Buscar neste blog

mércores, 30 de xaneiro de 2013

COMENTARIO DUN TEXTO POÉTICO



Un poema é un texto literario no que predomina a función estética. A súa finalidade non é transmitir unha información, senón emocionar ao receptor. O autor expresa sentimentos persoais, íntimos, subxectivos. O poema caracterízase pola súa expresividade, que se consegue mediante a utilización de diversos recursos formais e estilísticos.
Para comentar un poema hai que analizar o contido e a forma, podendo usar o seguinte esquema:

1.- Actividades previas:
     . Comprensión do texto
     . Contextualización

2.- Análise do contido:
   2.1. Tema. Os motivos expresados no poema son sempre os mesmos ao longo da historia. Varía o xeito de tratalos, de acordo coa personalidade do autor e cos diferentes movementos literarios. Unha clasificación podería ser:
        I.            Temática lírica: incide na expresión dos sentimentos íntimos do poeta no tocante á vida e á norte, ao amor e desamor, á natureza ou ao alén.
      II.            Temática satírica: procura a través do humor e a caricatura a ridiculización de individuos ou institucións.
    III.            Temática costumista: conta costumes, crenzas e tradicións populares
    IV.            Temática social-patriótica. Pon de manifesto o compromiso do poeta co seu tempo, coa súa terra e coas súas xentes.
      V.            Temática fantástica: glosa lendas, situación ou acontecementos extraordinarios.

·         Tema principal
·         Tema(s) secundario(s)
    2.2. Argumento: conxunto de acontecementos ou situacións que se tratan no texto.

    2.3. Estrutura: A estrutura é a disposición e a relación entre os elementos que compoñen o texto. Debemos tentar descubrir como estableceu o autor esas relacións. Pode ser de dúas clases, externa e interna, e adoptar formas moi variadas.
.- Externa: organización ou disposición visible e explícita do texto en partes diferenciadas, en estrofas…
.- Interna: organización ou disposición latente e implícita dos elementos do texto. Debemos tentar descubrir a forma como se organiza o tema e os subtemas no texto, en núcleos independentes, pero relacionados entre si, cumprindo diversas funcións que poden ser de situación espacial ou temporal, de contraste, de amplificación, de intensificación, etc.

3.- Análise da forma: Se no apartado anterior vimos o que se di, agora analizaremos como se di a través do estudo dos niveis gráfico, fónico, morfosintáctico e léxico-semántico.
         3.1.  Nivel gráfico: Comprende fenómenos perceptibles a través do visionado do texto escrito, como a disposición do espazo, a tipografía, a ortografía, a caligrafía…
        I.            Disposición en verso: fronte á prosa na que, en xeral, as liñas interrómpense polo límite do espazo natural ou pola norma ortográfica, na poesía temos liñas interrompidas polo seu remate, independentemente de que este coincida ou non co límite de espazo material ou coa norma ortográfica.
      II.            Disposición en forma figurativa: organización visual do texto en forma de debuxo, que pode ser tipográfico (debuxo realizado con caracteres de imprenta) ou caligráfico (debuxo realizado mediante caracteres escritos a man)
    III.            Disposición acróstica, mesóstica e teléstica: letras iniciais, medias ou finais, respectivamente, de cada verso dun conxunto que compoñen unha palabra ou frase ao ser lidas verticalmente.

3.2.     Nivel fónico: Comprende fenómenos perceptibles a través do son, como os fonoestilísticos (aliteración, onomatopea, paronomasia), e os métricos (cómputo silábico, verso, rima, ritmo, estrofa, poema non estrófico)

3.3.     Nivel morfosintáctico: Comprende fenómenos producidos pola especial frecuencia, colocación ou relevancia de elementos morfolóxicos e sintácticos. Poden producirse por omisión, acumulación, recorrencia, concordancia e distribución.

3.4.     Nivel léxico-semántico: Comprende o vocabulario e o significado e sentido das palabras, así como os tropos e as figuras retóricas de base semántica.

4.- Comentario crítico

"Cando era tempo de inverno"

martes, 29 de xaneiro de 2013

"Negra sombra"


Tamén en catalán:



Novo disco de Taru:

:

Rosalía no Faro de Vigo ou os inicios da manipulación

Por Manuel Rodríguez Alonso

            O segundo artigo en que se comenta Cantares gallegos tras a súa edición é o que lle dedica José María Posada en Faro de Vigo de 26-VIII-1863, só once días despois do de López dela Vega, que analizamos nunha achega anterior.
José María Posada, xunto co seu curmán José Carvajal y Pereira, fundara Faro de Vigo en 1852 e apareceu o seu primeiro número o 3 de novembro de 1853. Posada nacera en Vigo en 1817. Tras abandonar os estudos de Teoloxía, estudou Dereito en Santiago. Pertence, xa que logo á xeración anterior á de Rosalía e Murguía. Nos anos universitarios de Santiago foi membro da Academia Científico Literaria xuntamente cos Añón, Romero Ortiz, Domínguez Izquierdo, Rúa Figueroa ou os irmáns Faraldo. Xa nos anos mozos e universitarios colabora en El Idólatra de Galicia e El Recreo Compostelano.
Posiblemente, quen mellor penetrou na figura e pensamento de Posada foi Rafael Chacón nun breve estudo que lle dedica no número 100 de Grial a propósito dunha carta que Rosalía lle remitiu a Posada o 23 de xuño de 1868, que reproduce neste estudo Rafael Chacón.
Posada, á parte de xornalista, foi poeta en galego e castelán ou autor de obras en prosa castelán como Un paseo de Vigo a Bayona (1866). Faleceu segundo algúns en Pontevedra en 1886, aínda que Chacón sitúa esta data en 1882. Martínez Salazar, en 1888, e na Biblioteca Gallega, publicou, xa morto Posada, Poesías selectas, que reunía poesía en galego e castelán do escritor e xornalista vigués.
Posada publicara en 1865 un libriño de poesías en castelán, que lle remitiu a Rosalía. A devandita carta de Rosalía, en que lle agradece o envío do libro, é de 23 de xuño de 1868.
Como ben sinala Chacón, Posada sentíase vinculado a Rosalía porque a súa poesía era expresiva do que o propio Posada chamaba o mal du siècle, é dicir, o sentimento de desengano e pesimismo, na liña romántica de Madame de Stäel, Chateaubriand e Lamartine, que Posada, como ben sinala Chacón, atribuía a unha reacción cristiá-romántica fronte ao materialismo que trouxera o século XVIII. Engade Chacón que no libro de 1888 aparece un poema titulado “A Rosalía de Castro”, da que Posada se sente poeticamente irmán (Grial 100, páx. 288).
Posada aparece tamén representado no Álbum de la caridad polo seu poema “Flores de mayo”, en castelán, e de ton relixioso convencional.
Como xa vimos e ben sinala Chacón, Posada en relixión ou política era un católico conservador. Sabido é que Faro de Vigo, fronte á progresista La Oliva dos Chao-Compañel-Murguía, naceu para defender os intereses dinásticos e, como ben sinala Chacón, no devandito artigo foi órgano dun dos caciques provinciais, Elduayen. Ben é certo que Posada rematou os seus días en Pontevedra desenganado da actividade política e convertido nun misántropo, por estes desenganos políticos.
Xa que logo, Posada cara a 1865 cando publica este libro e malia pertencer a unha xeración anterior á de Rosalía, considera a esta unha mestra na poesía e, por iso, lle envía o libro, como ben sinala Chacón.
Mais Posada era un exemplo do que algúns denominan romanticismo conservador e católico, como xa vimos e ben sinalou Chacón no devandito artigo. E iso vai condicionar a súa interpretación dos Cantares gallegos.
Xa no primeiro parágrafo, por mais que Cantares sexa un libro en galego, Posada quere deixar claro que o poemario debe entenderse dentro dunha España unitaria: Cuando damos a nuestro corazón un pasto tan saludable… como los Cantares gallegos… no podemos menos que bendecir nuestro nativo país, que en honor y gloria de España produce inteligencias tan distinguidas y almas tan sensibles…
Posada valora o poemario de Rosalía porque no solo hace una pintura fiel de la bella Galicia, sino que describe con maestria las buenas costumbres de sus habitantes y expresa con el tacto más exquisito los nobles y delicados sentimientos del corazón gallego.
Xa que logo poesía paisaxística e que é valorada, porque fronte aos novos costumes urbanos, presenta unha sociedade idílica, coma do Antigo Réxime, chea de labregos felices e de bos sentimentos. A seguir, o crítico presenta Galicia como o tópico locus amoenus. A poesía popular galega, para Posada, únese á relixión nas festas que se celebran nos seus numerosos santuarios: ¿Y sus religiosos santuarios en que una piedad sin ejemplo agrupa tantas comarcas entre músicas y cantares tiernos y edificantes, que surgen de corazones en que rebosa esa vida y energía inagotables, que solo da el sentimiento religioso?
            Deste xeito, Posada entra xa na manipulación da poesía de Rosalía, subliñando  o paisaxismo e o popular, entendidos como locus amoenus habitado por campesiños católicos e sinxelos. Unha especie de Arcadia conservadora, moi do gusto de Posada e dos conservadores do seu tempo, e lonxe do socialismo utópico, o krausismo e outras ideoloxías progresistas, que como veremos noutras entregas, pesaban decisivamente en Cantares gallegos.
A seguir defende Posada o galego, mais non por arela normalizadora, como algúns poden pensar, senón polo que podemos chamar, seguindo aos clásicos, decoro ou harmonía entre o tipo de lingua utilizado e máis o tema tratado. A unha sociedade primitiva e rural, mesmo arcádica, correspóndelle un dialecto campesiño e sen normalizar e tamén sen presenza na chamada literatura culta: Ha cantado Galicia con la misma voz melodiosa de Galicia, para formar de sus variados cantares un todo armonioso; un todo verdaderamente gallego.
Este camiño será seguido, como veremos tamén no seu día, pola Pardo Bazán ao analizar a poesía do Rexurdimento.
Pon Posada como exemplo de poema logrado o de ¡Airiños, airiños aires”. Este poema xa se publicara no Álbum de la caridad co título de “Terra a miña”, que na edición de 1863 en libro desaparece e será coñecido definitivamente polo primeiro verso do cantar que glosa.
Posada reproduce o poema enteiro e sinala que no poema parece que el alma se deshace en amor por todo lo que más adora… É dicir, Posada agocha o forte contido social do poema, pois está posto na boca dunha emigrante que se laia de estar lonxe da súa terra, cultura e persoas que ama. Carballo Calero di que este poema, xunto cos XV, XVIII XXVIII da edición de 1872 e a resposta a Aguilera, son as que chamaremos poesías sociás ou patrióticas (Historia da literatura galega contemporánea, páx. 169). É dicir, que Carballo pon este poema, en canto a protesta social, á par de “Castellanos de Castilla”, a XXVIII.
Xa que logo, a crítica de Posada é a segunda, tras a de López de la Vega, xa vista na entrega anterior, que se publica nun medio galego despois da edición de Cantares. Na prensa galega contemporánea de Cantares xa non haberá máis artigos dedicados ao poemario que abre o Rexurdimento. Os comentarios que aparecerán en 1863 e 1864 (os de E. Escalera, Francisco de Paula Canalejas e Ruiz Aguilera) sairán na prensa madrileña.
Posada, ademais, inaugura a crítica conservadora sobre Rosalía, subliñadora do popular, paisaxístico e ata cunha esaxeración da relixiosidade, agochando todos os aspectos conflitivos da obra de Rosalía, comezando polo da protesta social. Reproduce un dos poemas sobre a emigración, que todos os rosalianos consideran tipicamente social e baseado na emigración para desvirtualo como un poema [no que] el alma se deshace en amor por todo lo que más adora… Se usa o galego é sobre todo porque a unha poesía popular rural e inxenua lle convén, de acordo coa tradición retórica do decoro, un dialecto tamén rural e propio de campesiños. Ademais que ninguén se engane: aínda que aparezan o galego e Galicia, esa diferenza só se pode entender asumindo a unidade de España e serve para gabar precisamente a patria española común, diversa mais unha soa, na liña do que será posteriormente o regionalismo ben entendido. Por aí transitaría a interpretación da condesa de Pardo Bazán ou dos grandes defensores do regionalismo bien entendido como o célebre, arquilido e superinfluente Jaime Solá… e a súa tan exitosa revista Vida gallega.

