Buscar neste blog

mércores, 24 de abril de 2013

O PRONOME PERSOAL: Dativo / Acusativo





DATIVO / ACUSATIVO



Algúns verbos en galego admiten construcións con pronomes átonos de CD ou CI. De acordo con isto:
-         Certos verbos como “aconsellar, aprender, axudar, perdoar, roubar...” admiten un complemento de persoa e outro de cousa: “Aconselloulle que non fose / Aconsellouno ben / Perdooulle a débeda / Perdoouno”.
-         Nalgúns verbos (“chamar, imitar, pegar, querer, servir...”) a escolla entre o acusativo e o dativo implica diferenza de significado: “imítalle (parécese a el) / Imítao (remédao, fai coma el)”;  “Serviulle (foille útil) / Serviuno (atendeuno)” ; “Pegoulle (golpeouno) / Pegouno (uniuno)”.

martes, 23 de abril de 2013

O PRONOME PERSOAL: Os dativos de solidariedade e de interese



Os dativos de solidariedade e de interese




Baixo esta denominación englóbanse dous usos expletivos (que completan a frase sen seren necesarios para o seu sentido) dos pronomes átonos de CI. Estes pronomes non desempeñan ningunha función sintáctica, non realizan nin reciben a acción verbal, polo que, se se eliminan, non se altera substancialmente o significado do enunciado.

DATIVO DE SOLIDARIEDADE
Co seu uso o falante tenta implicar ao interlocutor nos feitos narrados ou na opinión expresada. Introdúceo na mensaxe coma se participase do dito polo emisor para implicalo máis e provocar nel unha actitude proclive á posición do emisor. Aparece só en rexistros coloquiais e denota certa afectividade.

Formas                                       un interlocutor                varios interlocutores
Tratamentos familiar                        che                                           vos
Tratamento de cortesía                     lle                                             lles

Estache ben  esta película.
Élle(s) verdade o que din.
Non che me gusta nada ese vestido.
Quédanchelle ben eses zapatos.

A súa identificación é doada porque non existe en castelán, co que ao traducir a frase a ese idioma, non pode aparecer, e ademais se o extraemos da oración, esta non altera substancialmente o seu significado.
Ás veces, aínda que raramente, poden aparecer dúas formas de solidariedade no mesmo enunciado; delas, unha ten que ser “che”: “Échevos unha boa oportunidade”.

DATIVO DE INTERESE

Este pronome refírese a unha persoa –con frecuencia o propio emisor- que, sen participar na acción verbal, ten un interese nela porque lle ocasiona un beneficio ou prexuízo, é dicir, a persoa resulta particularmente afectada pola acción verbal ou interesada nela. Presenta as formas átonas de CI, en calquera persoa gramatical (me, che lle, nos, vos, lles):
Non quero que te me movas de aquí.
Non me sexas mentireiro.
Cando lles vivían os pais estaban mellor.

Con frecuencia aparece con outros pronomes átonos:
“non gaño para roupa, ao mes ténchema desfeita”
= con tres pronomes átonos: “che” (DS), “me” (CI), “a” (CD)
Poden aparecer as catro formas:
-         E logo que che lle pasou nas gafas ao rapaz?
-         Rompéronchellesmas
= DS + CI +DI + CD

É mesmo frecuente a presenza de máis dun clítico onda o verbo. Cando isto ocorre, a orde que gardan entre si os pronomes segue normas estritas:
.- O reflexivo se, calquera que sexa a súa función, ocupa o primeiro lugar na secuencia, algo que non é extensible aos outros reflexivos: “Nótasechelle ben que está namorada / Que non se che esqueza.
Evitade, pois a construción tan usual, pero incorrecta: *Que non che se esqueza”.
.- Cando hai CI e CD vai primeiro o Indirecto: “Xa mo (me+o) dixo”
.- Se aparece un DS vai antes có CI e có CD: “Dixéronchemo (che, me+o)
.- Se hai ademais un Dativo de Interese, a secuencia sería: DS+CI+DI+CD.

Por último, aclarar que se os pronomes van enclíticos, o de solidariedade sóldase aos outros (“Entregáronchemo”), pero se vai proclítico non se solda: “Non che mo entregaron”

 

luns, 22 de abril de 2013

O PRONOME PERSOAL: Valores especiais dalgunhas formas



 Valores especiais dalgunhas formas:

