Buscar neste blog

mércores, 24 de abril de 2013

O PRONOME PERSOAL: Dativo / Acusativo





DATIVO / ACUSATIVO



Algúns verbos en galego admiten construcións con pronomes átonos de CD ou CI. De acordo con isto:
-         Certos verbos como “aconsellar, aprender, axudar, perdoar, roubar...” admiten un complemento de persoa e outro de cousa: “Aconselloulle que non fose / Aconsellouno ben / Perdooulle a débeda / Perdoouno”.
-         Nalgúns verbos (“chamar, imitar, pegar, querer, servir...”) a escolla entre o acusativo e o dativo implica diferenza de significado: “imítalle (parécese a el) / Imítao (remédao, fai coma el)”;  “Serviulle (foille útil) / Serviuno (atendeuno)” ; “Pegoulle (golpeouno) / Pegouno (uniuno)”.

martes, 23 de abril de 2013

O PRONOME PERSOAL: Os dativos de solidariedade e de interese



Os dativos de solidariedade e de interese




Baixo esta denominación englóbanse dous usos expletivos (que completan a frase sen seren necesarios para o seu sentido) dos pronomes átonos de CI. Estes pronomes non desempeñan ningunha función sintáctica, non realizan nin reciben a acción verbal, polo que, se se eliminan, non se altera substancialmente o significado do enunciado.

DATIVO DE SOLIDARIEDADE
Co seu uso o falante tenta implicar ao interlocutor nos feitos narrados ou na opinión expresada. Introdúceo na mensaxe coma se participase do dito polo emisor para implicalo máis e provocar nel unha actitude proclive á posición do emisor. Aparece só en rexistros coloquiais e denota certa afectividade.

Formas                                       un interlocutor                varios interlocutores
Tratamentos familiar                        che                                           vos
Tratamento de cortesía                     lle                                             lles

Estache ben  esta película.
Élle(s) verdade o que din.
Non che me gusta nada ese vestido.
Quédanchelle ben eses zapatos.

A súa identificación é doada porque non existe en castelán, co que ao traducir a frase a ese idioma, non pode aparecer, e ademais se o extraemos da oración, esta non altera substancialmente o seu significado.
Ás veces, aínda que raramente, poden aparecer dúas formas de solidariedade no mesmo enunciado; delas, unha ten que ser “che”: “Échevos unha boa oportunidade”.

DATIVO DE INTERESE

Este pronome refírese a unha persoa –con frecuencia o propio emisor- que, sen participar na acción verbal, ten un interese nela porque lle ocasiona un beneficio ou prexuízo, é dicir, a persoa resulta particularmente afectada pola acción verbal ou interesada nela. Presenta as formas átonas de CI, en calquera persoa gramatical (me, che lle, nos, vos, lles):
Non quero que te me movas de aquí.
Non me sexas mentireiro.
Cando lles vivían os pais estaban mellor.

Con frecuencia aparece con outros pronomes átonos:
“non gaño para roupa, ao mes ténchema desfeita”
= con tres pronomes átonos: “che” (DS), “me” (CI), “a” (CD)
Poden aparecer as catro formas:
-         E logo que che lle pasou nas gafas ao rapaz?
-         Rompéronchellesmas
= DS + CI +DI + CD

É mesmo frecuente a presenza de máis dun clítico onda o verbo. Cando isto ocorre, a orde que gardan entre si os pronomes segue normas estritas:
.- O reflexivo se, calquera que sexa a súa función, ocupa o primeiro lugar na secuencia, algo que non é extensible aos outros reflexivos: “Nótasechelle ben que está namorada / Que non se che esqueza.
Evitade, pois a construción tan usual, pero incorrecta: *Que non che se esqueza”.
.- Cando hai CI e CD vai primeiro o Indirecto: “Xa mo (me+o) dixo”
.- Se aparece un DS vai antes có CI e có CD: “Dixéronchemo (che, me+o)
.- Se hai ademais un Dativo de Interese, a secuencia sería: DS+CI+DI+CD.

Por último, aclarar que se os pronomes van enclíticos, o de solidariedade sóldase aos outros (“Entregáronchemo”), pero se vai proclítico non se solda: “Non che mo entregaron”

 

luns, 22 de abril de 2013

O PRONOME PERSOAL: Valores especiais dalgunhas formas



 Valores especiais dalgunhas formas:

No uso dos pronomes tónicos das distintas persoas pode haber desprazamentos de significación, máis ou menos funcionais, que afectan ao uso do plural por singular, ao dunha persoa por outra.
.- Plural de modestia: Nós por eu. Aínda que a persoa é singular, o locutor refírese a si mesmo cunha forma de plural, dando ao afirmado o carácter de colectivo. As normas sociais impoñen este uso sobre todo cando o emprego da primeira persoa singular pode ser entendida como mostra de arrogancia: “O traballo que nós (por eu) realizamos pretende ser unha contribución ao estudo da dialectoloxía galega”.
.- Plural de maxestade: Nós por eu. É unha forma arcaica e cerimonial utilizada por monarcas e altos cargos da igrexa: “E por todo isto, nós, el Rei, prometemos ampararvos”.
.- Fórmulas de afectividade – Nós complexivo: Nós por ti. O emisor achégase afectivamente, faise participe ou solidario co receptor: ”Que tal, señora María? Como estamos?”.
Por outra banda, o emprego de vostede por ti en situacións en que non cabe un trato deferente é frecuente nas reconvencións e ordes dadas con certa dose de afecto: “Dona Iria, veña vostede aquí e recolla o seu cuarto inmediatamente”.
.- Plural sociativo: Nós por eu. O emisor pretende compartir co interlocutor determinadas opinións, inquedanzas ou proxectos: “Encontrámonos ben, grazas = Encóntrome ben, grazas”.
.- Ti por eu. O emisor presenta con certo distanciamento unha acción implicando ao seu  interlocutor: “Cando non entendes, calas” = Cando non entendo, calo”.
.- El / Ela por eu. Fórmula ritual empregada en textos xurídico-administrativos: “D. Xosé Veiga, maior de idade, con DNI nº..., expón...”

xoves, 4 de abril de 2013