luns, 28 de xaneiro de 2013

A primeira crítica a Cantares gallegos

Por Manuel Rodríguez Alonso

             Cando nunha entrega anterior analizamos a recepción de Cantares gallegos a partir dos datos que nos achegan as cartas a Murguía publicadas por Barreiro e Axeitos, Paz Novoa, nunha destas misivas, a do 30 de agosto de 1863, falaba dos Zoilos que se metían cos Cantares: Que viva satisfecha de su obra, destinada a vivir perpetuamente. Y que esté tranquila y no haga caso de los Zoilos (I, páx. 203). Nesa entrega tamén citabamos a testemuña de Ramón Segade, que en carta a Murguía de 26 de febreiro de 1864 se laiaba do silencio con que a prensa galega recibira os Cantares:  En cuanto al libro de los Cantares, he visto efectivamente y con sorpresa que nada decían los periódicos; pero de esto lo creo a U. culpable y diré porqué; U. vio que le habían ofrecido hablar los sujetos que U. nombra… y U. se quedó callandito, esperando que ellos abrieran la boca; monte U. a caballo de ellos, y puesto que ni lo bueno se lo empuja, sino empujando a la vez; empujar y darle hasta cansarse; yo creo que este es el método (I, páx. 226).
Por iso, cómpre agora analizar os comentarios críticos que se publicaron tras a primeira edición de Cantares gallegos (1863). Hoxe comezaremos co primeiro deles.
O primeiro destes comentarios ou críticas foi o de J. López de la Vega, nos números 16 e 17 de Galicia. Revista universal de este reino, de 15-VIII-1863 e 1-IX-1863. Os números da devandita revista, da que xa falamos na entrega anterior, poden consultarse na web da Real Academia Galega. Quen prefira consultar as críticas de López de la Vega en formato convencional de libro pode atopalas reproducidas en En torno a Rosalía, de Alonso Montero (Ediciones Júcar, 1985) e no máis recente Rosalía e Murguía na procura da patria soñada, de Diego Pardo Amado (Edicións Lóstrego, 2011), aínda que neste último falta a parte final do segundo dos artigos.
López de la Vegaera un colaborador habitual da revista dos irmáns De la Iglesia.Publicara, entre outros textos, unha serie de artigos sobre as relacións entre a poesía galega e mais a portuguesa, como ben sinala e estuda C. A. Molina no seu libro sobre a prensa literaria galega (Prensa literaria en Galicia (1809-1920). Xerais. 1989)
López de la Vegarelaciona os Cantares rosalianos coas baladas de Barrantes e cos cantares de Trueba. Veremos a relación con Trueba polo miúdo nunha futura entrega, cando falemos do célebre prólogo dos Cantares. Mais agora temos que tentar explicar por que motivo relaciona o comentarista os Cantares gallegos coas Baladas españolas de Barrantes.
Barrantes, como Trueba, Selgas, Augusto Ferrán, pertence a ese grupo dos que alguén chamou prebecquerianos, que están moi influídos polo romanticismo alemán, especialmente polos lieder e, despois, polas traducións de Heine en El Museo Universal (1857) debidas a Eulogio Florentino Sanz. Non esquezamos que en 1858 Rosalía asina co pseudónimo Lieders as súas prosas de 1858 en El Álbum de El Miño.
Fronte á poesía sonora do romanticismo dun Espronceda, proponse unha poesía sinxela que canta cunha linguaxe popular sentimentos facilmente asimilables por todos. Este tipo de poesía sinxelo e emotivo é o da lírica popular. Cómpre xa que logo afirmar que Rosalía está moi influída polas concepcións poéticas deste grupo de El Museo Universal. Reparemos en que o primeiro poema en galego de Rosalía, o célebre “Adiós qu´eu voume” publicouse en 1861 precisamente en El Museo Universal, un dos voceiros desta lírica, que ademais, nunha sorte de paniberismo, pretendía espallar a lírica popular de toda a Península. Por outra banda, Murguía no remate dos cincuenta e comezos dos sesenta era colaborador habitual de El Museo Universal, así como amigo dun dos seus grandes animadores, Ventura Ruiz Aguilera.
O comentarista non pasa por alto esta relación con Heine, pois subliña López de Vega que os versos de Rosalía son comparables a los más tiernos de Heine. Como quería Barrantes, non aparece o amor zafio dos romances cos seus crimes pasionais, senón unha paixón delicada y el sensualismo recibe con ella una derrota.
O grupo de El Museo Universal, no que cómpre incluír, como é lóxico a Ruiz Aguilera, tan relacionado coa parella Murguía-Rosalía, cría que a poesía tiña, á calor das ideas krausistas, que valoraban tanto a educación do pobo, unha función educativa e ata propagandística das ideas democráticas e progresistas de cara ás clases populares. De aí que gabasen a auténtica lírica popular, de sentimentos sinxelos e positivos, e rexeitasen a truculencia, crimes, adulterios…, que propagaban os cantares de cego, por exemplo. Fixémonos, en que ao falar López de la Vega do poemario A mi madre, relaciona este coa elexía que Ruiz Aguilera compuxo na honra dunha súa filla morta. Esta era a poesía que debía ler ou escoitar o pobo: sentimentos sinxelos, positivos e nunha linguaxe cotiá e sen expresións nin vulgares nin malsoantes. Era a alternativa aos cantares de cego, romances e pregos de cordel de crimes, adulterios, roubos e ladróns heroicos.
Xa que logo, poesía popular si, pero xa non é a inxenuidade que se lle atribuía nas presentacións de Cantares que vimos na entrega anterior. A lírica popular anónima está depurada e recreada polos cultos, coa pegada de autores como Heine e, ademais, dentro do espírito pedagóxico krausista, que tamén animaba El Museo Universal.
Podemos afirmar que López de la Vegainclúe a poesía de Cantares gallegos  dentro desa nova poesía íntima, sinxela, moi influída por Heine e o romanticismo alemán, polos lieder e baladas, que recibía o nome despectivo de suspirillos germánicos. Era, como quería Ruiz Aguilera, unha poesía pedagóxica e educadora para o pobo e que tentaba substituír os romances de cego e pregos de cordel coas súas truculencias e ata exemplos inmorais e sempre dentro dunha liña dun certo progresismo-krausismo.
Así, López de la Vega, di que a autora se inspira nas ternuras y pesares de la gente rural de Galicia…, emanación de la más encumbrada fraterindad y amor, para hacer la dicha de nuestros campesinos, relatando sus más íntimas afecciones. Evidentemente, que a fraternidad do texto podemos entendela, nun sentido conservador, como caridade, mais tamén como continuación do lema da Revolución francesa, que asumirán plenamente krausistas e socialistas utópicos: Libertade, Igualdade, Fraternidade.
López de la Vegaanaliza o poema 4 (“Cantan os galos pra o día”) onde subliña como el sensualismo recibe con ella una derrota victoriosa. O amor de Cantares, segundo o seu primeiro comentarista e crítico, non é o concupiscente, que podería ofrecer a literatura vulgar de cordel, senón unha mestura de harmonías. Segundo López de la Vega este amor mestura armonías fisiológicas, las fruiciones del pensamiento y la ternura de los afectos santos. É dicir, estamos perante unha concepción do amor que pode asumir perfectamente un católico tradicional, mais tamén é unha concepción do amor tipicamente krausista, que consideraban que a harmonía entre os contrarios era o principio reitor de toda ética. Non esquezamos que a difusión do krausismo no ambiente cultural e literario español comezara  tras a viaxe a Alemaña, en 1841, de Julián Sanz del Río, que publicará en 1860 a tradución da obra máis importante de Krause: Ideal de la humanidad para la vida.
A seguir López de la Vegagaba o poema de Nosa Señora da Barca, que xa aparecera publicado no Álbum de la caridad. Ve a romaxe como expresión da fe popular galega e di que os campesiños merecen esta homenaxe como base de la riqueza pública. E de novo volvemos topar coas ideas que informaban a concepción poética de Ruiz Aguilera e os autores ligados a El Museo Universal. A poesía, como sustentaba o propio Ruiz Aguilera, non só debe entreter as clases populares, senón tamén amosar as súas duras condicións de vida en moitos casos e tratar de melloralas, recoñecerlle ao pobo a súa importancia. Fixémonos en que este poema xa fora publicado no Álbum de la caridad, co titulo de “A romaría da Barca”
O seguinte poema comentado por López de la Vegaé “Quíxenche tanto meniña”. A crítica actual non se ten demorado demasiado neste poema. Métese no saco dos que expresan, ao xeito popular o amor. Carballo Calero na súa Historia da literatura galega, que segue a ser a fonte onde seguen a beber moitos aínda que sen o diciren, inclúe este poema no grupo dos monolóxicos,,, cauce de expresión do lirismo amoroso popular (páx. 167).
Máis banal aínda resulta o comentario que lle merece este poema a Francisco Rodriguez: É un mozo que desexa, en monólogo anguriado, o afogo no rio da moza que traidoramente burlou o seu amor (“Tan bo camiño ti leves / como o caravel levou ) (Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro. AS-PG. Páx. 224).
A historia da literatura que hoxe é máis recomendada aos nosos universitarios analiza (a de Tarrío Varela, en Xerais) analiza Cantares facendo unha simple paráfrase, para peor, das posturas de Carballo e só ve Cantares gallegos como poesía folclórica e popular.
Mais, na súa recensión, López de la Vega, relaciona o poema co idealismo e coa paixón amorosa de Ovidio, cos madrigais de Víctor Hugo e mais coas baladas de Moore. Cómpre dicir antes de nada que este poema tamén fora publicado no Álbum de la caridad co título de “O caravel negro”.
Evidentemente, un dos temas de Ovidio, especialmente nas Heroidas, é o da ausencia ou da infidelidade amorosas. En canto ao madrigal podemos incluír o poema neste subxénero, posto que estamos perante un poema breve que expresa un sentimento amoroso nun ámbito natural e dun xeito delicado, aínda que o poema rosaliano sexa un romance. Relaciona tamén López de la Vega o poema coas baladas de Moore, é dicir, debe de pensar nas Irish Melodies do poeta irlandés.