No uso dos pronomes tónicos das distintas persoas pode haber desprazamentos de significación, máis ou menos funcionais, que afectan ao uso do plural por singular, ao dunha persoa por outra.
.- Plural de modestia: Nós por eu. Aínda que a persoa é singular, o locutor refírese a si mesmo cunha forma de plural, dando ao afirmado o carácter de colectivo. As normas sociais impoñen este uso sobre todo cando o emprego da primeira persoa singular pode ser entendida como mostra de arrogancia: “O traballo que nós (por eu) realizamos pretende ser unha contribución ao estudo da dialectoloxía galega”.
.- Plural de maxestade: Nós por eu. É unha forma arcaica e cerimonial utilizada por monarcas e altos cargos da igrexa: “E por todo isto, nós, el Rei, prometemos ampararvos”.
.- Fórmulas de afectividade – Nós complexivo: Nós por ti. O emisor achégase afectivamente, faise participe ou solidario co receptor: ”Que tal, señora María? Como estamos?”.
Por outra banda, o emprego de vostede por ti en situacións en que non cabe un trato deferente é frecuente nas reconvencións e ordes dadas con certa dose de afecto: “Dona Iria, veña vostede aquí e recolla o seu cuarto inmediatamente”.
.- Plural sociativo: Nós por eu. O emisor pretende compartir co interlocutor determinadas opinións, inquedanzas ou proxectos: “Encontrámonos ben, grazas = Encóntrome ben, grazas”.
.- Ti por eu. O emisor presenta con certo distanciamento unha acción implicando ao seu  interlocutor: “Cando non entendes, calas” = Cando non entendo, calo”.
.- El / Ela por eu. Fórmula ritual empregada en textos xurídico-administrativos: “D. Xosé Veiga, maior de idade, con DNI nº..., expón...”

xoves, 4 de abril de 2013

domingo, 31 de marzo de 2013

Por que Rosalía dixo que non volvería escribir en galego?

Artigo de Montse Dopico




“Ni por tres, ni por seis, ni por nueve mil reales volveré a escribir nada en nuestro dialecto, ni acaso tampoco a ocuparme de nada que a nuestro país concierna”. Rosalía de Castro estaba moi enfadada cando lle escribiu estas palabras ao seu home, Manuel Murguía, nunha carta asinada en Lestrove en xullo de 1881.
E non se sentía só doída, senón tamén fondamente decepcionada, polo que se desprende dos seus argumentos nese mesmo texto: “Se atreven a decir que es fuerza que me rehabilite ante Galicia. ¿Rehabilitarme de qué? ¿De haber hecho todo lo que en mí cupo por su engrandecimiento? El país si que es el que tiene que rehabilitarse para con los escritores, a quienes, aún cuando no sea más que por la buena fe y entusiasmo con que por él han trabajado, les deben una estimación y respeto que no saben darles”.
Malia o malestar así amosado non cumpriu, de todo, a súa advertencia. Publicou Dende as fartas orelas do Mondego no portugués Almanach das senhoras no 1885. Non houbo porén, é certo, máis libros en galego. Volveu ao castelán en En las orillas del Sar. Pero da lectura de poemas desta obra como ¡Volved!, Los robles, ¡Jamás lo olvidaré...! ou De asombro llena non se deduce que abandonase as súas inquietudes cara á súa terra.
Máis ben o contrario: remata ¡Jamás lo olvidaré! con estes versos: “mas ¡oh, Señor¡ a consentir no vuelvas/ que de la helada indiferencia el soplo/ apague la protesta en nuestros labios,/ que es el silencio hermano de la muerte,/ y yo no quiero que mi patria muera,/ sino que como Lázaro, ¡Dios bueno!,/ resucite a la vida que ha perdido;/ y con voz alta que a la gloria llegue,/ le diga al mundo que Galicia existe,/ tan llena de valor cual tú la has hecho,/ tan grande y tan feliz cuanto es hermosa.”
A tan citada misiva de Rosalía nacera en resposta ao escándalo que nalgúns xornais do país provocara o seu artigo Costumbres gallegas, publicado en Los Lunes de El Imparcial de Madrid. Nel referíase a un antigo costume dalgunhas zonas de costa galegas nas que as familias, como mostra de hospitalidade e “extrema xenerosidade”, realizarían o “sacrificio” de permitir que o mariñeiro forasteiro pasase unha noite cunha muller da casa.
Alén do debate posible sobre a explicación e a mesma existencia de tal hábito do que a creadora de Follas Novas tivo noticia, a cuestión é que foi duramente criticada por aquel texto. E a súa reacción, recollida nesa carta privada que lle dirixe ao seu marido, deu lugar ás máis diversas interpretacións. Se cadra, segundo apunta a escritora Marina Mayoral no seu limiar á edición de Castalia de En las orillas del Sar, o prematuro falecemento de Rosalía, poucos anos despois, contribuíu a darlles ás súas palabras de ira unha “transcendia enorme” que, doutro xeito, non terían.

