Buscar neste blog

xoves, 6 de xuño de 2013

luns, 27 de maio de 2013

Familias léxicas irregulares

Étimo latino -> cultismo -> semicultimos -> patrimonial
REGULAM -> regular -> regra -> rella
PLENAM -> plena -> prea(mar) -> chea INSULAM -> insular -> insua -> illa MACULA -> mácula -> mágoa -> mancha

Familias léxicas irregulares de uso máis frecuente
PALABRAS PATRIMONIAIS

Artello, artellar, desartellar, desartellamento

Doer, doente, doenza, doído, dorido

Orde, desorde, contraorde

Vixiar , vixía, vixiante


Herdar,
herdeiro, herdo, herdanza

Xerar, xeración, xerador,
xeral, xeralmente

Doar, doador, doazón

Lúa, luada, luar, luarada, aluar, aluaxe

Liña, subliñar, subliña, doaliñar

Ter,
absterse, conter, deter, entreter, manter,
soster, tenza, mantenza . Persoa, persoal, impersoal, persoalmente, persoeiro
Vontade

-------------------------------------------------------------------------------------------------

CULTISMOS E SEMICULTISMOS

Artigo, articular, articulación, articulado, articulista, articulatorio, Dolor, doloroso, dolorosamente, indolencia, indolente
Ordenador, ordenar, ordinario, ordinal, ordenado, subordinar,
coordinar, coordenada
Vixilancia, vixilia, vixilante

Hereditario

Dexenerar
Xeneral , xeneralato, xeneralizar, xeneralidade
Donativo

Lunar, lunático

Delinear, delineación, delineante, lineal, interlineal
Continencia, continente, incontinencia, incontinente, tenente,
abstinencia
Personalidade, personaxe, personalizar, personalismo,
personalista, personificación
Voluntariado, voluntariamente, voluntarioso


Vía 

venres, 26 de abril de 2013

ALGÚNS VALORES DO “SE”



.- SE reflexivo: dáse en construcións reflexivas, que poden ser directas ou indirectas. Nas directas a correferencia dáse entre Suxeito e CD (“Xandra báñase todos os días”), ou sexa, o pronome –en función de CD- ten o mesmo referente có suxeito (“Vestiuse na casa”). Nas indirectas, moi raras en galego e que só se dan se o CD non é un clítico, a correferencia dáse entre Suxeito e CI (“Xandra dáse un baño”). Porén, non son posibles construcións como *Paio quitouse un chaqueta ou *Mercouse un xersei, nas que o correcto será “Paio quitou a (súa) chaqueta e Mercou un xersei”.
.- SE recíproco: dáse cando dous ou máis actores se alternan nos papeis de suxeito e obxecto, representado por un clítico reflexivo de plural que pode ser CD ou CI, é dicir, dúas ou máis persoas realizan unha acción que reciben mutuamente. Cando o reflexivo é CD, acompaña un CD que non pode ser nunca un clítico : “Os noivos despedíronse (recíproca directa) / Os noivos déronse o número de teléfono (recíproca indirecta); nunca *déronso.
.- SE marca de pasiva impersoal ou pasiva reflexa: construción formada polo pronome se+un verbo en voz activa (en terceira persoa de singular ou de plural) que concorda co suxeito paciente: “Alúganse pisos” ou “Alúgase casa” (“Os pisos son vendidos. A casa é alugada”). Para saber se estamos ante esta construción xogamos co verbo, singular ou plural: se o suxeito cambia con el é unha pasiva reflexa.
.- Se non hai tal concordancia ou non hai suxeito paciente e o verbo está inmobilizado en terceira persoa singular, fálase de activa impersoal con se: “Na clase falouse da sida / Cando se bebe, non se conduce”
.- SE morfema de verbo pronominal: o clítico acompaña necesariamente a certos verbos chamados pronominais, que dese xeito poden adquirir un significado léxico diferente. Nestes casos é un constituínte formal do verbo e carece de función sintáctica: “A neve derreteuse coa calor”

xoves, 25 de abril de 2013

O PRONOME PERSOAL: Formas reflexivas



 Formas reflexivas:

A reflexividade ocorre cando o pronome representa a mesma persoa do suxeito : “Eu lávome”.
Algunhas particularidades:
-         Non son posibles en galego as construcións reflexivas nas que a acción se exerza unicamente sobre unha parte do suxeito: *Laveime as mans. Hai que dicir: “Lavei as mans”.
-         Os pronomes reflexivos non entran nunca en cadea cos pronomes átonos de terceira e sexta persoa de CD. Así, serían erróneas expresións do tipo : *Pregúntato ou Pregúntaso.  Haberá que dicir : “Pregúntate iso” ou “pregúntase iso”.
-         As formas reflexivas úsanse tamén nas construcións recíprocas, é dicir, nas que dous ou máis actores se alternan nos papeis de suxeito (axente) e obxecto, representado este por un clítico reflexivo de plural que pode ser CD (“Paco e Iria bicáronse / Nós ofendémonos”) ou CI. Pero neste caso, é dicir, cando o reflexivo é CI, acompaña un CD que non pode ser nunca un clítico (“Paco e Ana déronse bicos” nunca *Paco e Ana déronsos”)
-         Algúns verbos que en castelán son reflexivos non o son en galego: “adormecer, espertar, calar, caer, casar, ficar, marchar, morrer, parar, romper...” : “Antía e Paulo casaron e marcharon de lúa de mel”. Outros verbos moi raramente poden ser usado como reflexivos: “durmir, quedar, sentar, sorrir...”
-         Algúns verbos como “afogar(se), sentir(se), dar(se), comportar(se), despedir(se), fixar(se), manifestar(se), parecer(se), ter(se)...” poden admitir ou non a forma reflexiva, pero a escolla entre unha ou outra implica diferenza de significado. Así:
Afogar: morrer por submersión involuntaria / Afogar: suicidar mergullándose na auga.
Sentir: percibir polos sentidos; oír  /  sentirse: estar de certa maneira segundo o estado de ánimo
Dar: entregar  /  Darse: afacerse, nacer da terra
Rir: manifestar ledicia  /  Rirse: burlarse de algo ou alguén.