Xa que logo, poesía popular, pero tamén culta. Os textos das presentacións, que vimos na entrega anterior, trataban a Cantares como un libro de poesía popular, mesmo eran simpáticas producciones. O propio Murguía na tamén vista referencia do Diccionario de escritores galegos só se refería a este carácter de lírica popular.
Mais López dela Vegaé un lector que ve algo máis. Non esquece que o poema está baseado nun cantar popular, pero hai máis. Lembra poetas cultos como Ovidio, Víctor Hugo ou Moore.
A seguir analiza o comentarista a concepción do amor que subxace no poema. Está claro que a ingratitude amorosa e mesmo a crueldade da amada é un tema que é propio da literatura popular. Mais tamén é certo que a traizón, a mentira e a crueldade da amada é un tema moi heineano, de Intermezzo. Sen nomear o poeta alemán, o comentarista de Galicia identifica perfectamente este tipo de amor: conociendo que la ingratitud suele ser el premio del amor del poeta concluye con esta sentida queja que revela un dolor sin límites… Esta decepción amarga es la semblanza perfecta de cuanto puede sentir un corazón abandonado por la ingratitud y hasta injuriado por la mentira.
López de la Vegasoubo ver perfectamente o sentido deste poema. O amor da rapaza é un simbólico caravel negro, que o mozo tira para o río. Mais ese caravel posiblemente non afonde. É a lembranza da dor, que nunca se supera, que non se dá esquecido, en definitiva, o anuncio da negra sombra. Por iso, chama a atención que un crítico moderno interprete o caravel negro ao pé da letra e non como un símbolo: É un mozo que desexa, en monólogo anguriado, o afogo no rio da moza que traidoramente burlou o seu amor (Rodríguez Sánchez: Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro. AS-PG, 1988, páx. 223-224).
A seguir o crítico de Galicia examina “Campanas de Bastabales”. Se en casos anteriores relacionaba o poema con figuras da litertura universal como Heine, agora vai inscribir a obra de Rosalía facendo referencia a outra das tres coroas do Rexurdimento: Eduardo Pondal.
Sinala deste xeito que “A campana de Anllos” presenta a mesma tríade que glosa “Campanas de Bastabales, aínda que en Rosalía aparece o termo soidades e en Pondal o castelanismo soledades: Campanas de Bastabales, / cando vos oio tocar/ mórrome de soidades. O poema de Pondal fora publicado no Álbum de la caridad co titulo de “El canto de un brigante. A Campana d´Anllons”.
O comentarista considera, dun xeito moi tradicional, o son das campás unha chamada relixiosa á oración e indica que serve para amosar o sentimento relixioso da dulce cantora. Concibe a relixión o crítico como o remedio para salvarnos de cataclismos terribles, estimulándonos a orar, conduciéndonos, por decirlo así, al puerto de la dicha.
Comenta así mesmo López de la Vegaa célebre “Castellanos de Castilla”, que di erradamente que é o número 4 do poemario de 1863, aínda que realmente é o 25. O comentarista asume o carácter social deste poema e ata di o seguinte: Si esta poesía fuese repartida a todos los gallegos que insisten en ir a enfermarse a Castilla, en la época de la siega, no era posible que dejasen de conocer cuanto más partido sacarían de trabajar en su país, y bendecirían a la autora del aviso. O poema farase célebre polo alporizamento que suscita en Ruiz Aguilera no seu comentario a Cantares, de 1864, que veremos en achegas futuras. Este poema tamén irritará a Unamuno, que chegará a escribir, como ben reproduce Alonso Montero no seu En torno a Rosalía (Júcar, 1985): ¿En que los trataban mal [os casteláns]?No. Eran ellos los que se trataban mal para ahorrar los cuartos y luego gastarlos alegres y rumbosos en su terra, porque no hay nada máis rumboso, ni menos avaro, ni más alegre, que un aldeano gallego. Todas esas morriñas de la gaita son cosas de los poetas. Madariaga, tamén reproducido neste mesmo libro por Alonso Montero, afirma: Este poema contiene cuartetas enteras que Rosalía no debió haber escrito ni menos publicado.
O poema fora publicado no Álbum de la caridad co título “Castilla”.
López de la Vegaanaliza despois “A gaita gallega”, a resposta ao célebre poema que en 1860 publicara en El Museo Universal Ventura Ruiz Aguilera e dedicado a Manuel Murguía. Tamén o publicará en 1863 Galicia, no número 15 de 1 de agosto. Conclúe dicindo que o poema de Rosalía é unha axustada resposta a Ruiz Aguilera: Eu podo dicirche /Non canta que chora. Esta es una respuesta admirable, que simboliza el dolor que aflige al pueblo rural gallego, cuya gaita es la expresión de su tormento.
Nunha liña moi convencional e de época considera o poema 18 (“Ora, meu meniño, ora”) expresión do instinto maternal da poeta e alcúmao de himno maternal.
Tamén considera o 13, “Adiós, ríos; adiós, fontes”, xa comentado aquí nas primeiras entregas, un recuerdo bellísimo de la patria, que no expresan mejor aquellas palabras de los fugitivos de Troya, de todos conocidas…
Mais a seguir critica que moitos non valorarán nin tan sequera lerán estes poemas de Rosalía, pois no a todos les es dado comprender el Est dulcis moriens reminiscitur Argos, ni la fusión a que aspiran todos los sentimientos de solidaridad y amor. Por eso no todos leerán las poesías de Rosalía de Castro, nin aun en este país… A seguir di que Nosotros…, entusiastas por todo lo bello y lo justo, no podíamos sustraernos de escribir estas humildes líneas, so pena de lastimarnos profudamente… E aínda engade que Rosalía xa era abondo coñecida antes de publicar este libro: la autora de los Cantares gallegos es demasiado conocida en la república literaria por otras producciones que ya le han granjeado la admiración de los inteligentes. Di que non faltarán os espíritus frívolos… que tengan envidia de su rico numen… e reproduce a estrofa inicial da segunda parte do poema “Non che digo nada”.
López de la Vegagaba así mesmo o poema 23 da edición de 1863. É a historia de Vidal (“Aló no currunchiño máis fermoso”). Subliña como aspecto máis salientable que está versificado en cadentes octavas reales, que nada tienen que envidiar a las castellanas de cualquier composición selecta. Despois, engadirá que ao usar este metro culto, Rosalía non só amosa tamén a súa habelencia nos metros cultos e non só nos populares, senón tamén a aptitude do galego para a lírica culta: La composición está escrita en octavas de arte mayor… dando así prueba de su numen levantado y de la riqueza del idioma gallego, que sólo necesita talentos que sepan cultivarle…
“Alborada”, o número 30 da edición de 1863, é relacionado polo crítico co celtismo: Parece un canto de las montañas de Escocia, con todo el misterio de una felicidad reservada para las almas célticas, que viven de las armonías de la naturaleza…
Xa que logo, no seu comentario, o primeiro que se fixo a Cantares gallegos, López de la Vega asume o carácter popular dos poemas de Rosalía, tamén comeza a forxar a imaxe da Rosalía santiña coa súas alusións ao sentimento relixioso, por exemplo, de “Campanas de Bastabales” ou enxalza de xeito moi tradicional o sentimento maternal como propio da muller e de Rosalía a propósito de Ora, meu meniño, ora. Incluso alude como mérito da poeta o seu carácter de filla, esposa e nai amantísima, como xa fixera Murguía no artigo dedicado a Rosalía no Diccionario de escritores gallegos: y méritos para que la autora, madre y esposa amantísima, como fue hija cariñosa, sea querida de todas las almas privilegiadas. Certamente, que non diría isto se Rosalía, fose un home…
Mais López de la Vegave algo máis ca poesía neopopular ou glosa de cantares da lírica tradicional anónima. Relaciona claramente a poeta co romanticismo alemán de Heine e co movemento lírico artellado arredor de medios como El Museo Universal. Descobre a concepción tráxica do amor e mesmo da vida a propósito de “Quíxente tanto, meniña”, cousa que non son quen de advertir moitos críticos actuais. Rosalía non está soa na restauración da lingua e literatura galegas, pois cita outro dos grandes fitos deste Rexurdimento: Pondal e “A campana de Anllóns”. Subliña o emprego da octava real como mostra da aptitude do galego e máis da poeta non só para a poesía neopopular, senón tamén para a literatura culta.  Non lle cabe tampouco ningunha dúbida do carácter de Rosalía como poeta cívico e ata nacional.
Deste xeito, no remate do artigo sinala que a poeta ama con frenesí el suelo donde nació. Por iso o que hai que facer é adquirir sus obras, ya que otra recompensa no puede dársele. López dela Vega suxire que mercar literatura galega é un deber patriótico, como se pensará ata o remate da década dos setenta do pasado século.
Por outra banda, indica que en Francia se esgotan as edicións de Lamartine, que en Alemaña se venderon 22 000 exemplares das poesías de Heine en menos de dous días ou que en Nova York se venderon un millón de exemplares do himno a Lincoln de C. Coronado ou que tamén se venden a feixes os libros de versos que cantan o heroísmo de Polonia.
Por iso, os galegos, se son patriotas de verdade, deben mercar Cantares é a conclusión de López de la Vega: Pues bien: si en Galicia se comprasen algunos cientos de ejemplares de los Cantares gallegos, ¿qué extraño sería? Un país con una famosa universidad, con academias y liceos, con periódicos y libros, no debe quedar atrás de la misma Cochinchina, que lee con avidez los versos de su emperador Tu-Duc. No se trata de un libro estéril, de un libro con hojas, pero sin ideas: se trata de una joya literaria, digna del renombre de la posteridad y del homenaje ferviente de sus contemporáneos.
Abofé, que acertou López de la Vega na primeira crítica a Cantares gallegos escrita só tres meses despois da publicación do poemario.

