Buscar neste blog

luns, 19 de novembro de 2012

Comentario dunha cantiga de amigo

Como exemplo de comentario, déixovos unha análise da cantiga

Sedia-m'eu na ermida de San Simion,
e cercaron-mi as ondas, que grandes son.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!
Estando na ermida ant'o altar,
cercaron-mi as ondas grandes do mar.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!
E cercaron-mi as ondas, que grandes son;
non ei i barqueiro nen remador.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!
E cercaron-mi as ondas do alto mar;
non ei i barqueiro, nen sei remar.
...Eu atendend'o meu amigo!

...Eu atendend'o meu amigo!
Non ei i barqueiro nen remador:
morrerei, fremosa, no mar maior.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!
Non ei i barqueiro, nen sei remar:
morrerei, fremosa, no alto mar.
...Eu atendend'o meu amigo!
...Eu atendend'o meu amigo!

Meendinho
(S. XIII)





Estamos ante unha cantiga de amigo porque está posta en boca dunha muller e porque aparece a palabra “amigo” (por primeira vez no refrán). Ademais, e aínda que non sempre se cumpra, aparece o típico paralelismo –que analizaremos despois-, e o refrán, o que a convirte nunha cantiga de refrán, típica tamén das cantigas de amigo.

            A moza conta como acudiu á illa de San Simón para encontrarse co amigo ante a súa ermida (lugar frecuente para a cita dos namorados); agardando feliz por el, non se percata de que a marea sobe, sumida como está nos seus propios pensamentos-sentimentos, e cando volve á realidade comproba que non pode saír de alí porque non hai ninguén que a axude, e ela por si soa non é quen de valerse. Nas dúas últimas cobras afirma, pois, que morrerá “fremosa”  no medio do mar; caben varias perspectivas para a interpretación desta aseveración:
- A moza peca de narcisista, pois considérase a si mesma dotada de grande beleza.
- A moza sábese demasiado nova para morrer.
- A última opción, e para nós a máis acertada, é que do que de verdade se lamenta a moza é de morrer virxe, de acudir a unha cita ilusionada,  nun lugar no que non hai ninguén, e que o mozo non chegue para amala.

Por suposto, a afirmación da súa propia morte é hiperbólica (figura retórica típica das cantigas medievais), pois todos sabemos que a morte é ficticia: a illa non vai desaparecer porque suba a marea. Así pois, esta hipérbole redúndanos na tese de que a cantiga o que quere expresar realmente é a soidade, o desamparo da moza abandoada pola persoa que ela máis ama: o amigo. E este desacougo reflíctese de maneira única no refrán, un refrán duplicado desesperadamente, unha tráxica chamda de impotencia, unha aflixida agonía que remata constante e vitalmente nunha pregunta retórica que supoñemons nin ela mesma quere contestar: “¿E verrá?”.  Nin o mar, nin as ondas, nin os ouvintes da cantiga, poderán respostar a esta chamada anguriada dunha moza namorada, unha dúbida corrosiva sobre os verdadeiros sentimentos do amado.

EN CANTO Á FORMA vemos que é unha cantiga de refrán (os dous últimos versos de cada cobra, neste caso, idénticos), que presenta paralelismo cada dúas cobras (o primeiro verso da primeira cobra co primeiro verso da segunda, o segundo verso da primeira cobra co segundo verso da segunda, e así sucesivamente), e leixaprén, convertendo o segundo verso de cada par de cobras en primeiro verso do par seguinte. O paralelismo presente fai cambiar o hemistiquio final por un sinónimo, ou utiliza a alteración na orde das palabras. Así pois, dunha cantiga de 24 versos, só 5 nos aportan realmente información.

O esquema rimático é o seguinte:

            A               B                 A                B                  A                B
            A               B                 A                B                  A                B
           
Como é habitual, o refrán non rima co resto da cantiga.

            A rima é macho ou aguda ao longo da cantiga, en cobras alternas.

            Os versos son de arte maior, aínda que nesta cantiga non se dá o isosilabismo, salvado pola musicalidade e a cadencia rítmica.

            Pola súa forma interna, diremos que estamos ante unha cantiga monologada, aínda que hai unha pequena presencia de elementos narrativos, como a alternancia verbal, que vai dende o pasado ata o futuro, establecendo así unha progresión na acción.


            EN CANTO AO SUBXÉNERO da cantiga, poderiámola incluír dentro das Barcarolas, xa que se desenvolve nunha paisaxe mariñeira (¡e tanto!), aínda que tamén aceptemos a clasificación de cantiga de Romaría, xa que o lugar elixido para o encontro dos namorados é unha ermida.

