigración provocou o aumento da taxa de mulleres solteiras, o avellentamento da poboación e a escaseza de forza de traballo en Galiza.

1.2. Situación política

  • 1808: Invasión das tropas napoleónicas
  • 1812: Constitución de Cádiz
  • 1814: Fernando VII regresa ao trono. Restablece a monarquía absoluta.
  • 1833: Morre Fernando VII. Loita pola sucesión do trono → Inicio das Guerras Carlistas. // Reinado de Isabel II → Caída do Antigo Réxime - Construción do Estado Liberal
  • 1868 - 74: Sexenio Revolucionario
  • 1873: I República española
  • 1875: Restauración borbónica. Turnismo

1.3. O galeguismo: provincialismo e rexionalismo

A medida que se vai agravando a situación de marxinalidade de Galiza no Estado, aumenta tamén en certos sectores da sociedade a preocupación polo presente e polo futuro do pobo galego. Xorde así o movemento galeguista que, na súa evolución, pasa por diferentes fases: a) o provincialismo, b) o rexionalismo e c) o nacionalismo

a. O PROVINCIALISMO. Ata 1833 mantívose o Reino de Galiza como unidade territorial dentro da Coroa Española. Nese ano (que foi, lembremos, o ano no que morreu Fernando VII → Caída do Antigo Réximo / Construción do novo Estado Liberal) establécese unha nova división territorial do Estado que fai que Galiza deixe de existir como unidade política ao ser dividida en catro provincias. Isto provoca o nacemento do provincialismo, que reivindica primordialmente a unidade desas catro provincias nunha soa entidade. O principal líder do provincialismo foi Antolín Faraldo.

Para defenderen a unidade e o carácter diferencial de Galiza, os provincialistas apóianse en trazos coma o idioma, a historia e a cultura comúns.

b. O REXIONALISMO. Na década de 1880 aparece un movemento de carácter rexionalista, que considera Galiza unha rexión diferenciada dentro do Estado español e defende o dereito a certa autonomía política e administrativa. Os rexionalistas sustentan o diferencialismo do pobo galego na historia (principalmente, no pasado celta) e na pervivencia dunha lingua e cultura propias. O idioma foi un aspecto clave do rexionalismo, promovendo e difundindo o uso do galego.

Dentro do movemento rexionalista diferenciábase unha liña ou sector máis liberal e outro máis conservador. Os principais líderes do rexionalismo foron:

    • Manuel Murguía - Líder da corrente liberal
    • Alfredo Brañas - Líder da corrente conservadora

c. O NACIONALISMO. A partir do século XX, coas Irmandades da Fala e co Partido Galeguista entramos nunha nova etapa do galeguismo: o nacionalismo.

2. A LINGUA GALEGA NO SÉCULO XIX

2.1. Axentes de castelanización

Durante o século XIX, vai avanzando o proceso de castelanización da sociedade galega (iniciado nos Séculos Escuros). Isto está motivado por novos factores sociais que se van convertendo en novos axentes castelanizadores: a escola, a administración, a prensa escrita, a burguesía, a emigración...

  • a. A escola: ao longo do século XIX esténdense as escolas de educación primaria e amplíase o número de persoas que acceden ao ensino. A escola establece a marxinación de calquera idioma que non sexan o castelán. A educación regrada convértese deste xeito nun dos principais focos de expansión do castelán en Galicia.
  • b. A administración: ao longo do século XIX refórzase o aparello administrativo do novo Estado. Créanse, por exemplo, as deputacións provinciais, os concellos… Todas as entidades administrativas marxinan totalmente a lingua galega. A lingua única da administración é o castelán.
  • c. A prensa: a amplísima maioría dos medios de comunicación escritos que xorden neste século están en castelán.
  • d. A burguesía: ao longo do século XIX instálanse en Galiza moitos burgueses (comerciantes, armadores, empresarios…) de orixe foránea (cataláns, maragatos, etc). A lingua empregada por esta clase social vai ser o castelán.
  • e. A emigración: por último, aínda que en menor medida, na castelanización influíu tamén a emigración de galegos a países de fala hispana.


2.2. Valoracións e ámbitos de uso do galego

A lingua galega vive no século XIX fenómenos contrapostos, uns de carácter negativo e outros certamente positivos:

A. Perda de falantes vs. Lingua maioritaria. Ao longo do século XIX, o galego vai perdendo falantes a un ritmo cada vez máis pronunciado, en favor do castelán. (véxase o punto 2.1. Axentes de castelanización). Con todo, continúa a ser a lingua maioritaria da poboación galega. En liñas xerais, as capas altas da sociedade e as clases medias das cidades falan en castelán, pero o resto da poboación falan en galego.