Os anuncios-presentación de Cantares gallegos

Por Manuel Rodríguez Alonso

Falabamos días atrás neste blog das reaccións que suscitou a publicación de Cantares desde a perspectiva das cartas recibidas por Murguía.
Mais sería tamén útil examinar os anuncios-presentación da obra que se publicaron por Compañel, na cuberta dunha das entregas do Diccionario de escritores gallegos de Murguía (1862) e tamén en Galicia. Revista universal de este reino.
Compañel na cuberta dunha entrega do Diccionario de escritores galegos de Murguía, en 1862, publicaba o seguinte anuncio-información sobre os Cantares gallegos: Cantares Gallegos por Rosalía Castro de Murguía. En prensa este notable libro, cuyo interés es tan alto, y en el cual se glosan con la mayor sencillez, propiedad y poesía los Cantares populares gallegos, se remitirá a los señores suscritores tanto pronto como esté concluida su impresión. Debemos advertir, que no tirándose más ejemplares que los necesarios para cubrir las suscripciones, serán muy pocos los que queden para la venta. Forma un precioso volumen en 8.º francés, letra compacta y clara y papel satinado. Precio de cada tomo, 16 reales en la Península. En La Habana, 30.
No anuncio de Compañel hai xa un primeiro dato que vai condicionar a recepción de Cantares gallegos, crea un horizonte de expectativas que inclúe o poemario dentro da lírica de inspiración popular, das baladas tan gabadas por El Museo Universal e o seu círculo, que partían de cantares populares que glosaban, con sencillez, propiedad y poesía. Era a poesía, que desde as páxinas desta publicación e outras similares, defendían os que se opoñían á poesía altisonante e solemne dos Rivas, Espronceda ou Zorrilla e na que figuraban, como xa sinalamos nunha entrega anterior, figuras como Ruiz Aguilera, Trueba, Cañete-Selgas, Eguilaz-Barrantes ou o propio Bécquer. A mesma liña é a que mantén o propio Murguía nos tres artigos publicado en El Museo Universal baixo o título de “Poesía gallega contemporánea” (o 30-01-1858, o 28-02-1858 e mais o 30-03-1858), que examinaremos nunha próxima entrega.
O lector interesado pode acceder doadamente a este texto consultando o libro de Alonso Montero En torno a Rosalía (Ediciones Júcar, Madrid) ou ben Rosalía de Castro. Estudios sobre a vida e obra          , de Andrés Pociña e Aurora López (Laiovento).
Na edición de 1862 do Diccionario de escritores gallegos de Murguía, tamén publicado por Compañel e hoxe fácilmente accesible en Galiciana Digital, pode lerse o seguinte anuncio, máis breve ca o anterior, pero que incide na mesma liña: Cantares Gallegos por Rosalía Castro de Murguía. Se ha publicado este notable libro, cuyo interés es tan alto, e en el cual se glosan con la mayor sencillez, propiedad y poesía los Cantares populares gallegos. Se remite franco de porte a los señores que lo pidan, mandando sellos o libranza de fácil cobro su importe. Forma un precioso volumen en 8.º francés, letra compacta y clara y papel satinado. Precio de cada tomo, 16 rs. en la Península.- En La Habana, 30.
Nesta mesma obra,  Murguía, di na entrada dedicada a Rosalía de Castro: Cantares gallegos… Este tomo de versos escrito en dialecto gallego fue acogido harto favorablemente como lo indican los artículos críticos que aparecieron en los periódicos de Galicia y Madrid, en los cuales prodigan a su autora las más lisongeras alabanzas. Fácil nos sería copiar algunos párrafos, pero renunciamos a esta, para nosotros, gratificante tarea por razones que comprenderá fácilmente el lector sin que las indiquemos… (páx. 185).
O certo é que o Diccionario é de 1862, mentres que a publicación de Cantares será de 1863.
Visto o visto, nestes anuncios de Compañel, xa temos integrado o libro dentro da poesía de raíz popular, que glosa cantares. Ademais ten como notas característas a sencillez, propiedad y poesía. Dentro desta liña de defensa da poesía popular que se facía desde El Museo Universal e publicacións similares, incluída a dos colaboradores de Galicia. Revista universal de este reino, como José López de la Vega, como veremos nunha próxima entrega, dise que posúe sencillez (é dicir, coma o poesía popular, usa unha lingua accesible para todos e uns sentimentos tamén doados de compartir por todos, ao xeito da lírica popular). A propiedade refírese á lingua popular, máis ceibe de expresións vulgares ou malsoantes, lonxe das coplas de cegos, como tamén propuñan os Ruiz Aguilera e demais publicistas de El Museo Universal, comezando polo propio Murguía. En canto á poesía, esta debe entenderse dentro da devandita tendencia, como expresión dunha emoción ou sentimento sinxelo e sincero, que vivía agochado no pobo e non na poesía romántica altisonante dos Espronceda e Zorilla e que se relacionaba sobre todo coa muller e a sensibilidade feminina, como sinalaba o propio Murguía nun dos seus artigos sobre a poesía galega contemporánea, publicados en El Museo Universal en 1858. En definitiva, era o célebre poesía eres tú, de Bécquer.
Era, evidentemente, unha concepción machista porque reserva o sentimento e a emoción para a muller, mentres que o raciocinio era propio do home. Nos devanditos artigos Murguía chega a dicir que as autoras das coplas populares ben poderían ser mulleres, pola súa sensibilidade especial para estes temas (como xa dixemos veremos eses artigos de Murguía no seu día).
Os seguintes anuncios-presentación van saír en Galicia. Revista universal de este reino. Esta revista publicábase quincenalmente na Coruña desde o 1 de outubro de 1860 e o director responsable era D. Antonio María de la Iglesia e estaba editada polo seu irmán D. Francisco. Foi a primeira gran revista cultural de Galicia e tamén é considerada a revista que simboliza o Rexurdimento. Dedicaba, nos primeiros números, un 25% do seu espazo á poesía galega, que pasará a ser un 40% tras a publicación de Cantares gallegos. O derradeiro número da revista publicouse o 15-12-1865. Foi ademais a promotora dos célebres Xogos Florais de 1861. De Rosalía, en galego, publicou os poemas “Adios qu´eu voume”  (15 de agosto de 1862) e “A gaita gallega” (1863).
No número 9 de 1 maio de 1863 o propio director Antonio María de la Iglesiapublica xa na súa sección “Movimiento literario de Galicia” unha nota sobre os Cantares gallegos onde di: Los Cantares Gallegos, por la estimable poetisa Rosalía de Castro, Vigo, imprenta de J. Compañel, 1863, volumen en 8º francés son tan dignos de la atención pública que nos parece imposible que leídos una vez o parte de ellos, haya una persona regular que no trate de adquirir tan simpáticas producciones.
Segundo Alonso Montero (En torno a Rosalía, Ediciones Júcar, Madrid) os números 16 e 17  de Galicia, de 15 de agosto e 1 de setembro de 1863, respectivamente, tamén inserían este anuncio-comentario: “Cantares gallegos, versos de Rosalía Castro de Murguía”. Se halla en prensa esta preciosa colección de poesías gallegas tan apreciadas por los periódicos de Galicia y Castilla. Formará un volumen en 8.º francés de cerca de 300 páginas, excelente papel, letra compacta, pero clara y elegante. Su precio, 12 reales. Editor, don Juan Compañel (Vigo). En vista del mérito de cuantas composiciones gallegas hemos leído de nuestra poetisa Rosalía, no podemos menos de recomendar la adquisición de su nueva obra que no solo debe ocupar el estante de todo gallego literato, sino que parece llamado ese leibro a ser de texto para todo poeta que haya de metrificar en el gallego idioma, y nos atrevemos a decir más y es que muchos de sus cantares han de llegar con el tiempo a popularizarse tanto que ocuparán la memoria hasta de nuestros campesinos, los cuales, acompañándolos a las notas de la música tierna, sentimental y sencillos los entonarán unidos a las cantigas populares que poseen; tal es el carácter que su autora ha sabido imprimirles que viene a ser todo uno su poesía de este género con la poesía popular de nuestra amada Galicia.
No anuncio-presentación de Galicia, o do número 9 de 1 de maio de 1863, o seu autor, posiblemente D. Antonio María de la Iglesia, caracteriza os poemas como simpáticas producciones. Xa non é só que se baseen na lírica popular e que glosen os cantares do pobo, con sencillez, senón que ademais os poemas son simpáticas producciones. Estase a condicionar a recepción de Cantares, mesmo antes de se publicar, como unha poesía do que daquela dun xeito machista se consideraba poesía feminina, sinxela, baseada no popular, aproblemática, é dicir, simpáticas producciones.
No anuncio-presentación dos números 16 e 17 de Galicia aínda se engaden máis elementos, que tamén van condicionar a recepción da obra de Rosalía. Fálase do aprecio en que se ten por parte dos xornais de Galicia e Castela a poesía galega. Evidentemente que a poesía galega ía acadando a atención da prensa. No caso da galega podemos ver, como demostrou Xosé María Dobarro, que a prensa insería habitualmente como soltos poemas en galego (“Inventario da producción lírica do primeiro rexurdimento 1840-1863. Anuario de Estudios Literarios Galegos. 1994). O interese da prensa estatal e madrileña amósao ben o espazo que El Museo Universal daba á poesía galega onde non só se publica o primeiro poema de Rosalía o “Adios, qu´eu voume” (xa comentado  neste blog nunha entrega anterior), senón tamén estudos do propio Murguía sobre a poesía galega, que analizaremos en próximas entregas e que nos informan sobre as bases teóricas do matrimonio Murguía-Rosalía para a creación dos Cantares gallegos, como os artigos “Poesía gallega contemporánea”, publicados en El Museo Universal o 30-01-1858, o 28-02-1858 e mais o 30-03-1858.
Mais a seguir, o anuncio-presentación achega outros datos, que son de interese. Rosalía non é calquera cousa senón que o anuncio-presentación de Galicia asegura o mérito de cuantas composiciones gallegas hemos leído de nuestra poetisa Rosalía. Agora publica un libro, mais ten un labor anterior en galego que a apoia. Non esquezamos que dela se publicaran xa cinco poemas en galego no Álbum de la caridad.  Como xa dixemos nunha achega anterior, estes poemas eran “Adios que eu voume” (despois retitulado, como xa vimos nun artigo anterior, “Adiós, ríos; adiós, fontes”), “Castilla” (despois retitulado “Castellanos de Castilla”), “O caravel negro” (despois titulado co primeiro verso “Quíxente tanto meniña”), “A romaría da Barca” (titulado despois tamén co primeiro verso “Nosa Señora da Barca”) e “Terra a miña” (despois titulado “Airiños, airiños aires”). Fixémonos en que na edición dos Cantares desaparecen os títulos do Álbum de la caridad.
Por outra banda, o libro está chamado a converterse en modelo para todos aqueles que se lancen a poetizar en galego: parece llamado ese libro [os Cantares gallegos] a ser de texto para todo poeta que haya de metrificar en el gallego idioma. Está aquí claro xa o papel de fundamento de Cantares para a poesía galega e mais para a súa literatura (non esquezamos que neste tempo a lírica era considerada a literatura por excelencia). Puideron influír o Coloquio  de Sarmiento (publicado por Pintos en 1859), a Gaita gallega ou incluso os Ensayos poéticos en dialecto berciano de Antonio Fernández y Morales. Vaia por diante que nin La gaita gallega nin os Ensayos poéticos en dialecto berciano son libros integramente escritos en galego. Mais o que é certo que D. Antonio María de la Iglesia e a revista literaria por excelencia do Rexurdimento (Galicia. Revista universal de este reino) consideran como libro fundacional Cantares gallegos.
De novo volve incidirse no carácter popular e que ese carácter está tan conseguido que sus cantares han de llegar con el tiempo a popularizarse tanto que ocuparán la memoria hasta de nuestros campesinos, los cuales… los entonarán unidos a las cantigas populares que poseen.
Xa que logo, desde os anuncios-presentacións estase a crear un horizonte de expectativas para o lector de Cantares gallegos, que sinalan os seus aspectos menos problemáticos: folclorismo, sinxeleza e popularismo. Agochan así outros aspectos dos Cantares, que examinaremos en artigos futuros. Mais tamén é certo que xa se ve a Rosalía e aos Cantares gallegos como obra fundacional da literatura do Rexurdimento e ata modelo para os poetas que veñan detrás.