            NON aparecen personaxes, só a moza protagonista, suxeito lírico da cantiga, caracterizada fisicamente tan só polo adxectivo “fremosa” xa analizado anteriormente, e que manifesta o sentimento de coita tan propio das nosas cantigas.
 

domingo, 18 de novembro de 2012

A lingua dos cancioneiros

Para que vos sexa máis fácil entender as cantigas que estamos a ler, déixovos estes breves apuntamentos que tamén tedes na presentación anterior:



A lingua galego-portuguesa era na Idade Media un idioma normalizado empregado pola totalidade das clases sociais, ademais gozaba dun enorme prestixio fóra dos límites de Galicia, polo que se empregaba en toda a poesía lírica.



1.- CARACTERÍSTICAS FONÉTICAS

    1.a. Sistema vocálico:

-          Presenza de vogais nasais como resto dun N intervocálico. Ex.:                                                          
                        
                                            BONUM > bõo

-          Abundancia de hiatos como resultado do contacto de dúas vogais ao desaparecer unha consoante latina intermedia. Ex.:

                                                        CREDERE > creer

                                  
-          Elisión das vogais átonas finais sobre todo nas formas pronominais. Ex.:

                                                           Vej’ eu


-          Vacilación do timbre das vogais átonas podendo coexistir varias formas. Ex.:

                                                 Costar / custar


    1.b. Sistema consonántico. Destaca a existencia dun grupo de tres parellas de sibilantes e unha parella de bilabiais.


Nome
Fonema
Grafía
Pronuncia medieval
Fonema e grafía actuaia
Fricativas
            palatais
/z/
G (+e,i) agiña
J (+a,o,u) enveja
J francés (jambe)

/s/
 x : xogar
/s/
X leixar

Actual X

Africadas
/s/
C(+e,i) mancebo
Ç (+a,o,u) alçar
“ts” inglés (it’s)

/   /
C  -    Z
/z/
Z   fazer
“ds” inglés (ads)



Fricativas
apicais
/s/
-s-  cousa
“s” sonoro
francés (poison)
/s/

S  sal
/z/
s-, -ss- saisse


Bilabiais
/b/

B   ben
Actual B
/b/

B     -    V
/v/
V  vivir
“V” francés
cheval






2.- CARACTERÍSTICAS MORFOSINTÁCTICAS

.- Os nomes rematados en –OR eran de xénero invariable: “mia senhor”

.- Os artigos varían entre “o, a, os, as, lo, la, los, las”

.- Os posesivos tiñan unha forma átona e outra tónica (“sa”)

.- Os demostrativos contaban coa forma reforzada “aqueste”.

.- Os pronomes persoais sofren unha enorme vacilación tanto nas formas tónicas coma nas átonas.

.- Non hai diferenza entre os verbos “haber” e “teer”, e “ser” e “estar”.

.- Non hai obrigatoriedade de usar o artigo diante do posesivo

.- O pronome anafórico “i” empregábase co significado de “aí” ou “niso”.



3.- CARACTERÍSTICAS LÉXICAS:   

Destaca a existencia de préstamos do francés  e do provenzal:

                                    “greu” (difícil)
                                    “assaz”  (bastante)
                                    “prez” (dignidade)

sábado, 17 de novembro de 2012

Normas métricas da poesía medieval



A creación artística medieval movíase dentro duns estreitos límites estilísticos e temáticos e estaba rexido por métricas recollidas na “Arte de Trobar”.

.- METRO: Na métrica galego-portuguesa medieval cóntase ata a última sílaba acentuada. Os versos máis empregados foron os decasílabos e os octosílabos, aínda que podemos atopar unha ampla variedade de combinacións silábicas.

.- RITMO: o ritmo da poesía medieval aséntase na monótona repetición paralelística e no equilibrio do isosilabismo (igual número de sílabas en cada verso).
Se hai algún metro non regularizado, a irregularidade sería corrixida pola melodía musical. Os trobadores modulaban os ritmos das súas composicións a través dos Encabalgamentos.

.- RIMA: Segundo o acento, os versos poden ser Machos ou Femias. Son Machos os que acaban en palabra aguda. Son Femias cando os versos rematan en palabra grave.
Na poesía medieval abundan as rimas gramaticais nas que se asocian palabras de igual categoría.


            Dende un punto de vista FORMAL as cantigas poden ser DE Refrán ou DE Mestría.
.- CANTIGAS DE REFRÁN: Están constituídas normalmente por un número de 4 versos en cada cobra co seguinte esquema rimático “abba CC”. Son máis frecuentes nas cantigas de amigo.
            O REFRÁN é un ou varios versos repetidos sistematicamente na mesma posición ao longo da cantiga, ao final ou no corpo da cobra. Podía ter un número distinto de sílabas có resto dos versos da cantiga
.- CANTIGAS DE MESTRÍA: Non levan refrán. Polo xeral consta de tres ou máis cobras regulares e a rima preferida é a aguda. O número de versos de cada cobra é polo xeral sete, podendo variar.