B. Lingua minorizada ou dominada vs. Lingua literaria e de cultura. Nesta etapa, o galego está moi lonxe de ser unha lingua normalizada, segue excluída de moitos ámbitos coma a Administración, a Educación, etc. Con todo, hai importantes avances: despois de tres séculos afastado da escrita, o galego recupera a categoría de lingua literaria e de cultura, da man de escritores da dimensión e calidade de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal…

C. Prexuízos lingüísticos vs. Defensa do idioma galego. Ao longo do século XIX, mantéñense ou incluso se incrementan as actitudes despectivas cara ao galego e os prexuízos sobre as súas capacidades (lingua inútil...) e características (lingua bruta...). O galego estaba asociado ao atraso, á incultura, etc…


3. OBXECTIVOS DO REXURDIMENTO

a. Mudar as consideracións negativas con respecto á lingua galega

Para tratar de frear os prexuízos lingüísticos e as actitudes negativas cara á lingua galega, os intelectuais do Rexurdimento botan man de múltiples argumentos:

  1. Argumentos de prestixio:
    • O galego é unha lingua de orixe latina (non un dialecto)
    • O galego presenta un pasado glorioso, dan a coñecer o esplendor medieval, a figura de Afonso X…
  2. Argumentos de utilidade:
    • O galego é a lingua maioritaria de Galiza.
    • O galego é lingua irmá do portugués.
  3. Argumentos de identidade:
    • O galego é o máximo sinal de identidade colectiva galega.
    • O galego é un herdo familiar, vínculo de unión cos nosos devanceiros…

b. Ampliar os ámbitos de uso da lingua galega

Ao longo desta etapa vanse dando algúns pasos para normalizar a lingua galega:

  • O galego recupera o seu espazo como lingua da literatura. Convócanse certames literarios (coma os Xogos Florais da Coruña) fúndanse as primeiras imprentas dedicadas a publicar en galego (coma a “Biblioteca Gallega” de Martínez Salazar) e, o máis importante, publícanse as primeiras obras literarias na nosa lingua.
  • Tamén se procura introducir o galego na prensa periódica. Edítanse algúns xornais e revistas redactados en galego coma O Tío Marcos da Portela, A Monteira… En xeral, estas publicacións estaban vinculadas ao Rexionalismo e facían unha defensa dos intereses de Galiza, denunciaban os problemas que afectaban ao pobo galego, daban a coñecer a obra dos escritores desta época…
  • Finalmente, os intelectuais do Rexurdimento tamén demandaron (aínda que sen éxito) que o galego se recoñecese como lingua oficial e se introducise na Educación e na Administración.

c. Estudar e depurar a lingua galega

Unha preocupación común dos escritores do Rexurdimento é o modelo de lingua que usar (que variedade do galego usar? A variedade dialectal propia? Outras variedades?...)

Así, ao longo desta etapa comézase a elaborar un modelo de galego culto (lingua estándar), que recolla trazos das diferentes variedades dialectais e que fique depurado de castelanismos. Así mesmo, durante o Rexurdimento van aparecendo as primeiras gramáticas (coma a de Saco e Arce) e dicionarios (coma o de Marcial Valladares) da lingua galega.


d. Reivindicar o pasado histórico de Galiza

Finalmente, outro obxectivo dos intelectuais do Rexurdimento foi reivindicar o pasado histórico de Galiza e a súa identidade como pobo diferenciado, cunha lingua e unha cultura propias, un territorio ben definido, unha conciencia colectiva… Nesta liña, cómpre destacar as primeiras historias de Galicia que Manuel Murguía e Benito Vicetto escribiron nesta etapa, nas que se defendía a orixe celta do pobo galego.

4. ETAPAS DO REXURDIMENTO

É común distinguir no Rexurdimento dúas etapas fundamentais: o Período Precursor e o Rexurdimento Pleno. A data que separa ambos os períodos é o 1863, ano no que Rosalía de Castro publicou Cantares gallegos.

a. Período precursor (ata 1863): engloba a obra de autores que participaron ou simpatizaron, en maior ou menor medida, co movemento provincialista e que usaron o galego antes de que fose publicado Cantares gallegos: Antonio Benito Fandiño, Nicomedes Pastor Díaz, Francisco Añón, Xoán Manuel Pintos…

b. Rexurdimento pleno (a partir de 1863): este período está marcado pola presenza dos tres grandes escritores do século XIX galego: Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Con eles ponse en pé un sistema literario galego autónomo e chegan a acadarse altas cotas de calidade literaria.

https://sites.google.com/view/cadernodegalego1bach/2%C2%BA-trimestre/4-o-rexurdimento?authuser=0

luns, 4 de outubro de 2021

Historia da lingua en stopmotion

Características do galego medio

 

FONOLOXÍA
Vocalismo

  • Perda da nasalidade vocálica: man/mao...
  • Mantemento das vogais átonas, fronte á relaxación do portugués.
  • Xeneralización dos ditongos -oi-, -ou-, -ei-: moito, ouro, eira...