domingo, 27 de xaneiro de 2013

Meditacións sobre a recepción de Cantares

Por Manuel Rodríguez Alonso         

O optimismo dos profesores e estudosos da literatura galega lévaos ás veces a considerar o Rexurdimento como unha especie de marcha triunfal na recuperación do galego e onde os Cantares gallegos de Rosalía serían o fito sobranceiro. Mais interpretacións recentes do Mapa Sociolingüístico de Galicia, como a de B. García Turnes, amosan que foi, curiosamente, a partir do Rexurdimento cando se comeza a producir a gran sangría de falantes do galego a prol do castelán.
Na súa tese de doutoramento (O pacto galego na construción de España), Manuel Veiga amosa como as clases medias galegas dos tempos do Rexurdimento apostaron pola españolización e polo castelán pensando que esa postura era a modernidade e mesmo as beneficiaría economicamente. Pensemos en que Faro de Vigo, o grande órgano da monarquía e do sistema político da Restauración, aínda pervive hoxe, mentres que non queda hoxe en Galicia ningún xornal en papel que se poida considerar herdeiro de La Oliva, o seu grande antagonista nos tempos da publicación de Cantares gallegos, como xa vimos no artigo anterior sobre esta obra.
O certo é, como xa indicamos nun artigo anterior neste mesmo lugar, que a primeira edición de Cantares foi de 600 exemplares e só se podía adquirir, en principio, por subscrición.
Xa que logo, esta primeira edición dos Cantares, 600 exemplares, publicouse en 1863 e non haberá segunda edición ata 1872. Murguía en Los Precursores sinala que a obra tivo grande éxito en Cataluña, mais non estaba tan contento co acontecido en Galicia: Las múltiples y entusiastas felicitaciones que con tal motivo recibió de aquella tierra de hombres libres contrastaba dolorosamente con los profundos silencios de otras personas.
A segunda edición publicarase en Madrid, na editorial de Leocadio López, en 1872 e custaba 3,50 pesetas. Mais o éxito de vendas desta segunda edición non debeu de ser grande, se temos en conta o anuncio de venda de libros na libraría de Andres Martínez Salazar, que aparece na derradeira páxina do libro de Murguía Los precursores, en 1886. Alí aparece á venda, ao prezo de 4 pesetas, Cantares gallegos. Leocadio López puxéraa á venda en 1872 a 3,50 pesetas, como ben sinala Ogando Bautista na súa tese de doutoramento. Tamén publicitaba Martínez Salazar  Follas novas a 6 pesetas e En las orillas del Sar a 4. Pola contra, aparece esgotada Pascual López da Pardo Bazán, que, por certo, é a que ofrece á venda máis títulos.
A terceira edición será xa en 1909.  mais no marco das súas obras completas, no volume II. Está  publicada polos sucesores de Hernando e corrixida por Prudencia Canitrot.
Polo que se ve, a edición considerada canónica, a de 1872, por ser a derradeira publicada en vida de Rosalía, aínda non se vendera no ano 1886, é dicir, catorce anos despois da súa publicación, pois Martínez Salazar tiña á venda exemplares na súa libraría.
De 1909, data da terceira edición, é precisamente o libro da viaxeira inglesa M.B. Meakin Galicia The Switerland of Spain, grande admiradora de Riosalía e incluso tradutora ao inglés dalgúns dos seus poemas. Meakin sinala neste libro que lle foi imposible atopar en librerías galegas tanto Cantares como Follas novas, polo que os tivo que pedir prestados para copiar os poemas de Rosalía que máis a impresionaron (páx. 184). Isto quere dicir que a obra de Rosalía non debía de figurar en moitas das bibliotecas e librarías galegas do momento.
Para vermos a repercusión que tivo a primeira edición dos Cantares gallegos, pode axudarnos a correspondencia a Murguía editada por X.R. Barreiro e X.L. Axeitos.
A correspondencia a Murguía ofrece exemplos do difícil que resultou a venda dos 600 exemplares da primeira edición de Cantares gallegos. Así Víctor López Seoane escribelle en 1863 (desde Ferrol e sen data precisa) a Murguía que …Ya en otra que a Pontevedra te he escrito te dije no despachara ningún ejemplar de Cantares ni veo facilidad de despacharlos, porque están agobiados por varias otras publicaciones anteriores…, sucediéndose con poco intervalo hastiaron a los pocos que se suelen suscribir (I, páx. 199) Tamén informa sobre o pouco interese da poboación ferrolá sobre a literatura: no olvides es un pueblo militar y los militares no pueden tener muchos trastos que le estorben…, pero si bien los marinos gozan de algunas más comodidades, un camarote no se presta a grande equipaje ni ellos quieren instruirse. El resto de la población es imbécil por excelencia y la turba de indianos que dedicados a la usura explotan el país conoces que le dan a uno un no rotundo y terminante…Mucho hablamos Gayoso y yo para ver de colocar tus Cantares pero no hallamos medio; además francamente los pusiste caros; por más que su mérito es grande. No olvides que vivimos en Galicia!!. (I, páx. 199).
A cita é longa, mais permítenos constatar e probar algunhas afirmacións. O público lector en que pensaba Murguía e o grupo dos Compañel-Chao, como acontecía coas editoriais, xornais e revistas madrileñas das que falabamos a propósito do editor de Cantares nun artigo anterior, era o público de clase media nado da constitución do Estado liberal isabelino e establecido nas cidades e vilas: militares, funcionarios, indianos, comerciantes, profesionais liberais… Mais moitas destas persoas xa lían outras publicacións, había mesmo un exceso de oferta ou non se interesaban en exceso pola lectura.
Por outra banda, a xente non estaba afeita a ler en galego. Sabido é que nos resulta moi difícil ler nunha lingua distinta á da alfabetización. Iso xogaba e moito no Rexurdimento contra o libro en galego.
Pero aínda os chamados intelectuais non tiñan claro iso de mercar libros e menos en galego. Así engade López Seoane: Yo tomaré mi ejemplar pero Segade ni de tal cosa me habló (I, páx. 199).
O tal Segade é Ramón Segade Campoamor. Era amigo de infancia de Murguía e licenciado en Dereito. Publicou novelas por entregas e artigos en El Museo Universal. Pois, aínda así, non merca os Cantares, aínda que nuncha carta posterior felicitará a Murguía (non por certo a Rosalía) polo éxito dos Cantares: También me habló del feliz éxito de los Cantares [a propia Rosalía]; le doy a U. el parabién (I, 210).
Fixémonos ademais en que o remitente López Seoane considera os Cantares non como obra de Rosalía, senón algo da propiedade de Murguía. Di non os Cantares da túa dona, senón tus Cantares (I, 199), referido o tus a Murguía. Tremenda mostra implícita de machismo e mesmo nos fai pensar que se o tal López Seoane trata de difundir os Cantares non é realmente porque pense que son bos, senón porque son a obra da muller do amigo, que ata ve diluída a súa personalidade. Se valen é porque veñen de Murguía e non de Rosalía, ao fin e ao cabo unha muller.
Por outra parte, parece que Compañel non atendía demasiado ben a distribución. Nunha carta de Juan Manuel Paz (o que será avogado defensor de Curros), enviada desde Ourense o 11 de agosto de 1863 este di que la pesadez de Compañel desanima y le perjudica a U. (páx. 201). E engade: Espero los Cantares que aún no he recibido. Procuraré acomodarlos. Sé que Arteaga, y en su nombre, el comisionado, pidió en Vigo dos ejemplares hace tiempo, y no sólo no los remitieron, pero ni aún contestaron. Esto, amigo Manuel, es hasta incivil (I, páx. 201).