Escribir en lingua galega no tempo de Cantares


Na carta, Rosalía remataba pedíndolle a Murguía que lle comunicase ao editor a súa resolución de non volver escribir en galego, “de una vez que a él no le conviene aceptar las condiciones que le he propuesto”. Non estaba pechándose, así, totalmente en banda. Non coñecemos tampouco o contido destas clásulas. En calquera caso, tal como sinala nun artigo na revista Grial a biógrafa de Rosalía Victoria Álvarez de Ojeda, a determinación da escritora seguía a ser mesma en 1882, e así llo fai saber Murguía a Francisco Portela Pérez cando este solicita permiso para incluír algúns versos de Rosalía nunha antoloxía.
“Se cadra a pregunta non é por que Rosalía comeza e escribir en galego e despois anuncia que renuncia a esta lingua”, explica a profesora da Universidade de Barcelona María Xesús Lama. “Porque o realmente abraiante”, -subliña-, “é que decidise escribir en galego, sen unha tradición literaria que lle servise de referente, sen alfabetización en galego, sabendo que os que falaban galego non o lían e que os poucos que lían lían en castelán. Na época de Rosalía, as elites provincialistas comezaban a reivindicar o galego, e facíano en castelán e en galego. A unión entre reivindicación da nación galega e uso do galego como lingua literaria é posterior. O monolingüismo en galego era, daquela, un ideal inimaxinable”.
O historiador Xusto Beramendi comenta, respecto disto, no seu ensaio De Provincia a nación, que na prensa galega “o normal é que, polo menos ata 1885-1890, a presenza do galego se limite á publicación moi esporádica dalgunha poesía e só moi raramente a textos en prosa, case sempre tamén literarios. Os contidos propiamente políticos, históricos ou en xeral ensaísticos adoitan transmitirse en castelán, mesmo polos propios galeguistas. Esta norma non atopa excepcións significativas, e aínda así moi escasas, ata a fase rexionalista”.
Porque a lingua de cultura seguía a ser o castelán. A literatura galega acababa de saír, practicamente, dos Séculos Escuros, e aínda non se recuperara o cancioneiro medieval. “Nos movementos de recuperación das linguas marxinalizadas, é o habitual que as elites comecen a súa actividade na lingua dominante, que é a lingua na que foron educadas. Son elites bilingües, que despois transfiren as competencias adquiridas na lingua A á lingua B, é dicir, van pasando os usos formais desde a lingua dominante á marxinalizada. Así ocorre no caso galego. Parte das elites galeguistas eran castelán-falantes, outras foran educadas en galego e eran galego-falantes. En calquera caso, o destas elites era un bilingüismo diglósico”, explica o profesor Henrique Monteagudo. 
Tampouco é nada estraño que o primeiro cultivo literario do galego correspondese á poesía. A investigadora Celia Armas precisa arredor disto que “as primeiras manifestacións dunha literatura son sempre líricas. Ademais, no contexto do campo cultural do XIX non hai outra lingua vehicular para os usos públicos que o castelán, e isto hai que entendelo como resultado dun proceso de colonización que procede de moi atrás, a chamada ‘doma e castración’. Nestas circunstancias, e axudadas polo ronsel do romantismo europeo, xermolan as primeiras reivindicacións protonacionalistas, no seo das que hai que situar Cantares Gallegos. Rosalía escolle a lingua do pobo propositadamente e sabe que o que fai é algo novo”.
E máis aínda. “Non hai que esquecer que Rosalía é a primeira muller escritora no Estado español que non utiliza seudónimo”, sinala o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira. “E non o tivo nada fácil. Vive separada do seu marido, non ten diñeiro: Emilia Pardo Bazán tiña o patrimonio ao seu nome, Pondal era fidalgo... Nun determinado momento, despois de Follas Novas, volve escribir en castelán, en En las orillas del Sar. Pero mantén o mesmo paradigma de contidos que iniciara en Cantares Gallegos. En las orillas del Sar é tan galeguista como Follas Novas. As súas ideas patrióticas son as mesmas”, sostén.
A decisión de Rosalía de escribir en galego debe ser, por outra banda, “considerada como revolucionaria; en efecto, as poesías galegas publicadas no século XIX non son moi numerosas, e a publicación dun volume enteiro de poemas en galego era unha novidade notable”, indica o profesor da Universidade de Montpellier Claude Poullain nun artigo recollido nas actas do Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía e o seu tempo, celebrado a mediados dos 80.

domingo, 24 de febreiro de 2013

Todas con Rosalía

"Rosalía non entende de donos; naceu libre e está viva".

Un grupo de escritoras galegas quixo unirse para continuar dando vida a Rosalía. Así, organizándose espontaneamente a través das redes sociais, decidiron colaborar na gravación dun vídeo colectivo no que teñen cabida escritoras e non escritoras, nenas, mozas e vellas, feministas, transfeministas, actrices, vendedoras, estudantes, afectadas polas preferentes, libreiras, mulleres contra o maltrato, mestras, profesoras, persoal sanitario, ecoloxistas... Mulleres falando de mulleres, e ao tempo, falando de todos, falando dos que aquí e agora sofren. Este vídeo coral pretende seguir o exemplo de conciencia e rebeldía da grande escritora ao recitar os seus versos desde o presente.