Buscar neste blog

domingo, 24 de febreiro de 2013

Todas con Rosalía

"Rosalía non entende de donos; naceu libre e está viva".

Un grupo de escritoras galegas quixo unirse para continuar dando vida a Rosalía. Así, organizándose espontaneamente a través das redes sociais, decidiron colaborar na gravación dun vídeo colectivo no que teñen cabida escritoras e non escritoras, nenas, mozas e vellas, feministas, transfeministas, actrices, vendedoras, estudantes, afectadas polas preferentes, libreiras, mulleres contra o maltrato, mestras, profesoras, persoal sanitario, ecoloxistas... Mulleres falando de mulleres, e ao tempo, falando de todos, falando dos que aquí e agora sofren. Este vídeo coral pretende seguir o exemplo de conciencia e rebeldía da grande escritora ao recitar os seus versos desde o presente.



Eu ben vin estar o moucho

Recitado conxunto do alumnado de 1º de Bacharelato de Ciencias Sociais:


"Quíxente tanto meniña"

O compañeiro César Castillo pon música a este poema rosaliá:

Daquelas que cantan

Vaite noite, vai fuxindo...

Ninfa das frescas augas

Maio longo

Meniña gaiteira

Artigo de Carlos Negro en "Sermos Galicia":

Neste tempo de invernía, nunha especie de celebración para os meus adentros, regresei á lectura de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, agora que se conmemora o 150 aniversario da edición de 1863. E así como quen non quere a cousa, a cabeciña (esa que parar, para pouco) comezou a lle dar voltas a certas suxestións arredor da esencia desta obra fundacional da literatura galega contemporánea.
E quizais resulte unha obviedade poñer en relevo a paradoxa na que incorre Cantares gallegos: pois un monllo de poemas que o galeguismo cultural vai ir canonizando como texto, preséntanse a si mesmos como canto, é dicir, como transposición musical da voz dunha comunidade ágrafa, pero, por suposto, non aínda muda. Dito doutro xeito: en Cantares gallegos opera, de modo consciente, o pulo de crear unha “banda sonora” que realce en positivo os valores culturais dunha comunidade lingüística marxinada secularmente do ámbito intelectual e académico, é dicir, da cultura letrada.
Por tanto, Rosalía de Castro acomete en Cantares gallegos unha continua ficcionalización da oralidade, cun dobre obxectivo: dunha banda, cede o poder autorial a unha meniña gaiteira, a unha moza cantareira que integra a súa voz no múltiple coro de sons e melodías que van abrollando no seo da propia comunidade; doutra banda, religa os versos coa música a través dun constante desafío rítmico baseado na métrica das composicións populares.

E se cadra, nesa identificación consciente entre música e poesía, entre voz e canto, atopamos un dos grandes acertos estéticos de Rosalía de Castro: pois non trata de arredar o texto poético das súas fontes etnográficas e culturais, senón que as transcende integrándoas naturalmente no seu discurso de dignificación patriótica. E por iso no prólogo, Rosalía recoñece que escribe “guiada sólo por aqueles cantares, aquelas palabras cariñosas e aqueles xiros nunca olvidados que tan doçemente resoaron nos meus oídos desd’a cuna, e que foran recollidos polo meu corazón como harencia propia.”
A Rosalía de Cantares gallegos podería definirse, xa que logo, como unha poeta de finísimo oído que reproduce con extrema sensibilidade “tod’aquello en fin que pola súa forma e colorido é dino de ser cantado, todo o que tuvo un eco, unha voz, un runxido por leve que fose, con tal que chegase a conmoverme.”
Falamos anteriormente de banda sonora. A pouco que acheguemos a orella, escoitaremos en Cantares unha especie de sinfonía cósmica tanto de sons producidos polo ser humano como por outras entidades do entorno natural; e a relación de exemplos podería estenderse ata o infinito: mozas rebuldeiras que tocan as cunchas e botan copriñas, mulleres que cantan por veigas e montes o seu (des)amor ou que son quen de bailar no cribo dunha peneira ao compás dos pandeiros… Pero tamén escoitamos o bater de campás e tambores, melodías de gaita e guitarra, alalás e alboradas, rechouchíos de paxaros, murmurios de vento e follaxe, gorgorexos das aguas dos ríos… E a moza que nos guía a través desde universo fónico remata no derradeiro poema do libro recoñecendo a suposta desproporción entre o anceio musical e o acerto poético: “Eu cantar, cantar, cantei, / a grasia non era moita.”
E mesmo nalgún fragmento lírico, a voz desta humilde cantareira semella evocar, nunha transposición temática case exacta, a fórmula medieval das cantigas de amigo, cando expresa o lamento panteísta que interroga á natureza polo namorado ausente:

Vou perguntand’ós airiños,
vou perguntand’ós pastores,ás verdes ondas perguntoe ninguén ¡ai! me responde.Os aires mudiños pasan,os pastoriños no m’oien,i as xordas ondas fervendocontr’os penedos se rompen.