O mesmo Juan Manuel Paz di nunha carta do 30 de agosto que gozou lendo os Cantares, mais afirma: Que viva satisfecha de su obra, destinada a vivir perpetuamente. Y que esté tranquila y no haga caso de los Zoilos (I, páx. 203). Quen eran eses Zoilos que se metían cos Cantares ou os que, como vimos enriba, a silenciaban fronte ao éxito en Cataluña? É dicir, que a recepción positiva da obra, en principio, non foi unánime e contou con detractores, por máis que puidesen estar velados. Mais tamén recoñece que a obra se vendía mal e que había que acudir ás amizades para colocala: Estoy viendo si despacho los Cantares: la biblioteca provincial tomará uno (I, páx. 203).
López Seoane dille en carta do 15 de agosto de 1863 que o seu común amigo Gayoso tivo éxito ao colocarlle seis exemplares ao Concello, que supoñemos de Ferrol: Nada sé si abonarán los seis ejemplares que a duras penas hizo tragar Gayoso al Ayuntamiento, supongo será por entregas (I, páx. 202).
En setembro de 1863 Juan Manuel Paz comunícalle a Murguía que non conseguiu vender aínda ningún libro dos Cantares: No son producto de los Cantares, que aún no he vendido ninguno, aunque pienso despacharlos poquito a poco; pues ya sabe U. que es preciso calcular quien desairará y quien no. Hoy han llegado dos amigos, Mosquera y otro, y se los enviaré; también mandaré otro a la biblioteca… (supoñemos que será a Biblioteca Provincial; I, páx. 205). Previamente nunha carta do 30 de agosto Paz informaba das xestións para vender Cantares e colocarlle un exemplar á Biblioteca Provincial: Estoy viendo si despacho los Cantares: la biblioteca provincial tomará uno… (I, páx. 203).
Mais noutra carta de setembro de 1863 dille Paz a Murguía: Me da vergüenza no mandarle más de 100 reales… Non son producto de los Cantares, que aún no he vendido ninguno, aunque pienso despacharlos poquito a poco; pues ya sabe U. que es preciso calcular quien desairará y quien no. Hoy han llegado dos amigos, Mosquera y otro, y se los enviaré; también mandaré otro a la biblioteca… (I, páx. 205).
En carta de 21 de novembro de 1863 Juan Manuel Paz dille a Murguía que vendeu tres exemplares de Cantares: Al comisionado de Compañel en esta he pasado nota de los ejemplares de los Cantares vendidos, que son tres (I, 213). Supoñemos que son o de Mosquera, o amigo de Mosquera e mais o da Biblioteca Provincial aos que se alude na devandita e antes citada carta de Paz de 30 de agosto de 1863 (I, páx. 203).
A carta máis expresiva é posiblemente a do mesmo Juan Manuel Paz a Murguía de 19 de abril de 1865, onde o ourensán lle di que dos 12 exemplares que recibiu de Cantares, só vendeu 6. Incluso dá os nomes dos compradores: a Biblioteca Provincial, D. Juan de Ignacio, José García Mosquera, Leoncio Pesyon, Juan García Amero e o mesmo Juan Manuel Paz (I, páx. 293).
Que a distribución tampouco fora a adecuada testemúñao unha carta de Saco y Arce a Murguía de 18 de xullo de 1866: Deseando un ejemplar del libro titulado Cantares Gallegos… y habiéndolo buscado en vano en diferentes librerías de Galicia, me tomo la libertad de acudir a U. rogándole que se sirva manifestarme si tiene a la venta algún ejemplar… (I, páx. 412)
Que as vendas ían mal aparece nunha carta de Juan Gayoso, de Ferrol, de 3 de xuño de 1866 onde di que lle remiten 6 exemplares de Cantares, desde Ourense e non oito (I, 399), posiblemente eran os que non conseguiu vender Paz, dos doce que lle enviara Compañel.
Por outra banda, Murguía aparece convertido en verdadeiro axente literario da muller e, entre os seus amigos, trata de buscar compradores para a obra. Estes consideran a obra non realmente polo seu valor artístico, senón por deberse á muller do amigo. Rosalía, nun tremendo caso de machismo nas letras, aparece como totalmente invisible neste proceso.
Murguía tenta a venda dos Cantares fóra de Galicia e M. Somoza dille en carta do 11 de xaneiro de 1864 que o seu libreiro madrileño, D. Francisco Lizcano, podrá despachar algunos ejemplares de los preciosos Cantares Gallegos (I, páx. 219).
Mais atrás falaba Paz dos Zoilos que se metían con Rosalía. O xa coñecido Ramón Segade en carta a Murguía do 26 de febreiro de 1864 fala do silencio da prensa galega sobre os Cantares: En cuanto al libro de los Cantares, he visto efectivamente y con sorpresa que nada decían los periódicos; pero de esto lo creo a U. culpable y diré porqué; U. vio que le habían ofrecido hablar los sujetos que U. nombra… y U. se quedó callandito, esperando que ellos abrieran la boca; monte U. a caballo de ellos, y puesto que ni lo bueno se lo empuja, sino empujando a la vez; empujar y darle hasta cansarse; yo creo que este es el método (I, páx. 226).
O certo é que o espallamento de Cantares gallegos en libro non foi unhaa marcha triunfal. Rosalía e os Cantares gallegos foron difundidos parcialmente a través de poemas soltos en revistas e xornais da época ou mesmo en antoloxías, como ben sinalan Francisco Rodríguez ou Marina Mayoral. Os devanditos autores sinalan como os poemas máis difundidos de Cantares foron “Campanas de Bastabales”, “Adiós, ríos; adiós, fontes”, “Airiños, airiños aires”, “Pasa, río, pasa, río”, “Cando a luniña aparece” e “Como chove miudiño”. Como ben sinala Francisco Rodríguez Sánchez isto proxecta unha imaxe folclórica tópica de Cantares gallegos.
Fixémonos en que poemas moi característicos e rechamantes de Cantares gallegos faltan nesta listaxe. Por exemplo falta “Castellanos de Castilla”, que era ademais un dos cinco poemas galegos de Rosalía publicados no Álbum de la caridade (1862). Lembremos que os publicados no Álbum foron “Adios que eu voume” (despois retitulado, como xa vimos nun artigo anterior, “Adiós, ríos; adiós, fontes”), “Castilla” (despois retitulado “Castellanos de Castilla”), “O caravel negro” (despois titulado co primeiro verso “Quíxente tanto meniña”), “A romaría da Barca” (titulado despois tamén co primeiro verso “Nosa Señora da Barca”) e “Terra a miña” (despois titulado “Airiños, airiños aires”). Fixémonos que na edición dos Cantares desaparecen os títulos do Álbum de la caridad, sen dúbida debidos ao seu editor Antonio María dela Iglesia.
Na súa gramática de 1868, Saco publicará, na súa sección de “Poesías escogidas” o “Adiós, ríos; adiós fontes” e mais “Miña santa Margarida”. Só dous poemas de Cantares gallegos. Curiosamente aparecen tamén representados por dous poemas García Mosquera e Alberto Camino. Todos os demais antologados contan con só un poema. Con todo, Rosalía é a primeira desta antoloxía. Non sabemos se isto é por accidente ou porque Saco a considere por enriba do resto dos poetas antologados. Resulta rechamante, non obstante, a pouca presenza de Cantares nesta antoloxía.
D. Antonio de la Iglesiareproduce de Cantares gallegos en El idioma gallego. Su antigüedad y vida o “Airiños, airiños aires”, mais co mesmo título do Álbum de la caridad (“Terra a miña”). Fixémonos en que fronte aos cinco poemas, que despois pasarían a Cantares gallegos, do Álbum de la caridad, aquí só coloca un poema de Cantares gallegos. Tamén resulta rechamante esta postura de D. Antonio, máxime cando El idioma gallego é de 1886. Parece que D. Antonio valoraba máis a poesía rosaliana nos tempos do Álbum de la caridad que á altura de 1886.
Xa que logo, a difusión de Cantares gallegos foi moi parcial e cinguida aos poemas máis folclóricos. Deuse así unha visión deformada da poesía de Rosalía. Fixémonos en que “Castellanos de Castilla” ou “A gaita gallega” non aparecen entre eses poemas máis espallados citados por Rodríguez Sánchez ou Marina Mayoral.
En fin outro día falaremos de como recibiu a crítica da época Cantares gallegos.