Consonantismo

  • Enxordecemento e redución do sistema de sibilantes, dando lugar á situación actual:
    • grafía s-, -s- /s/: saber, casa...
    • grafías c, z /T/: cento [TEnto], caza [kaTa]...
    • grafía x /S/: leixar, xadrez...
  • Conservación do fonema /tS/ para a grafía ch: choco, cheiro...

MORFOSINTAXE

  • Distinción te/che, para complemento directo e indirecto: vinte, díxenche...
  • Alternancia llo/llelo: dillo (a ela), díllelo (a elas)...
  • Xeneralización da desinencia -che(s) para a segunda persoa do singular dos pretéritos perfectos de indicativo: cantaches, comiches...
  • Xeneralización da desinencia -o para a 3ª persoa do singular dos pretéritos perfectos de indicativo irregulares: dixo, quixo, fixo...
  • Conservación da desinencia -des como morfema número-persoa da segunda persoa do plural: falades, comedes...

LÉXICO

  • – Entrada de moitos castelanismos: *Dios (Deus), *pueblo (pobo), *jueves (xoves/quinta feira), *virgen (virxe), *iglesia (igrexa)...

Historia da lingua resumida

domingo, 3 de outubro de 2021

Os séculos escuros

 

1. Introdución

Recibe o nome de Séculos Escuros o período histórico que vai dos séculos XVI ao XVIII. Caracterízase polo estado de marxinación social do idioma galego e pola ausencia case total de literatura culta escrita na nosa lingua. Ambos os fenómenos insírense nun proceso de marcada marxinación política e do progresivo empobrecemento económico do noutrora próspero e poderoso Reino de Galiza.


2. Contexto histórico

2.1. Situación política

Adoita sinalarse como inicio dos Séculos Escuros a vitoria de Isabel a Católica na loita dinástica contra dona Xoana (mal chamada “A Beltranexa”).

A sucesión do rei Henrique IV (morto en 1474) foi disputada entre:

  • Dona Xoana - Filla de Henrique IV e de Xoana de Portugal. Sobre ela pesaba a dúbida de se era filla lexítima do monarca (que era chamado Henrique IV o impotente) ou froito dunha relación da súa nai co nobre Beltrán de la Cueva (de aí que a Dona Xoana a alcumasen A Beltranexa). Estaba casada co seu tío, o rei Afonso V de Portugal.
  • Dona Isabel (a futura Isabel I de Castela, Isabel a Católica) - Medio irmá do rei Henrique IV. Casada con Fernando II de Aragón.

A maior parte da nobreza galega apoia o bando perdedor, é dicir, a Dona Xoana, rebelándose contra Isabel I e contra a súa política centralista. A guera conclúe en 1479, cando se asina o Tratado de Alcáçovas, no que se recoñecen a Isabel e Fernando como reis de Castela.

Xa no poder, os Reis Católicos toman medidas contra a nobreza rebelde de Galiza someténdoa, quitándolles o seu poder e, en moitos casos, substituíndoa por nobres de fóra. Isto foi algo constante ao longo dos Séculos Escuros: as clases dirixentes de Galiza eran maioritariamente de orixe castelá. Obviamente, isto ten consecuencias para a situación sociolingüística: agora as clases altas non falan galego, senón castelán.

2.2. Situación económica e demográfica

O principal motor da economía continúa a ser a agricultura. O campesiñado constitúe máis do 75% da poboación. Galiza tiña un sistema rendista ou foral: os campesiños traballaban as terras dos señores e pagábanlles o foro (un imposto que supoñía entre o 25% e o 50% do que colleitaban). Deste xeito, os señores (alto clero, nobreza, fidalguía) vivían comodamente a conta das rendas que lles pagaban os labregos fronte ao campesiñado, que sobrevivía na pobreza, vítimas do analfabetismo e sen poder acceder á propiedade da terra.