mércores, 24 de abril de 2013

O PRONOME PERSOAL: Dativo / Acusativo





DATIVO / ACUSATIVO



Algúns verbos en galego admiten construcións con pronomes átonos de CD ou CI. De acordo con isto:
-         Certos verbos como “aconsellar, aprender, axudar, perdoar, roubar...” admiten un complemento de persoa e outro de cousa: “Aconselloulle que non fose / Aconsellouno ben / Perdooulle a débeda / Perdoouno”.
-         Nalgúns verbos (“chamar, imitar, pegar, querer, servir...”) a escolla entre o acusativo e o dativo implica diferenza de significado: “imítalle (parécese a el) / Imítao (remédao, fai coma el)”;  “Serviulle (foille útil) / Serviuno (atendeuno)” ; “Pegoulle (golpeouno) / Pegouno (uniuno)”.

martes, 23 de abril de 2013

O PRONOME PERSOAL: Os dativos de solidariedade e de interese



Os dativos de solidariedade e de interese




Baixo esta denominación englóbanse dous usos expletivos (que completan a frase sen seren necesarios para o seu sentido) dos pronomes átonos de CI. Estes pronomes non desempeñan ningunha función sintáctica, non realizan nin reciben a acción verbal, polo que, se se eliminan, non se altera substancialmente o significado do enunciado.

DATIVO DE SOLIDARIEDADE
Co seu uso o falante tenta implicar ao interlocutor nos feitos narrados ou na opinión expresada. Introdúceo na mensaxe coma se participase do dito polo emisor para implicalo máis e provocar nel unha actitude proclive á posición do emisor. Aparece só en rexistros coloquiais e denota certa afectividade.

Formas                                       un interlocutor                varios interlocutores
Tratamentos familiar                        che                                           vos
Tratamento de cortesía                     lle                                             lles

Estache ben  esta película.
Élle(s) verdade o que din.
Non che me gusta nada ese vestido.
Quédanchelle ben eses zapatos.

A súa identificación é doada porque non existe en castelán, co que ao traducir a frase a ese idioma, non pode aparecer, e ademais se o extraemos da oración, esta non altera substancialmente o seu significado.
Ás veces, aínda que raramente, poden aparecer dúas formas de solidariedade no mesmo enunciado; delas, unha ten que ser “che”: “Échevos unha boa oportunidade”.

DATIVO DE INTERESE

Este pronome refírese a unha persoa –con frecuencia o propio emisor- que, sen participar na acción verbal, ten un interese nela porque lle ocasiona un beneficio ou prexuízo, é dicir, a persoa resulta particularmente afectada pola acción verbal ou interesada nela. Presenta as formas átonas de CI, en calquera persoa gramatical (me, che lle, nos, vos, lles):
Non quero que te me movas de aquí.
Non me sexas mentireiro.
Cando lles vivían os pais estaban mellor.

Con frecuencia aparece con outros pronomes átonos:
“non gaño para roupa, ao mes ténchema desfeita”
= con tres pronomes átonos: “che” (DS), “me” (CI), “a” (CD)
Poden aparecer as catro formas:
-         E logo que che lle pasou nas gafas ao rapaz?
-         Rompéronchellesmas
= DS + CI +DI + CD

É mesmo frecuente a presenza de máis dun clítico onda o verbo. Cando isto ocorre, a orde que gardan entre si os pronomes segue normas estritas:
.- O reflexivo se, calquera que sexa a súa función, ocupa o primeiro lugar na secuencia, algo que non é extensible aos outros reflexivos: “Nótasechelle ben que está namorada / Que non se che esqueza.
Evitade, pois a construción tan usual, pero incorrecta: *Que non che se esqueza”.
.- Cando hai CI e CD vai primeiro o Indirecto: “Xa mo (me+o) dixo”
.- Se aparece un DS vai antes có CI e có CD: “Dixéronchemo (che, me+o)
.- Se hai ademais un Dativo de Interese, a secuencia sería: DS+CI+DI+CD.

Por último, aclarar que se os pronomes van enclíticos, o de solidariedade sóldase aos outros (“Entregáronchemo”), pero se vai proclítico non se solda: “Non che mo entregaron”