"Pra Habana"

"Campanas de Bastabales"

Un repoludo gaiteiro

O editor de Cantares gallegos

Por Manuel Rodríguez Alonso

O editor dos Cantares gallegos foi Juan Compañel.
Compañel, como ben explican Durán, Lestón ou Ogando Bautista na súa tese de doutoramento e agora de xeito practicamente de xeito definitivo, no último número de Grial, Xurxo Martínez González, formárase en Madrid, entre 1850 e 1855, vinculado ao círculo progresista dos Avendaño-Chao-Murguía, onde a figura de máis relevo era  o político progresista e republicano Eduardo Chao. Vendo o éxito de editoriais madrileñas, como Gaspar y Roig, tenta repetir o modelo en Vigo e parece que alí se establece contra o final de 1855 e sempre ligado á familia progresista dos Chao, como ben amosa Martínez González no devandito artigo de Grial nº 195. Mesmo casa cunha irmá de Eduardo e Alejandro Chao. Vai publicar xornais como La Oliva, folletíns ou outro tipo de textos que poden ter éxito entre o público lector de clase media de funcionarios, comerciantes e profesións liberais de cidades e vilas dentro dunha liña de progresismo, republicanismo, galeguismo e mesmo socialismo utópico.
Parece que o gran soporte económico desta empresa vai ser o seu cuñado, tamén casado cunha Chao, José Ramón Fernández. O proxecto era crear unha editorial e xornal progresistas e galeguistas na liña da revolución de 1846 (non esquezamos que será La Oliva o xornal que preste máis atención ao banquete de Conxo de 1856, que conmemora a célebre revolución de 1846) polo trío Compañel-Murguía-os Chao, para opoñer a Faro de Vigo, fundado en 1853 como voceiro dos intereses conservadores, monárquicos e foristas, como ben explican os devanditos autores.
José María Chao, o pai dos Chao, foi un farmacéutico e químico, liberal progresista a quen se lle apón que enviou unha carta bomba ao capitán xeneral de Galicia, o absolutista xeneral Eguía. Nado en Ribadavia en 1790, estudou Farmacia en Santiago. Participou na Guerra da Independencia como membro do Batallón Literario. Rematada a guerra establécese como farmacéutivo en Ribadavia para pasar a Vigo en 1826. É fama que a súa rebotica se converte nun dos grandes centros do liberalismo radical e conspirador. Como boticario destacou na loita contra a epidemia de cólera que se deu en Vigo en 1850. Atribuíuselle o atentado con carta bomba contra o capitán xeneral absolutista Eguía, que lle custou a man ao militar en 1829, pois dicíase que o único que era quen de fabricar un artefacto así, polos seus coñecementos de química e a experiencia bélica na Guerra da Independencia, era José María Chao.
O feito pasou á literatura. Curros Enríquez na súa biografía de Eduardo Chao, fillo de José María e importante político republicano (foi en 1868 un dos trinta e cinco deputados que votou pola República no canto da vinda de Amadeo de Savoia e o único deputado galego que o fixo así. Sería ministro de Fomento na I República), atribúelle o atentado. Carlos Casares tamén alude a este feito nun dos relatos de Os escuros soños de Clío, “O republicano de Francelos”.
Así o círculo de La Oliva e Juan Compañel procederían desta rebotica liberal progresista do patriarca José María Chao, que falecerá en Vigo en 1858. O círculo do patriarca liberal Chao estaría frecuentado por liberais vigueses, segundo ben indica Martínez González, como José Ramón Fernández, Atanasio Fontano, Juan Ramón Nogueira, Pedro Mártir Molins ou Miguel Vidal López. O que poría os cartos para as actividades xornalísticas de La Oliva e mais da imprenta de Compañel sería José Ramón Fernández, casado cunhas das fillas de José María Chao e irmá de Eduardo e Alejandro. Juan Compañel casaría con outra das irmás Chao.
Polo tanto, Cantares gallegos xorde e edítase neste ambiente liberal, progresista, galeguista e republicano. La Oliva, órgano xornalístico deste grupo, expresa os seus obxectivos no Prospecto de 15 de xaneiro de 1856. Lembremos que o subtítulo desta publicación era Periódico de Política, Literatura e Inteses materiales: Es, por consiguiente, nuestro credo el del generso partido progresista, contando siempre en la región política  una constitución lo más amplia, producto de la soberanía nacional; y en la administración y de gobierno, cuanto se contiene en el axioma: El mayor bien para el mayor número.
No número 8, de 27-II-1856 afirma o periódico vigués: Los moderados son ambiciosos, crueles y vengativos: Huye de ellos como del perro atacado de hidrofobia. Sea nuestro honor el Progreso, que con él veréis como Galicia se lleva al grado de esplendor de la antigua Grecia; pues cuenta con una Atenas donde se liban raudales de luz y de verdad, que debéis comunicar a nuestros pobres artesanos y labradores para que comprendan sus derechos y salgan de la abyección y servilismo en que aún se hallan por vicios sociales que engendraron el despotismo y la inquisición, que ciertos caciques y embaucadores proclaman como cosas necesarias.
Por outra banda, La Oliva ten unha conciencia clara de Galicia como entidade política de seu. Así o 8-III-1856 afirma: Este país está pobre y abatido; sus costas desamparadas, su comercio aniquilado, su industria sofocada, su agricultura destruida, sus caminos intransitables, sus puestos abandonados. Este país acaba de ser azotado por una epidemia espantosa, y por un hambre devoradora; y sus hijos emigran a centenares donde la miseria les acompaña y la sórdida avaricia de algún inhumano logrero hiche de ellos la fosa de los cementerios a la par que de onzas de oro sus gavetas… Este país tan fértil y tan hermoso, y tan desventurado y pobre, se llama Galicia.
En 1856, La Oliva, en contra do que fai o Faro de Vigo, fundado en 1853 como órgano dos conservadores e dos foristas, conmemora o décimo aniversario dos fusilamentos de Carral. Aparece o 26-IV-56 cunha grande orla negra e coa lenda: A la memoria de las víctimas de Carral: Miguél Solis. Segue a listaxe dos fusialdos. Aguirre dedicalles un poema e Murguía un artigo que remata co lema Mártires de 1846, Dios y libertad.
La Oliva desaparacerá por orde gobernativa, segundo uns en 1857 e segundo outros en 1858. Mais será substituído por El Miño. Tras a revolución de 1868 recupera o seu nome orixinal de La Oliva. O impresor e director de El Miño será de novo Juan Compañel. O seu lema era Todo por Galicia. Todo para Galicia.
Este ano de 1858 vai publicar en folletón o Álbum, cun total de 563 páxinas. Subtitulábase Colección de articulos literarios, historia, biografías, novela, poesías. Neste álbum, a carón de textos en castelan, aparecen textos en galego. Compañel, un dos promotores, explica no prólogo que tentaba ser un primeiro intento para facer a historia da literatura producida en Galicia e espallar textos que non se podían atopar doadamente. Alí aparece o estudo de Saralegui “Galicia y sus poetas” e textos en galego, en prosa ou verso, de Alberto Camino, Pintos ou Contos da aldea… de Pintos.
Compañel, en Vigo, consegue fondos porque se fai coa publicación do Boletín Oficial de Pontevedra no remate de 1855. Con estes fondos, métese a editar. Xa en 1856 publica as novelas de Murguía Desde el cielo (5ª edición) e Mi madre Antonia. Pero, Compañel, tamén publicou antes de 1860 un tratado de química analítica ou un estudo das enfermidades da vide. Tampouco descoidaba a edición de libros escolares. Lembremos que é o editor de La primera luz (1859), do propio Murguía.
Compañel enfróntase como editor á publicación de Cantares gallegos. Compañel é un profesional da edición e non quere perder cartos nin arruinarse. De acordo cos datos de  Carré Aldao en “Estudio bio-bibliográfico-crítico acerca de Rosalía de Castro” (Boletín da RAG, 1926, tomo XVI, páx. 181): La primera edición fue corta, 600 ejemplares, y apenas circuló. A que no fue más copiosa contribuyó el temor en la desconfianza del público.
Por iso, atribúe a Cantares unha tiraxe de 600 exemplares e que estes deberán venderse fundamentalmente por subscrición. Sae a obra a un prezo de 16 reais en España e 30 en La Habana. Tamén fixa os límites da publicación. O propio Murguía recoñece en Los precursores que o editor no quería arriesgarse a más de lo posible, con un público al cual se daba por primera vez un volumente de versos en gallego… Mesmo no anuncio que aparecía de Cantares gallegos na tapa da obra de Murguía Diccionario de escritores gallegos, tamén editado por Compañel, este dicía: No se tirarán más ejemplares que los necesarios para cubrir las subscripciones, serán muy pocos los que queden a la venta.
Xa que logo, as expectativas de venda eran bastante modestas, mais era o primeiro libro que se publicaba integramente en galego e cumpría, se non se gañaban cartos, polo menos non perdelos.
Polo tanto, como vén sinala Xurxo Martínez González no seu artigo de Grial o círculo progresista dos Chao e especialmente José Ramón Fernández, que custeou a imprenta de Compañel, son indirectamente mecenas de obras como Cantares gallegos de Rosalía (Grial, nº 195,páx. 114).
Xa que logo, a xinea progresista dos Cantares e a súa unión coa cidade de Vigo é manifesta.