Por outra parte, a poboación medra enormemente ao longo destes séculos. Como dato, entre 1500 e 1750, a poboación galega pasou de 350.000 a 1.300.000 habitantes.

O crecemento demográfico e a miseria do campesiñado explican o nacemento dun dos fenómenos máis importantes da nosa historia: a emigración. Desde o século XVI prodúcense emigracións de galegos cara a Andalucía, Portugal e Castela, para o desempeño dos peores oficios. A partir do XVIII, os galegos comezan a emigrar a Arxentina.

3. Situación sociolingüística. As orixes do conflito lingüístico

Como consecuencia da situación sociopolítica que describimos, durante os Séculos Escuros rompeuse a homoxeneidade lingüística que existira na sociedade galega durante a época medieval. O castelán vai impoñéndose paulatinamente en Galiza e orixínase unha situación diglósica caracterizada do seguinte xeito:

  • En canto ao número de falantes, o galego é lingua maioritaria xa que continúa a ser a lingua habitual da inmensa maioría da poboación (arredor do 90 / 95%). O castelán é lingua minoritaria xa que só é a lingua das capas máis altas da sociedade (nobreza, alto clero…), que representann unha porcentaxe moi baixa da poboación.
  • En canto ao prestixio social das linguas, o galego é lingua minorizada ou dominada, xa que deixa de empregarse nos textos escritos e apártase tamén de calquera ámbito social elevado. É unha lingua minusvalorada socialmente. O castelán é lingua de prestixio ou dominante, xa que é a lingua dos textos escritos e a lingua empregada polas clases dominantes e nos ámbitos elevados (Administración, Igrexa, Educación…)

A marxinación do galego dos ámbitos sociais elevados e da escrita ten consecuencias directas para a nosa lingua coma:

  • Ausencia dunha norma culta / estándar
  • Afastamento do portugués
  • Ruralización do léxico
  • Castelanización da onomástica
  • Introdución de castelanismos léxicos
  • Aparición de prexuízos lingüísticos

4. Imaxe de Galiza, das/os galegas/os e do galego durante os Séculos Escuros

Como consecuencia da marxinación política e da pobreza en que vivía a maior parte da poboación galega, ao longo desta época nace unha imaxe do galego como un pobo mísero, atrasado, inculto e carente de calquera virtude, así como unha visión de Galiza como unha terra inhóspita e fea. Esta consideración despectiva de Galiza e do pobo galego reflítese no refraneiro e na literatura española renacentista e barroca.

Esta imaxe de Galiza e do pobo galego amplíase tamén á lingua, nacendo fortes prexuízos lingüísticos que mesmo perduran até os nosos días: o galego como lingua bruta, fea, de pailáns, inútil... Todas estas ideas negativas teñen orixe nesta etapa.

Por último, esta imaxe que se proxecta sobre Galiza, sobre os seus habitantes e sobre a súa lingua remata afectando á propia poboación galega, que asume esa imaxe e eses prexuízos. Así, nace nesta altura un complexo de inferioridade e un sentimento de autodesprezo ou autoodio por ser e falar galego.

https://sites.google.com/view/cadernodegalego1bach/2%C2%BA-trimestre/1-os-s%C3%A9culos-escuros?authuser=0

Historia da Lingua por Pepe Carreiro

Facer un Booktuber

 Coa primeira lectura do curso, teredes que facer un "booktuber", polo que a nota aplicarase na parte de nota da expresión oral.


 

Non fagas un booktuber dun libro que non acabases ou que non che gustase. O obxectivo é contaxiar a outras persoas as ganas de lelo. Tenn que se notar que entendiches o libro e que che gustou para conseguir que haxa alguén que queira lelo. 

Prepara un guión do que vaias dicir e ensaia. Non se trata de que aprendas de memoria un guión e moito menos de que o leas, aínda que podes telo fóra do alcance da cámara. No guión podes poñer os apartados que vais comentar, algúns apelidos, lugares onde de desenvolve a acción... Depende da memoria que teñas e da complexidade do lbiro.

Para ensaiar, grávate co móbil mentres o comentas. É habitual que o fagas no teu cuarto: fai probas do encadre, a túa posición, da luz...