Neste contexto, e como colofón a esta mínima evocación rosaliana, é de xustiza recoñecer a exacta análise que efectou a poeta Luísa Villalta da figura da meniña gaiteira de Cantares gallegos, nun magnífico ensaio titulado O outro lado da música, a poesía (Edicións A Nosa Terra, 1999):

“Portanto a meniña gaiteira, protagonista do marco poético no que se desenvolven todos os cantares do libro, sería algo así como a encarnación do espírito positivo da Galiza e unha versión ao popular da propia autora que se quere manifestar através desta personaxe como integrante do povo que canta.[…] Asume a voz de toda Galiza, das súas alegrías e miserias, nun intento de devolverlle o prestixio e a esperanza, todo iso entregado, unha vez máis, ao ostensíbel ritmo da pandeirada.”

E nós, que aínda acudimos aos poemas de Rosalía como quen vai beber a unha fonte onde abrolla a oralidade primixenia, concordamos.


sábado, 16 de febreiro de 2013

Alborada e web para Rosalía

Onte a Fundación Rosalía de Castro estreou o seu novo portal na arañeira dixital. Xusto a tempo para difundir os actos do Día de Rosalía, o vindeiro 24 de febreiro. Parabéns pola iniciativa e o esforzo feito para achegarnos máis á figura da poeta. Agardamos que se vaian completando os espazos deste web con información máis completa sobre a súa obra e traxectoria vital. De certo que será toda unha referencia.

En colaboración coa AELG proponse aos centros do ensino a inclusión no venres 22  actividades escolares na súa programación, como lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que se divulgarán desde o portal da AELG para darlles visibilidade social.
O 23 de febreiro a homenaxe chegará desde Caracas e desde distintas cidades e vilas galegas coa lectura de poesías de Rosalía.
O 24 será o día central dos actos e celebrarase o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos. Desde a Fundación faise un chamamento aos gaiteiros para sair ás rúas para dar unha Alborada para Rosalía. Tamén se realizará unha lectura pública no Panteón de Galegos Ilustres ás 12:00. En definitiva, haberá toda unha restra de actos para lembrar e dignificar a figura da escritora que recuperou a nosa lingua para os usos cultos.

venres, 8 de febreiro de 2013

Poesía Galega

Para traballar a poesía, recoméndovos que visitedes asemade esta páxina:

Textos para comentar (V)

¿Por que?

-¡Escoita! Os algoasiles
andan correndo a aldea;
mais, ¿como pagar, como, se un non pode
inda paga-la renda?

Embargarannos todo, que non teñen
esas xentes concencia, nin ten alma.
¡Quedaremos por portas,
meus fillos das entrañas!

¡Mala morte vos mate
antes de que aquí entredes!...
Dos probes, ó sentirvos,
os corazós, ¡cal baten tristemente!

-María, se non fora
porque hai un Dios que premia e que castiga,
eu matara eses homes
como mata un raposo a unha galiña.

-¡Silencio! ¡Non brasfemes
que este é un valle de lágrimas!...
¿Mais por que a algúns lles toca sufrir tanto
i outros a vida antre contentos pasan?

xoves, 7 de febreiro de 2013

Textos para comentar (IV)

Vendéronlle os bois,
vendéronlle as vacas,
o pote do caldo
i a manta da cama.
Véndéronlle o carro
i as leiras que tiña,
deixárono soio,
coa roupa vestida.
«María, eu son mozo,
pedir non me é dado,
eu vou polo mundo
pra ver de ganalo.
Galicia está probe,
i á Habana me vou...
¡Adios, adios, prendas
do meu corazón!»

mércores, 6 de febreiro de 2013

Textos para comentar (III)

¿Que pasa ó redor de min?
¿Que me pasa que eu non sei?
Teño medo dunha cousa
que vive e que non se vé.
Teño medo á desgracia traidora
que vén, e que nunca se sabe onde vén.
¿Que pasa ó redor de min?
¿Que me pasa que eu non sei?
Teño medo dunha cousa
que vive e que non se vé.
Teño medo á desgracia traidora
que vén, e que nunca se sabe onde vén
.

martes, 5 de febreiro de 2013

Textos para comentar (II)

Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.
Cando maxino que es ida,
no mesmo sol te me amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.
Si cantan, es ti que cantas,
si choran, es ti que choras,
i es o marmurio do río
i es a noite i es a aurora.
En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.