ÁNIMA DORIDA E ESTRANXEIRA NA SÚA PATRIA.
En 1988, Francisco Rodríguez defende a súa tese de doutoramento, Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro, que, en palabras do presidente do tribunal, Carvalho Calero, supón un antes e un despois na concepción da obra de Rosalía de Castro
pois vai derrubando un por un os falsos tópicos montados en torno á
autora desde o momento da súa morte, desde fóra e desde dentro do país.
Antes
de morrer Rosalía fora branco de aldraxes, mais despois de morrer foi
conscientemente marxinada polos estudosos da literatura española, a
pesar de ter sido a escritora en castelán máis importante da súa época
por terse anticipado, na súa prosa castelá, aos escritores modernistas
e, na súa poética (como os “poetas malditos” franceses) aos pensadores existencialistas do sec. XX. E isto a pesar de d. Emilia Pardo Bazán,
cuxa obra carece hoxe da modernidade e vitalidade que segue a ter a
obra rosaliana, capaz de seguir conmovendo a lectores/as de calquera
latitude. Como indica o profesor Anxo Tarrío, houbo voces que non
quixeron sumarse ao coro oficial. Así, Azorín dicía de Rosalía que fora a precursora da revolución métrica e ideolóxica levada a cabo por Rubén Darío. E Juan Ramón Jiménez recoñecía a influencia que a autora galega tivera na súa obra, ao tempo que sinalaba coincidencias entre Rosalía e a poesía de Antonio Machado. Mesmo F. García Lorca inspirouse nela á hora de escribir os seus poemas galegos. Neste sentido, para un coetáneo como Carré Aldao (dono da libraría Carré, convertida na Cova Céltica) Rosalía é a "culminación do Rexurdimento", Pondal e Curros figuran como "continuadores de Rosalía". E para o maior estudoso da Historia da literatura galega, d. Ricardo Carvalho Calero, "até Rosalía a literatura do sec. XIX é arcaiaca".
Pero as grandes personalidades da época, estudosos e insignes
escritores/as, só tiveron a ben recoñecer o pintoresquismo e o
costumismo de Cantares Gallegos.
Así
a imaxe interesadamente terxiversada que nos chegou de Rosalía foi a
dunha muller resignada, enfermiza, chorosa, nai abnegadísima e
amantísima esposa, saudosa e folclórica. Durante moito tempo mesmo se
chegou a cuestionar a autoría dos seus poemas, asignándolle ao culto
cronista que era o seu home, M. Murguía,
a súa creación, pois Rosalía foi considerada habitualmente na
historiografía como muller de escasa formación cultural. Non se estudaba
realmente a obra de Rosalía, analizábase a súa vida. Aínda hoxe podemos
comprobalo a través dos numerosos blogues e páxinas webs (en español)
que adicadas a ela surcan a rede. Case todas comezan do mesmo xeito:
nacemento ilexítimo, figura paterna ausente que se transloce na “negra
sombra”, formación aldeá, descoberta da súa condición de ilexítima e
trauma para toda a vida…
| Manuel Murguía |
| Rosalía ao estilo Andy Warhol |
Agora, xullo de 2011, vai saír á venda a segunda edición de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria.
En palabras de Pilar García Negro, corrobora nesta obra o autor aquelas
teses coas que hai máis de vinte anos aseguraba que Rosalía era unha
escritora profesional, unha muller enérxica e profundamente culta,
iniciadora dunha literatura galega feminista, abertamente contestataria
na súa denuncia dos poderes civís, militares e eclesiásticos, así como
redactora dunha nova semántica…