Ti decides o que vas contar. É recomendable que vexas algúns exemplos de "booktubers" famosos. Pero o ideal é que sexas orixinal e organices a explicación ao teu xeito. As partes básicas do comentario son a análise do libro e a valoración.
Un booktuber deberá incluír  os seguintes contidos (non todos son estritamente necesarios):

a) Presentación do booktuber, normalmente humorística

b) Presentación do libro (ensinándoo a cámara), datos técnicos e aspecto externo do libro.

c) Razóns para ler o libro. Por que o escolliches?

d) Breve resumo (sen spoilers, contando para “enganchar” ao futuro lector)

e) Narrador: quen conta a historia

f) Protagonistas: descríbeos brevemente con sentido del humor.

g) Época: cando se escribiu o libro e en que época se desenvolve

h) Lugares. Transmite a atmosfera que se crea no relato.

i) Estilo: cómo está escrito. Hai que comentar se é fácil de ler ou non...

j) Valoración persoal: que é o que máis che gustou, con sinceridade. Podes mesmo poñerlle nota.

k) Remata coas recomendacións, indicando a quen cres que pode gustar máis o libro.

 

 O vídeo está feito para non aburrir. Lembra que debes falar claro, vocalizar, con ton alto pero sen berrar, nin demasiado lento nin demasiado rápido. O vídeo deber ter un mínido de 2 minutos e un máximo de 5.

O obxectivo é espertar o interese por ler o liro. Non contes nunca o final, aínda que si dar algunhas pistas con sentido do humor para espertar as ganas de ir por el.


Como facer un vídeo

Consellos á hora de gravar:

  1. A cámara de vídeo, o móbil ou tableta deben estar estabilizados cun trípode ou apoiados nun lugar de xeito que a imaxe non baile e en posición horizontal.
  2. A luz é fundamental, condiciona a percepción do que se ensina, ten en conta que tes que ter a luz de fronte, isto é, por detrás da cámara e nunca detrás túa.
  3. O son debe ser limpo sen ruídos de fondo, neste tipo de vídeos é moi importante que se entendan ben as túas palabras.
  4. O fondo, isto é, o que se ve detrás túa, debe estar ben pensado e non ao chou. Ti es libre de escoller calquera fondo pero nunca pode conter distraccións para o espectador ou elementos que non falen positivamente de ti como que se vexa o cuarto desordenado, etc. A maioría de booktubers realizan os seus vídeos diante dos seus estantes cheos de libros ou sentados nunha mesa de estudo aínda que tamén hai outros máis creativos que gravan tamén en exteriores ou crean fondos falsos onde inclúen as portadas, fotos das escritoras e escritores e outros elementos engadidos mediante edición de vídeo.

Idea! Antes de comezar a realizar a gravación definitiva debes facer sempre unha gravación de proba para comprobar aspectos como voz, luz e fondo.

Podes ver no blogue da nosa biblioteca moitos exemplos, coma este.



O galego na Idade Media

A Lingua Galega Na Idade Media by trafegandoronseis on Scribd

Afonso Henriques: o Primeiro Rei

Historias de Galicia-O son das armas

A revolta irmandiña: 






Características do galego medieval

 

Unha das características fundamentais do galego medieval é a inestabilidade ortográfica e a varibilidade lingüística.

Vexamos a continuación de forma máis precisa en que consisten estas características.

ORTOGRAFÍA E FONÉTICA:

1. Abundancia de hiatos: veer, seer, leer...

2. Existencia de vogais nasais que marcan a perda dun – n – intervocálico latino: mao, irmao, razoes, boa,...

3. Complexo sistema de sibilantes: xordas sonoras

- ss – (nosso) - s – (casa)

c, ç /ts/(braço, cervo) z /dz/ (fazer)

x (deixar) j, g (ja, gente)

4. Consonantes palatais: o ñ aparece nos textos medievais como nh, nn, ni. 

 O ll figura nestes textos como lh, li ou ll.

5. Vacilación ortográfica entre b/v.

 

MORFOLOXÍA

6. Os substantivos rematados en – or, - es, -ol e -ante tiñan a mesma forma para masculino e feminino: o/a senhor, o/a pastor...

7. Algúns verbos da 2ª conxugación fan o participio en – udo: perdudo, sabudo...

8. Existencia de tempos verbais compostos: avía feito.

9. O verbo “aver”posuía o significado de ter.

10. Existencia de pronomes mesoclíticos: banhar-nos-emos.


SINTAXE

11. Uso de posesivos sen artigo.

12. Anteposición do pronome átono.


LÉXICO

13. Utilización de provenzalismos, galicismos e palabras hoxe arcaicas: vegada= vez, assaz=bastante, solaz=pracer, guisa= maneira, fossado= guerra, tolher= quitar, coller, eire=onte, cras=mañá, cobra= estrofa...


Historias de Galicia 1 - Onde o mundo se chama Galicia