sábado, 26 de xaneiro de 2013

O primeiro poema en galego de Rosalía

Por Manuel Rodríguez Alonso


            O primeiro poema en galego publicado por Rosalía de Castro foi o que hoxe se coñece popularmente como “Adiós, ríos; adiós, fontes” e que figura na edición dos Cantares gallegos de Compañel (1863) como o número 13. Realmente na edición de 1863 e nas seguintes o poema figura sen título. Este título débese sen dúbida ao propio Murguia, que en Los precursores (1866) di que Rosalía escribiu este poema en 1861 para publicalo en El Museo Universal, como así sería: Nos rodeaba la desolada estepa… Solo allá, al fondo, el viejo Guadarrama, en cuya cima blanqueaba la nieve… Contemplando este cuadro, y recordando en presencia de semejantes esterilidades la exuberancia de los campos gallegos, sintió nuestra escritora la necesidad de escribir y publicar un libro en que se reflejasen con toda su poesía y pureza, los paisajes y la vida entera de la gente de nuestro país…Y aquella misma noche, presa el alma de las profundas tristezas de quien, sin tocar en sus veinticuatro años, se creía ya con un pie en el sepulcro; sospechando que ya no volvería a ver de nuevo el cielo de la triste Compostela, bajo el cual le aguardaban, trazó con mano rápida y con la brevedad de la improvisación, aquellos versos tan tristes y tan hermosos que llevan por glosa la canción popular más en consonancia con el estado de su espíritu, Adiós ríos, adiós fontes, versos que vieron entonces la luz en El Museo Universal (Los precursores, 1866, páxs. 185-186).
A partir deste momento o célebre poema pasou a ser coñecido como “Adiós, ríos; adiós, fontes”, mais a autora nunca o titulou así. O título procede do texto de Murguía. Nas edicións de 1863 e 1872 figura sen título. O seu título sempre que se publicou solto antes da edición en libro de 1863 é a de “Adios que eu voume”. Este poema publicouse por primeira vez solto en El Museo Universal o 24 de setembro de 1861. O título do poema é “¡Adios, qu´eu voume!” Conserva este título nas edicións soltas que se fan deste poema de Rosalía en 1862, tanto na revista Galicia. Revista universal de este reino (no número 16, de quince de agosto de 1862)  como en El Álbum de la caridad (1862). Mais este título desaparecerá das edicións en libro, tanto da de 1863 coma da de 1872. Como xa dixemos, todos os investigadores pasarán a titulalo cos primeiros versos do cantar popular que glosa o poema, como fixo Murguía en Los Precursores (“Adiós ríos, adiós fontes”).
Na edición de 1861 de El Museo Universal, así como nas da revista Galicia ou na de el Álbum de la caridad de 1862, consérvase o título (“Adiós que eu voume”).
Mais hai unha estrofa que aparece na edición de El Museo Universal e que desaparece na de Galicia e tamén na do Álbum de la caridad. Desaparecerá tamén das edicións en libro xa desde a primeira edición de 1863. Tras a estrofa que remata co verso o que naceu desdichado ía na edición de El Museo Universal estoutra, que desaparece, como xa indicamos nas edicións posteriores: Por xiadas, por calores / Desde qu´amañece ó día / Dou á terra os meus sudores /Mais canto a terra cría/ Todo… todo e dos señores.
O historiador Xosé Antonio Durán atribúe a desaparición do que chama estrofa maldita de Cantares a Murguía. O historiador rianxeiro atribúe esta supresión a que nela Rosalía defendería concepcións sobre a propiedade da terra propias do socialismo utópico, que non lle parecerían acaídas a Murguía.
O que engaden as edicións en libro do poema a partir da primeira de 1863 é o cantar popular, que falta nas tres edicións soltas, tanto na de 1861 como nas de 1862: Adios, rios, adios fontes, / Adios regatos pequenos, / Adios vista dos meus ollos / Non sei cando nos veremos.
Xa que logo, polo tema e mais polo cantar popular anónimo do que o poema rosaliano acaba por ser glosa na edición en libro, este primeiro poema de Rosalía cabe incluílo dentro da nova dirección que toma a lírica cara á metade do século XIX, que se afasta da altisonancia da lírica romántica de Espronceda, Rivas ou Zorrilla, que, como ben sinala Navas Ruiiz, Valera xa declaraba cousa do pasado en 1854. Fronte a este romanticismo solemne e altisonante proponse como fai Ruiz Aguilera no prólogo de Ecos nacionales (1849) unha poesía de locución decorosa, nin vulgar nin altisonante, que amose sentimentos sinxelos e que constitúa unha revelación simbólica e sinxela da verdade, así como que constitúa un exemplo moral para a nación. Trueba no prólogo da edición dos seus Cantares de 1851 incide na mesma idea, enfantizando que o sentimento é a esencia do poético e que está refuxiado no pobo e mais na lírica popular. Do mesmo ou parecido xeito exprésanse Manuel Cañete no prólogo de La Primavera (1850) de Selgas, Luis Eguílaz no de Baladas (1853) de Vicente Barrantes. En xeral, estes prologuistas gaban o intimismo, sinxeleza, espritualismo, vaguidade, que lembra a poesía nórdica.
En definitiva é o ambiente en que se desenfatiza a anterior poesía romántica e se salienta o sentimento, considerando que o pobo é o seu gran depositario. Cómpre agora expresar sentimentos íntimos en intucións breves e fugaces, como fixera o propio Campoamor nas Doloras (1854).
A isto cómpre unir a influencia do romanticismo alemán, especialmente o de Heine. Fundamental foi a tradución dos quince poemas de Intermezzo que fixo precisamente en El Museo Universal Eulogio Florentino Sanz en 1857, co título de “Poesía alemana. Canciones de Enrique Heine”. Tamén se deron a coñecer por estes anos Goethe, Schiller, Uhland e Antonio Arnao traduciu varios lieder de Schubert e Schumann. Este influxo alemán únese ao movemento autóctono visto enriba de aprecio polo popular e a primacia do sentimento. Ao xeito de Herder, o pobo é depositario da tradición e do sentimento, mais tamén suxeito de reivindicacións sociais inexcusables para aumentar a súa calidade de vida.
Os poemas que xorden agora nesta liña de imitación do popular, especialmente da lírica popular anónima expresada en coplas destinadas ao canto. Entendemos neste sentido copla do xeito en que a define o Dicionario da RAG 20012: Composición poética, polo xeral de catro versos, para ser cantada. Mais algúns denominan impropiamente a esta composición de catro versos cantar. Na época en que Rosalía redacta Adios qu´ eu voume entendíase, como ben expresa o propio Trueba en Libro de los cantares, a palabra cantar como o conxunto formado pola copla popular anónima e máis o poema que a glosaba, que adoitaba ter carácter narrativo ou lírico-narrativo. Así o cantar sería unha composición de carácter lírico-narrativo, moi influída pola sensibilidade da lírica popular anónima e tamén polos modelos dos países nórdicos, especialmente de Alemaña. O cantar neste sentido sería o equivalente ao inglés ballad (balada) ou o alemán lied. Como ben sinala Navas Ruíz (Poesía española. El siglo XIX. Visor 2010): Baladas serían, asimismo, otras creaciones poéticas, como los Ecos nacionales (1849) de Ruiz Aguilera e incluso los Cantares gallegos (1863) de Rosalía de Castro. Responden, en efecto, a la definición de balada (en inglés ballad, en alemán lied): composición poética, generalmente breve, de carácter lírico-narrativo, originaria de los países nórdicos (páx. 42).
O primeiro en escribir este tipo de baladas sería Ruiz Aguilera (1849) cos Ecos nacionales e despois Trueba co seu Libro de los cantares (1851). A liña continuaría coas Baladas (1853) de Barrantes.
Esta lírica está profundamente ligada a El Museo Universal. Xa que logo o primeiro poema en galego de Rosalía é un cantar, entendido como sinónimo de balada ou lied, ou como o conxunto da copla popular anónima e a súa glosa. Mais na edición de El Museo Universal non aparece para nada a copla popular anónima, que se engadirá na edición en libro en 1863. Nestas baladas habíaas de tema histórico ou que trataban temas contemporáneos, pero tamén simbólicas e amorosas e mesmo as que prestaban atención a problemas sociais como a pobreza do labrador, a desgraza do pobre que tiña que ir á guerra ou á dor da emigración.
Xa que logo, “Adios qu´eu voume” é un cantar, lied ou balada de tema lírico-narrativo (expresa o sentimento de dor de quen ten que abandonar a terra onde naceu), mais tamén ten un contido social claro. O protagonista do poema non se vai de Galicia por espírito aventureiro nin por un desengano amoroso. Vaise nas edicións do poema onde se suprime a estrofa maldita porque son probe. A causa da pobreza é algo tan inconcreto, nesa mesma estrofa, como o nacer desdichado: a miña terra n-é miña / que hastra lle dan de prestado / a beira por que camiña / ó que naceu desdichado.
Mais se lle engadimos tras desdichado a estrofa de El Museo Universal a causa da de que sexa desdichado é moi clara: a propiedade da terra, que non é de quen a traballa: Por xiadas, por calores / Desde qu´amañece ó día / Dou á terra os meus sudores /Mais canto a terra cría/ Todo… todo e dos señores.
Rosalía, na liña do socialismo utópico, ve que a causa da emigración e do sentimento tan exquisito para algúns da morriña é que Todo… todo é dos señores. Ese señores é dunha acertada e grande ambigüidade, válido para o seu tempo, mais tamén para hoxe. Os señores poden ser os que cobran os foros, as novas oligarquías que traerán o Estado liberal de Isabel II e mais a Restauración, mais hoxe en día poden ser os neoliberais, que cos recortes fan que emigren moitos mozos e mozas galegos.
Por outra banda, a paisaxe é fermosa, pero para vivir na patria de noso cómpre andar Por xiadas, por calores / Desde qu´amañece ó día. E iso non parece que se poida cambiar. Por iso, o mozo emigrante, con toda a dor que se queira, xa non pode máis e exclama: ¡Adiós, qu´eu voume! A emigración é dor, evidentemente, mais tamén é unha saída para fuxir da tiranía e da explotación económica, que se amosan como invencibles en Galicia. Hai nostalxia da paisaxe, dos costumes ou mesmo da muller a quen se ama, mais tamén alporizamento porque os señores fan moi difícil a vida nese suposto paraíso, que para quen é realmente un paraíso é para os señores.
Xa que logo,a estrofa maldita suprimida é fundamental para dotar de sentido este poema rosaliano. A causa da emigración é o sistema de propiedade da época do reinado de Isabel II e o seu sistema sociopolítico, que se consolidará na Restauración.
Nunha publicación como El Museo Universal podía pasar máis desapercibida, pois líase como unha figura retórica sen máis. Mais D. Antonio María de la Iglesia, o editor de Galicia. Revista universal de este reino e de el Álbum de la caridad suprime esta estrofa. D. Antonio era un defensor da monarquía isabelina, como se pode ver nos poemas que dedica á raíña, por exemplo. Non resulta pois estraño que tanto en Galicia como no Álbum de la caridad suprimise esa estrofa. O mesmo acontece cando se publica en libro en 1863.
Mais a estrofa suprimida estaba de acordo coas ideas do socialismo utópico, mesmo das de Ramón de la Sagrano período chamado socialista deste pensador entre 1844 e 1859 ou co as que profesaba un xuvenil Eduardo Chao, gran figura do círculo progresista na década dos cincuenta e dos sesenta formado por os irmáns Chao (cuxa gran figura era Eduardo), Compañel, os Avendaño e os propios Murguía-Rosalía. Na súa biografía de Eduardo Chao, Curros preséntanos un Chao mozo engaiolado polas ideas do socialismo utópico, que manifesta nunha obra de 1842 (Los republicanos y su época) onde, segundo Curros, ata chega a defender os falansterios. Neste ambiente progresista e onde xorde o primeiro poema en galego de Rosalía. Publícase en El Museo Universal, o grande órgano da nova poesía que Núñez de Arce chamaba suspirillos germánicos, mais que non era só iso, como ben demostra Ruiz Aguilera, grande amigo da parella Rosalía-Murguía, cando sinala que esa nova poesía ten así mesmo unha función social para sinalar as lacras que viñan sufrindo as clases populares, como vimos enriba. Lembremos que El Museo Universal publicábano desde 1857 os editores Gaspar e Roig, moi unidos a Eduardo Chao, que editarán a Historia general de España (continuación da de Mariana) ou o Gran Diccionario Enciclopédico de la Lengua Española do político e polígrafo ribadaviense.
Para rematarmos, segundo os teóricos da poesía, unha das grandes características da verdadeira poesía é a ambigüidade da súa linguaxe, a plurisignificación. Rosalía  apón os males da emigración aos señores que dominan todo en Galicia: Todo… todo é dos señores. Ese derradeiro verso da estrofa suprimida é dunha tremenda plurisignificación. Todo é a terra, as industrias, os cargos públicos… e os señores poden ser os donos da terra, sexan fidalgos ou non, mais tamén son señores os caciques da Restauración que ofrecen cargos ou os actuais políticos corruptos que só lles dan prebendas e contratos aos do seu partido ou familia. Abonda con ler os xornais cada mañá. Crítica social si, mais tamén gran calidade poética e plurisignificación. Cada lector na súa época pode actualizar este texto e dotalo dun significado acorde cos tempos. Velaí a característica do poeta clásico.
Por outra banda, un escritor actual nunha obra de hoxe mesmo moi gabada reactualiza ese berro de protesta que é o“Adiós, qu´eu voume” rosaliano, do que se sente incapaz xa para loitar contra a inxustiza e abandona buscando lugares máis favorables. Todo o espírito rosaliano desa despedida aparece nesta pasaxe da última obra de Manuel Rivas, As voces baixas: Na emigración, fálase sempre da morriña do que marcha e non de quen fica en terra. En quen marchaba había tristura, mais tamén esperanza. A tristura desabastecida era a de quen non marchaba… E moitas veces para fuxir do medio hostil e atafegante do caciquismo, como delataba aquela copla que rescatou Xurxo Souto e que se cantaba cando desatracaban os grandes transatlánticos rumbo a América: “Aí quedades, aí quedades con curas, frades e militares!” (páx. 124)
Xa que logo, non só a estrofa suprimida, senón tamén o título orixinal “Adios, qu´eu voume” danlle a este poema un sentido que desaparece en gran parte ao suprimir a devandita estrofa, mais tamén ao cambiar o título de protesta que supón ese un tanto arroutado ante a inxustiza que é o “Adiós, qu´eu voume”, polo máis politicamente correcto e morriñento de “Adios ríos, adiós fontes”, que lle inventou Murguía en Los precursores e que toda a crítica galega segue sen ningún tipo de discusión.
Por último, poderiamos comentar algún cambio máis que advertimos entre as versións soltas do poema e a que se ofrece no libro de 1863. Referirémonos só á que resulta máis rechamante e que nos fala da preocupación de Rosalía por atopar un galego descastelanizado (outro tópico é o do galego dialectal e cheo de castelanismos, o de escribo como falo…). Nas versións soltas do poema, de 1861 e 1862, aparece este verso: Desd´ a orilliña do mar. É claro o castelanismo orilliña. Pois ben, na edición de 1863, en libro, este verso pasa a ser: Desd´á veiriña do mar.
Non viría mal que nos nosos institutos se comentase o poema, se escoitase na versión de Amancio Prada e se reflexionase sobre os cambios e mais sobre se segue a ser actual ou non este primeiro texto rosaliano en galego que, por certo, só se puido publicar íntegro na emigración madrileña.

150 anos de "Cantares Gallegos"

Neste cole fixeron esta actividade sobre o libro de Rosalía: