Buscar neste blog

xoves, 16 de setembro de 2021

Organización do curso

 

LIBRO DE TEXTO: Lingua Galega e Literatura 1º Bacharelato, A. Nieto Pazó e X. Troitiño Fraiz.

          Editorial Anaya, edición 2015. ISBN:978-84-678-2805-4

 


 

Recursos TIC: crearase unha classroom á que a profesora poderá ir subindo material de apoio de lingua e literatura ou exercicios de cada tema que, por falta de tempo, non se resolvesen na aula.

CRITERIOS DE PROMOCIÓN E CUALIFICACIÓN.

Para aprobar a materia en xuño hai que chegar a 5 puntos (sobre 10) na media das notas de todo o curso. Con menos desa nota, suspéndese. Nas avaliacións rexe o mesmo criterio (chegar a 5).

A nota final de curso será a media das notas obtidas nas tres avaliacións. Con 15 puntos tense a materia aprobada. Con menos puntuación vaise á proba extraordinaria de setembro.

 

EXAMES (LITERATURA, LINGUA, SOCIOLINGÜÍSTICA E HISTORIA DA LINGUA:

 supoñen o 70% da nota.



EXPRESIÓN E COMPRENSIÓN ORAL: 15% en cada avaliación.

EXPRESIÓN E COMPRENSIÓN ESCRITA: 15% en cada avaliación.

 


 

ERROS DE LINGUA

Nas probas escritas, os erros lingüísticos descontarán ata un máximo de 2’5 puntos da nota total obtida no exame. O criterio para cualificar distinguirá:

Erros graves: descontan 0’2 cada un (por ex.: uso de tempos compostos, non utilizaa a alternancia vocálica, mala colocación de pronomes, erros de plurais ou xénero, usar castelanismos ou hipergaleguismos, erros de acento diacrítico...).

Erros leves: 0’1 cada un ( acentos non diacríticos, confusións ortográficas b/v, h/-). 

 

PRESENTACIÓN:

Esixirase unha presentación pulcra, clara e coidade de todas as probas ( en exames, traballos, textos escritos...). En caso contrario, poderase descontar ata un máximo de 0’5 puntos.

(ACLARACIÓN: o desconto de Erros de Lingua e Presentación nunca superará os 2’5 puntos)


 

RECUPERACIÓN.

En cada avaliación farase unha media de todos os exames e das notas complementarias obtidas.

De chegar ao 5, o alumnado non tería que recuperar ningún exame. 

Só se pode presentar a recuperar un exame quen o teña suspenso, non o aprobado para subir nota


LECTURAS: Non hai lecturas obrigatorias. Iso significa que non vaiamos ler? Por suposto que non. Imos ler, e canto máis leamos mellor. Mellor para a nosa formación individual e mellor para a nota global. Por suposto, tampouco existen exames de libros. Entón? Dos libros lidos faremos traballos que segundo sexan formarán parte do 15% da oralidade ou ben do 15% da escriba. Iremos vendo en cada ocasión que traballo escollemos. 

 


 

venres, 27 de xuño de 2014

Ler para medrar ou Medrar lendo

Aínda que me despedín de todas e todos vós, non me resisto a seguir insistindo na importancia da lectura na vosa formación. Tedes unha lista de lecturas que vos proporcionei a comezos de curso: mirádea porque está bastante completa e púxenvos en negriña aqueles máis imprescindibles para unha formación integral. Pero hai libros da Historia da Literatura que ás veces esquecemos e que son esenciais . Algúns destes libros son:

.- Por suposto, se non a lestes xa, non agardedes máis: Alicia no País das Marabillas de Lewis Carroll estavos agardando. Tédela en galego grazas á editorial Xerais.

.- Seguramente coñecedes Matilda, A fábrica de chocolate, As bruxas ou calquera outro libro de Roald Dahl. Non deixedes de ler os seus relatos curtos, unha auténtica marabilla as súas Historias extraordinarias.

.- Falando de relatos curtos, ide correndo a ler a Edgar Allan Poe. O mellor do mellor.

.- As viaxes de Gulliver de Jonathan Swift.

.- Albert Camus: La peste.

.- Borges: Relatos

.- Pedro Páramo de  Juan Rulfo.

.- Gabriel García Márquez: calquera libro del paga a pena, aínda que Cien años de soledad é quizais á máis famosa.

.- Jules Venre: cando eu era moza, o meu preferido era Miguel Strogoff. Vén de saír en galego na editorial Xerais a estupena A illa misteriosa.

.- Herman Hesse: Siddartha   ou   Baixo as rodas   na editorial Galaxia

.- Charles Dickens: Oliver Twist. Galaxia

.- AnaFrank: Diario. Kalandraka

.- Hemingway: O vello e o mar. Galaxia  

.- Antoine de Saint-Exupery: O principiño. Galaxia

.- William Shakespeare: Noite de reis. A tempestade  /  Otelo. Macbeth.  Galaxia 

.- Robert Louis Stevenson: A illa do tesouro. Xerais 

.- Bram Stoker: Drácula. Xerais 

.- Ray Bradbury: Fahrenheit 451. Xerais

.- Jacqueline Kelly: A evolución de Calpurnia Tate. Kalandraka

.- Julio Cortázar: Rayuela.


luns, 23 de xuño de 2014

Despedida

Cada curso que remata sempre se me presentan as mesmas e eternas dúbidas: Faríao ben? Sería xusta? Aprenderían comigo? Axudeinos o suficiente? Tiven sempre tempo para escoitalos e escoitalas? Fun quen de ensinar uns valores que na sociedade se perden? Como me lembrarán? Como podo mellorar? Que debo cambiar? Son quen de facelo?...
Non o podo evitar, é algo consustancial. O medo a non telo feito ben, a que non aprenderades, a ser demasiado esixente sen tervos dado o preciso, o medo a non estar aí como debería, o pánico a non ser unha verdadeira profesional.
E este curso foi moi especial convosco. Así, cando menos, sentino eu. Aínda que barulleiros e protestóns polas dúas bandas (dereita e esquerda, máis loiros ca morenos...), o feito de facermos tantas actividades e de charlar asemade un día e outro conseguiu que o meu corazón fose conquistado. 
Así que esta será unha despedida ben especial. Eses nervios víronse aumentados e transformados nunhas bolbotetas que percorren o meu corpo nesa eterna dúbida que me martelea. Marchar supón máis tristura da que eu pensaba pola vosa culpa. Pero só vos queda aí un aniño! Así que a tristura podería ter sido ben terrible se eu ficase. 
Coido que o camiño quedou trazado e a maxia da paisaxe tédela ante vós, se non queredes mirar cara a outro lado. Ese proxecto de vida ídelo facer sós, aínda que sempre me teredes, cando necesitedes un consello e cando precisedes un agarimo, esta segunda mamá preocupada permanecerá ben preto. Porque son unha orgullosa segunda mamá e alédame a vosa xuventude, a vosa forza, a vosa lingua, o voso futuro. Non deixedes de loitar por el. Non permitades que volo trunquen. Non agachedes a cabeza. Non perdades o tesouro máis fermoso que tedes: a nosa lingua. Non esquezades nunca quen sodes nin de onde vides. 
E lede. Lede. Estudade. Formádevos. Só con cultura este país terá futuro. Só a formación das persoas poderá salvarnos da nosa autodestrución. 
Confío en vós.
Quérovos.
E déixovos uns poemiñas para que vos sigades poetizando. Agardo que vos gusten.

 
Unha aperta, sempre: Antía, Cristina, Alejandro, Leticia, Román, Alberto, Rocío, Isidro, Diego, Carlos, Diego, Sonia, Denise, David, Michel, Carmen.

fin

domingo, 27 de abril de 2014

O SUBSTANTIVO


É unha clase de palabras que designa cousas, seres ou conceptos abstractos (casa, home, amor); caracterízase por estar formado por un lexema ou máis nos compostos (vacaloura), que achega o significado léxico, e por morfemas derivativos (sufixos e prefixos) e/ou flexivos (xénero e número).
TIPOS DE SUBSTANTIVOS:
Substantivos propios (topónimos, antropónimos e patronímicos) e comúns.

Os comúns poden ser:

1.- Pola orixe:
.- Primitivos: se non teñen ningún morfema derivativo. Exemplo: mesa
.- Derivados: se teñen morfema derivativo. Exemplo: mesiña

2.- Pola composición:
.- Simples: cun só lexema. Exemplo: mesa
.- Compostos: dous ou máis lexemas. Exemplo: beirarrúa

3.- Polo significado:
.- Abstractos: designan calidades dos seres. Exemplo: paz
.- Concretos: con existencia real. Exemplo: mesa
Á súa vez, os concretos divídense en:
- non contables: podemos medilos ou pesalos. Exemplo: fariña
- contables: que se poden contar. Poden ser:
                      . individuais: designan un só ser. Exemplo: mesa
                      . colectivos: designan un conxunto. Exemplo: rabaño

Así pois, un substantivo como MESA clasifícase como: substantivo común, primitivo, simple, concreto, contable, individual.

O XÉNERO DO SUBSTANTIVO


O xénero é un signo gramatical que leva todo substantivo. Polo xénero os substantivos poden ser masculinos ou femininos. Polo xeral, os substantivos te­ñen un só xénero: ou son masculinos ou son femininos. Non obstante, hai substan­tivos que admiten a variación de xénero e, xa que logo, poden estar en masculino ou en feminino. Exemplo:     
avogado/avogada
xudeu/xudía
A adscrición a un xénero ou a outro vén indicada pola concordancia que o substantivo lles impón aos outros elementos do sintagma nominal:
- Os substantivos masculinos combínanse coas formas masculinas dos determinantes e adxectivos. Exemplo:
o teléfono vermello
o rapaz alto
- Os substantivos femininos combínanse coas formas femininas dos determinantes e adxectivos. Exemplo:
a ponte vella
a vaca rubia

Son masculinos

·        Os nomes das letras:
o a, o be, o ce, o gue, o e, o xe, o uve...
·        Os substantivos rematados en  -ote:
o lote, o dote...
·        Os rematados en  -ume:
o fume, o cume...  (pero a pesadume, a servidume)
·        Os substantivos rematados en  -me:
o abdome, o exame, o arame...
·        Outros coma o leite, o mel, o fel, o sal, o sinal, o labor, o nariz, o sangue, o berce, o la­bor, o sorriso, o ubre, o cárcere, o cal...

Son femininos

·        Os substantivos rematados en   -axe:
a homenaxe, a porcentaxe, a paisaxe, a sondaxe... excepto traxe, paxe, garaxe e personaxe (que tamén pode ser feminino).
·        Os substantivos rematados en  -se,  -ite:
a análise, a crise, a énfase, a farinxite, a hepatite, a dermatite...
·        Os seguintes substantivos: a árbore, a arte, a canle, a calor, a cor,  a dor,  a orde, a orixe, a vertixe, a pantasma, a ponte, a síndrome, a suor...
·                 A maioría das árbores froiteiras, o mesmo que a froita que dan: a maceira, a cerdeira, a pereira, a nogueira, a ameixeira, a claudieira, a laranxeira...
        Se o nome da froi­ta é masculino, polo xeral o nome da árbore tamén o é: o limoeiro-o     limón, o pexegueiro-o pexego.
         Son excepcións:    a figueira-o figo,     o castiñeiro-a castaña.

FORMACIÓN DO FEMININO


- Cando o masculino remata en vogal átona, fórmase o feminino cambiando o –o final por un  –a:
avogado – avogada
presidente – presidenta
- Se o masculina remata en vogal tónica, o feminino fórmase engadindo un –a:
avó – avoa
- Se o masculino remata en consoante distinta de –n , engádese un –a:
pastor – pastora
- Se o masculino remata en –ín, engade un –a:
pescantín  -  pescantina
- Se o masculino remata en –eu, cambia esta terminación por  –ía:
xudeu  -  xudía
- Se o masculino remata en –ón, desaparece o –n final e engade un –a:
patrón -  patroa
Se o substantivo é pexorativo, o feminino fórmase engadindo –a, é dicir, en –ona:
abusón -  abusona
- Se o masculino remata en -án, o feminino fórmase coa desaparición do –n final:
irmán – irmá
Se o substantivo é pexorativo, o feminino fórmase engadindo –a, é dicir, en –ana:
lacazán -  lacazana
- Ás veces, o feminino fórmase cun morfema derivativo:
actor -  actriz
rei  -   raíña
- Noutras ocasións, a oposición de masculino /  feminino   é a base de semantemas diferentes:
cabalo  -  egua
home  -  muller
- Ás veces, a oposición de xénero dáse só mediante o artigo:
o artista   -   a artista
- Con algúns animais, cómpre engadir ao seu carón a palabra “macho” ou “femia”:
leopardo macho  - leopardo femia
A oposición de xénero pode servir para:
-          Diferenciar seres polo sexo: o boi -  a vaca
-          Diferenciar seres polo tamaño ou pola forma externa. O feminino adoita designar o ser de maior tamaño: o cesto  -   a cesta
-          Diferenciar entre individual e colectivo:  o gran  -   a gra

FORMACIÓN DO PLURAL


- As palabras rematadas en ditongo, vogal ou en –n engaden -s:
lei   -   leis
avó   -    avós
can  -    cans
- As palabras rematadas en consoante distinta de –n ou –s engaden –es:
Flor -  flores
- Os substantivos rematados en –s:
. Se son agudas engaden –es:
Siamés  -   siameses
. Se rematan en grupo consonántico, se son graves ou esdrúxulas, permanecen INVARIABLES, é dicir, presentan sincretismo.
o luns  -    os luns
o lapis   -    os lapis
o mércores   -    os mércores
- Os substantivos rematados en –l:
. Os monosílabos fan o plural engadindo –es
mel   -   meles
. As palabras graves engaden –es
túnel  -   túneles
. As palabras compostas con algún destes monosílabos engaden –es
ollomol  -    ollomoles
. As palabras agudas quitan o –l e engaden –is
animal  -  animais
- Os substantivos rematados en –x presentan sincretismo, polo que o número vén indicado polo artigo
o tórax   -    os tórax
- Os cultismos e os préstamos que rematan en calquera outra consoante, engaden -s
club  -   clubs
lord  -    lores
- Plural das palabras compostas:
. Se os dous compoñentes non están perfectamente soldados, o plural faise nas dúas palabras:
garda civil    -    gardas civís
. Se o composto está constituído por unha forma verbal ou palabra invariable e outro elemento, ou se os dous elementos están separados por un guión, só este segundo elemento vai en plural:
norte-africano    -     norte-africanos
galego-falante     -     galego-falantes
. Nas construcións con preposición só o primeiro elemento vai en plural:
estrela de mar   -      estrelas de mar
. Cando os dous elementos son substantivos e van separados, de maneira que o segundo modifica o primeiro, só recibe marca de plural o primeiro elemento:
sofá cama    -      sofás cama
cidade xardín     -        cidades xardíns